Jorge Castro traballa na biblioteca municipal da Sagrada Familia, pero antes foi actor, director e autor de teatro. Hoxe ás 19.00 horas estará no Fórum Metropolitano para dar unha conferencia sobre esta arte na Segunda República, no que tamén falará de como influíu na actriz coruñesa María Casares, nacida en 1922.

Casares pasou a Segunda República en Madrid, pero antes criárase na Coruña. Como era o teatro na cidade de entón?

Antes da chegada da República, na Ditadura de Primo de Rivera [que foi de 1923 a 1930], o teatro era máis ben comercial, para nada popular. O público era máis ben de tipo burgués, sobre todo maduro e de mulleres. Non había innovación escenográfica nin novas tendencias, salvo excepcións. Non era popular para nada. María movíase nun ambiente burgués, e seguramente tiña acceso a todo este tipo de teatro.

Que a interesou por esta arte?

Sempre se moveu nun ambiente moi intelectual. Cando o seu pai estaba en arresto domiciliario polos sucesos de Jaca [de 1930] tivo moita relación coa literatura. Eu creo que comezou a raíz de todo iso, e despois, cando chegou a Madrid, de ver teatro. Mamou a política teatral dos gobernos republicanos.

Cal foi esta?

O Goberno tomou como obxectivo, dentro das Misiones Pedagógicas [iniciativas culturais para chegar ao rural], achegar o teatro a toda a poboación, tamén ao rural. Fíxoo con teatro clásico, do Século de Ouro, e a través do Teatro del Pueblo e, indirectamente, a través de La Barraca de Lorca. Transmitían os valores da nova República, da Constitución do 31. Durante a Ditadura non se movera moito teatro clásico: transmitira valores que non interesaban como que os poderes emanaban do pobo, como en Fuenteovejuna. O Teatro del Pueblo, cando xiraba polas vilas, atopaba moita oposición por parte das clases pudintes.

"A República empregou o teatro para transmitir os valores da Constitución do 31"

Que iniciativas houbo en Galicia?

O Teatro del Pueblo non chegou a actuar. Si La Barraca. A primeira xira tras a súa estrea en Toledo foi en Galicia. Estiveron na Coruña, e despois foron a Santiago, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ribadeo. O día que chegaron fixeron tres entremeses no teatro Rosalía: La cueva de salamanca, La guarda cuidadosa e Los dos habladores. Alonxáronse no Hotel Atlántico, e o segundo día intepretaron no Rosalía La vida es sueño. Pola noite, realizaron esa mesa representación na praza de María Pita.

E conseguiron boa acollida do público coruñés?

Houbo cheo tanto no Rosalía como en María Pita. Era unha novidade. Daquelas non era tan habitual o teatro clásico. E en La Barraca non representaban tal cal cada obra, senón que Lorca intentaba innovar escenograficamente e adaptalo á época.

Como era esta actualización?

La Barraca innovaba máis que o Teatro del Pueblo neste sentido: facían representacións vestidos con traxes contemporáneos. Quitaban algunhas partes da obra que non tiñan tanto sentido naquel momento e rescatábanse outras. E escenograficamente innovábase moito.

"La Barraca innovaba sobre o teatro clásico"

Que outras iniciativas de teatro popular houbo en Galicia?

O resto do teatro seguía sendo comercial, pero a República tamén creou o Teatro de Fantoches, ao amparo das Misións Pedagóxicas, que dirixiu Rafael Dieste. A súa estrea foi en Malpica, e foi un acontecemento na vila: hai fotos da época nas que se ve a praza chea. Pretendía quedar a sitios onde non podía chegar o Teatro del Pueblo pola súa infraestrutura. Tamén se difundiu o teatro clásico a través das bibliotecas das Misións Pedagóxicas. Cando entrou no Goberno a CEDA [en 1934] asfixouse economicamente a estas iniciativas teatrais.

E esta vertente máis popular influíu en María Casares?

Todo o que viviu en Madrid tivo bastante influencia: viu o teatro de Margarita Xirgu, que presentou Yerma, e despois traballou con ela en Buenos Aires. Cando chegou a Francia notou un retroceso en comparación coa promoción cultural que fixera a República. Foi máis actriz de teatro que de cine, e destacou sobre todo na interpretación do clásico; algo que creo que viña en parte da influencia que tivo na adolescencia.

Tras o acto farán unha representación dramatizada de cartas entre María Casares e o seu pai, o político coruñés Santiago Casares Quiroga.

Farao o club de teatro que levo na biblioteca da Sagrada Familia. Este ano centrámonos no ciclo de María Casares. Será correspondencia sobre todo do 47 e 48, cando ela traballaba en Italia, Ibiza, Marrocos. Faremos unha lectura con movemento escénico. A partir de maio, cando se faga unha exposición sobre Casares, farase a obra engadindo máis partes.