Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un Goberno municipal instalado na crise

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Francisco Jorquera Voceiro do grupo municipal do BNG

Creo que é xusto admitir, pese á miña condición de voceiro dun grupo municipal da oposición, que o acceso de Inés Rey á Alcaldía da Coruña en 2019 xerou unha importante expectativa, que mesmo foi alén da que produce a chegada de todo novo goberno. A Coruña tiña por primeira vez unha alcaldesa eleita democraticamente. Unha persoa que, en tempo récord, gañara contra prognóstico as primarias do PSOE coruñés para logo, a rebufo de Pedro Sánchez, acadar un triunfo nas eleccións municipais que tan só un ano antes ninguén se atrevería a prognosticar.

E creo que tamén é xusto admitir que a actitude responsábel e colaborativa da oposición facilitou o tránsito de Inés Rey na Alcaldía. Ante a crise provocada pola pandemia, todos os grupos aparcaron as súas diferenzas para daren unha resposta conxunta, plasmada en dous Presco, resultado das achegas e do voto favorábel de todas as formacións políticas con presenza na Corporación. Por iso causa perplexidade e asombro o xeito en que o grupo de goberno do PSOE está a dilapidar a confianza que lle deron as e os cidadáns: estamos ante un goberno municipal instalado nunha crise permanente.

Desde o inicio de mandato, xa levamos tres crises no Goberno local, con reaxustamentos de áreas, retirada de competencias, expulsións do goberno e demisións. Os sismos internos traducíronse tamén en mudanzas de direccións de área ou na estrutura de asesores. O último episodio foi a saída da Corporación, a demisión, de Juan Manuel Díaz Villoslada. O concelleiro de máis prestixio do Goberno municipal e que estaba á fronte da principal área investidora. Unha demisión que, ademais, fixo aflorar fortes discusións e disputas internas no seo do gabinete que preside Inés Rey.

Mais o grave é que os problemas do grupo de goberno repercuten en toda a cidade. No Concello a parálise e falla de impulso cada vez é máis palpábel, cun Executivo coruñés ensimesmado e que está a rachar as vías de diálogo coa oposición. Dificilmente pode practicar o diálogo un Goberno local incapaz, mesmo, de dialogar consigo mesmo.

Unha situación agravada por un xeito de funcionar que ten como principal característica o feito de unha persoa actuar como alcalde na sombra, asumindo, de portas para dentro, todos os poderes. Acredito nas grandes potencialidades que ten A Coruña, pero nos últimos anos existe a percepción de que a cidade está a perder impulso. Falta proxecto de cidade. Teño a sensación de que A Coruña funciona por inercia, sen unha dirección que lle forneza un horizonte claro cara ao que avanzar.

A situación dun Goberno municipal instalado na crise non é a mellor para devolverlle á nosa cidade o impulso e o horizonte de futuro que necesita.

Tracking Pixel Contents