La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Bea a de Estrella Música e cantautora, presenta o seu novo disco o venres no Ágora

“Que Pablo Milanés participe no disco, en galego, é un soño cumprido”

“Mareira’ é un cúmulo de emocións e sensacións, unha viaxe”

A cantautora Bea a de Estrella. | // LA OPINIÓN

A cantautora galega Bea a de Estrella subirá sobre o escenario do Centro Ágora para presentar ante o público coruñés o seu último traballo, Mareira. Farao o vindeiro venres, 8 de abril, ás 21.00 horas, nun acto que abrirá a poeta Yolanda Castaño, que lerá o poema Luz para tanto mar, unha composición escrita especialmente para o disco. Non é o único gran nome que acompaña a Bea a de Estrella en Mareira: o traballo, composto por libro e disco, conta coa participación de Pablo Milanés, a música africana de Mü Mbana e a escritora Rosa Aneiros. A dirección do videoclip, que se presentará tamén no centro Ágora, correu a cargo de Jairo Iglesias.

Presenta un disco que non deixa pau sen tocar. Música, literatura, poesía...

É un libro-disco motivado por facer algo diferente. No outro traballo había pintura, neste se suma a literatura, no outro tamén había poesía, e neste sumamos varios temas e cousas que ían no disco e nas cancións. Decidimos facer libro-disco porque hai un relato que fai Rosa Aneiros, hai un poema que fai Yolanda Castaño, e despois fotografía e pintura. Eu penso que arredor da música se xeran moitas emocións e moitas sensacións, e este é un traballo moi ambicioso, que abarca moitas cousas, e sobre todo no que se fixo a cuadratura do círculo.

É un proxecto que leva, detrás, grandes nomes: non so o de Rosa Aneiros ou Yolanda Castaño, senón tamén o do mítico Pablo Milanés, que colabora co proxecto.

Si. Participa en Mareira, a canción que da título ao disco, en galego. É un soño cumprido, despois de cantar e escoitar dende nena os seus discos, que de repente cante unha canción túa, podes imaxinar o que é. Indescritible. É o que é Mareira, unha sensación de emocións, e de quitar o que tes dentro para fóra e darlle un pouco de xeito. Despois, hai unha canción do disco, que é un tango, que está adicada a miña tía, María Pérez Grobas, que tivo unha vida moi bonita, de película, en Bos Aires. Rosa Aneiros narra esa historia.

O disco rende homenaxe á historia de migración da súa tía. Cal foi este periplo?

Penso que o máis importante do disco é Mareira, é como unha marexada. Digamos que marexada en galego non existe, e entón buscamos a palabra de mareira, que é todo ese cúmulo de sensacións e de emocións, que nace nun punto no que estás moito máis sensible, na casa, sen poder saír, e empezar a pensar un pouco no que é a túa vida. E dentro da túa vida, hai unha historia moi bonita e moi fermosa, a da túa tía. Por iso falo con Rosa e decidimos ampliar o que era a canción, e o que podían ser unhas liñas, nun relato, e Rosa crea este relato. É a historia de María, que emigra a Bos Aires nos anos 20, e ten a súa vida alí, e casa cun compositor de tangos. E ata aí podo ler, que hai que comprar o libro.

O libro-disco está cheo de referencias culturais, tanto na diáspora en Bos Aires como do que quedaba na Coruña.

Si. Escribe Rosa Aneiros sobre esa liña que une dous mares, e esa herdanza cultural, tradicional e migratoria que todos temos. No disco tamén hai cancións adicadas ao tema migratorio. Hai unha canción, que se chama Vento do mare, na que colabora Mü Mbana que é un artista africano, e tamén participan unhas cantareiras. É un disco fusión, pásase dunha bossanova como é Mareira, a un tango, ao Cabo Verde, ao Vento do mare, que é unha canción de fusión entre dúas augas, a un bolero, ata algo cercano un pouco aos Beatles. É como unha viaxe. Detrás de Mareira hai moita xente detrás, moitos músicos de primeiro nivel, moitos arranxos, moitas gravacións e cantautores que tamén colaboraron. É algo que sobrepasa a música, a literatura e traspasa as emocións, por iso queremos que sexa unha viaxe na que ti te sentes e escoites e teñas a sensación de que nós estamos no salón da casa facéndoche un concerto privado.

Inclúe manifestacións da cultura africana no disco como un xeito de dar o seu lugar a esa migración do século XXI, con moita preponderancia de persoas procedentes dese continente?

Exactamente. Nesa canción fálase un pouco dos mares que nos abrazan, e non dos mares que nos dividen, de acoller tamén a toda esta a realidade, que agora mesmo temos aí tamén. Non só está o tema de Ucraína, tamén está Marrocos e o Sáhara. Hai unha canción na que facemos unha adaptación dunha canción da compositora Marta Gómez, de Colombia, que é unha canción que eu canto moito que se chama Para la guerra nada, que nunca pensamos que fora a estar tan de actualidade como neste momento. Esa canción a cantan moitos cantautores de aquí e de fora, como Tato López, César de Centi, París Joel, Inés Suárez, e eu mesma, cun arranxo de Alejandro Barbas, que xa sabemos a traxectoria que ten como pianista.

Compartir el artículo

stats