A escritora Arantza Portabales presenta este martes, ás 19.00 horas na libraría Bululú da Coruña, a reedición da súa primeira novela, Sobrevivindo. Unha versión ampliada e renovada que permite coñecer máis fondamente ao personaxe de Val Valdés e o fascinante mundo dos reality shows. 

Reedita a súa primeira novela, Sobrevivindo, sete anos despois da súa publicación. Non é o máis habitual de ver.

Si. Máis que unha reedición, é unha ampliación, unha renovación total, porque a min a editora pediume que traducira a novela ao castelán. A que saíra no 2015 era unha novela moi curtiña, e entón dixen que vale, pero que quería facela máis grande. Sobre todo, quería afondar no personaxe, reescribila. Eu madurei na miña escrita, co cal o que estaba escrito tamén o reescribín. Os alicerces da novela son os mesmos, pero o demais non ten nada que ver. Cando xa a teño en castelán, dígolle a Galaxia se a quere volver sacar, porque o lector de galego merece esta edición ampliada, sobre todo porque, como foi a miña primeira novela, e se publicara por entregas no xornal, non tivera moita repercusión. Estou segura de que os lectores de agora a van ler con outros ollos. 

Adoita dicirse que as comparacións son odiosas. Porén, vostede anima ao lector a comparar. En que se aprecia a súa evolución como escritora?

Tiven que facer un exercicio importante de intelixencia. Tiven que loitar contra a miña soberbia como escritora actual, e respectar a escritora que era no ano 2015, e manter o que esa novela tiña de bo nese ano. Entón era unha sin-vergonza, así separado. Estaba facendo unha primeira novela, moi fresca, non me importaba o que a xente pensara de min. Fixen o que quixen. Agora teño que manter esa frescura e, ao mesmo tempo, vestila dunha madurez literaria que xa fun acadando. Penso que esa combinación da escritora do 2015 coa do ano 2022 fixo unha mellor novela. 

É como unha novela escrita por dúas persoas distintas? 

Dende logo. Eu nos agradecementos sempre falo para a xente que quero, para a miña xente. Vounos enumerando. Esta vez non o fixen así: esta vez din as grazas ás editoriais por deixarme poñer en contacto á Val Valdés de 2015 coa de 2021, e, polo tanto, poñer en contacto á escritora que eu era coa que son agora. Ninguén é quen de xulgar ao escritor que foi. Eu non xulguei á escritora que fun, boteille unha man. 

Así como hai dúas Arantzas, agora hai tamén dúas Val Valdés. En que novas arestas do personaxe afonda o texto?

Agora imos entrar de cheo. Imos coñecer máis a Val, á que está no reality, a súa infancia, imos coñecer á súa nai, que era unha personaxe que estaba moi difusa, imos coñecer eses primeiros momentos nos que ela deixa Santiago e entra na grande sociedade de Madrid. É ir engadindo fotografías ao álbum de Nadal de Val Valdés. Esta novela non é máis que un puzzle, un montón de anacos da vida de Val Valdés, que, cando o rematamos, conseguimos que o lector teña o puzzle completo. Unha vez se ten ese puzzle, é moito máis grande, moito máis divertido. 

Entenderemos agora mellor a Val Valdés?

Si, porque é unha construción máis grande. Cando me preguntan de que vai a novela, digo que sobre a culpa, sobre a comunicación, sobre a morte. Non vai sobre nada, é a novela de Val Valdés, unha novela de personaxe. Ao final, é un pouco a vida de todos nós, porque son tres décadas da vida dunha muller que poden ser tres décadas da nosa vida, unha novela que reflicte claramente como fomos e como xa non somos. Non nos recoñecemos. Vexo como era a adolescencia de Val Valdés e non nos recoñecemos. Calquera rapaz desa idade que lea hoxe en día a novela, non vai entender os mecanismos do que lle está a pasar, os das súas angustias, porque non viviu na mesma sociedade ca ela. 

O libro afonda no mundo dos reality shows, cuxa percepción cambiou moito dende o primeiro Gran Hermano, que foi un fenómeno de masas. Tanto nos transformamos polo camiño?

Somos completamente outros. Se o pensas, o que nos engaiolou do primeiro Gran Hermano foi que entramos, de súpeto, na vida cotiá da xente. Antes, a vida estaba nas rúas, pero cando chegaban a casa, pechaban as portas e xa non sabiamos como era a xente na súa casa. Isto agora xa non sucede. Todos sabemos como somos na ducha, no restaurante, na cama, porque todos expoñemos a vida social en redes sociais. Xa non é un misterio como é a xente cando se ergue polas mañás ou cando está almorzando. Naquel intre supuxo unha revolución tan grande entrar na vida cotiá porque os únicos que expoñían a súa vida eran os príncipes e as princesas do Hola. De repente, ábresenos unha pequena mirilla. E un país enteiro parou para ver a xente lavar os dentes, facer unha festa, decidir quen facía a compra, pasear, estar nun jacuzzi, botar un polvo... de repente, asomámonos á cotiandade dos demais. E fascinounos.