La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

María García | Voceira da Marea Atlántica e exconcelleira de Medio Ambiente

“Estou moi satisfeita con este mandato. Non tiñamos o Goberno, pero marcamos a axenda”

“Creo que Marea ten moito sentido nestas circunstancias, non hai medo a que desapareza”

María García, onte, na sede de Marea Atlántica. | // VÍCTOR ECHAVE

Nin a voceira de Marea Atlántica, María García, nin ningún dos outros catro concelleiros da formación —Iago Martínez, Alberto Lema, Claudia Delso e Silvia Cameán— repetirán na candidatura das municipais do 2023, tal e como adiantou este diario, en cumprimento do código ético, que limita a dous os mandatos de representación política. No seu caso, foi concelleira de Medio Ambiente, na primeira lexislatura, e voceira da formación na oposición, intentando condicionar os orzamentos e os proxectos a facer do Goberno local, no denominado “pacto á coruñesa”, que facilitou a investidura de Inés Rey como alcaldesa.

Queda un ano para as eleccións municipais e ninguén de vostedes repetirá na lista, non é moi cedo para tomar esa decisión?

Hai un cansazo acumulado. Foron sete anos, pero pasaron moitas cousas. Hai sete anos nin existía a Marea Atlántica, montamos a candidatura, gañamos as eleccións, gobernamos e foron catro anos de asedio. Despois, eu asumín a portavocía logo de que marchase Xulio Ferreiro. E esta semana xa se inicia o proceso da Marea Viva, é unha secuencia de pasos. A xente do grupo municipal manifestamos que non imos continuar e este xa é o pistoletazo de saída para ter os ollos postos no 2023.

Ao non cambiar o código ético xa estaba claro que non habían seguir, houbo moito debate?

Foi unha proposta da coordinadora, que se someterá a debate e a referendo nese gran congreso. Valoráronse varias cuestións, como o de ter caras coñecidas, pero tamén outras, como por que e para que xorde a Marea Atlántica. Desde o meu punto de vista persoal non xorde para que os que estamos nela nos perpetuemos ou para facer carreira na institución nin para empezar a ter lóxicas de autosupervivencia senón para meter inputs novos, para que o Concello se pareza á rúa... Esa é a filosofía. A coordinadora propón manter esa cláusula no código ético e eu estou totalmente de acordo. Veremos que opina a Marea Viva.

Foi dura a decisión?

Para min, non, era natural, porque estamos de paso e era a proposta inicial. Moitas veces, o máis doado é a inercia, pero a inercia non adoita ser o mellor para un proxecto político e hai que sabelo ver.

Temen dar a impresión de que ninguén se quere poñer á cabeza da Marea cando dúas compañeiras —vostede e Silvia Cameán— renuncian a presentarse en 2023?

Non, porque nós levamos xa oito anos. O sinxelo é a inercia, o que dá máis vertixe é darlle a volta a todo e a renovación, pero é necesario. Fixemos cousas máis difíciles e con mellores resultados. A min tamén me parece interesante o reto.

Nos primeiros anos tiveron que aprender como funcionaba a institución, non se desaproveita o coñecemento adquirido ao non repetir ningún dos concelleiros con experiencia de xestión na lista?

Eu creo que ese coñecemento non se perde e que está no colectivo. A experiencia xa a ten a organización e nós, os que vivimos o día a día no Concello dun xeito máis intenso, tampouco marchamos a ningún lado. Paréceme bonito ampliar o grupo de persoas que ten o coñecemento, as ferramentas e a experiencia e non depender sempre dos mesmos catro, cinco ou dez. É un xeito de asegurar o futuro. Esa reflexión tamén a fixemos nós.

Na súa despedida sinalaba que seguiría na Marea mentres siga sendo o que é, tamén o seu compañeiro Iago Martínez fixo referencia a esa descrición, a que se referían?

Nós temos un compromiso, eu falo por min, pero seguramente el pense algo parecido, que é que nos comprometemos cun xeito de facer política moi xeneroso, de base cidadá, con altruísmo e radicalidade democrática. Estamos comprometidos con ese xeito de facer política e non con recuperar fórmulas do pasado que xa sabemos que non funcionan.

Queda un ano para facer a lista e tecer alianzas, se é o caso, chega coas persoas que están na Marea para configurar unha nova candidatura ou haberá que facer fichaxes de fóra?

Eu vexo perfís marabillosos, tanto a nivel de potencia e ilusión e coa experiencia colectiva que temos. En 2014 creouse algo da nada e ao ano seguinte gobernamos e tivemos ao mellor alcalde da Coruña. Estamos seguindo os prazos que nos marcamos, non se trata só de armar unha candidatura senón de facer un programa, de falar coa cidade e de identificar os obxectivos políticos.

Saber xa que non van seguir na Corporación municipal o ano que vén, pode condicionar os futuros pactos que queden por diante co Goberno local e cambiar o rumbo desta derradeira parte do mandato?

O que vén condicionando os acordos co Goberno local é o interese da cidadanía. Nestes tres anos, a Marea Atlántica aprobou dous orzamentos e se non aprobamos tres foi porque o Goberno local non quixo presentar un proxecto en 2021. Cando temos que criticar ao Goberno local, facémolo, cando temos que chegar aos tribunais, tamén chegamos. O que demostramos é que o que guía as decisións da Marea Atlántica é o interese xeral. Paréceme moi interesante reivindicar isto, porque nós non estamos nin con intrigas de corredor nin con cuestións que á xente non lle importan nada. Estamos ao que a cidade precisa, como que os orzamentos teñen que ter unha base progresista clara. Se hai que criticar o deterioro democrático en María Pita tamén se critica e a iso estamos. A postura da Marea Atlántica non depende das persoas que estamos aí senón de que é o que precisa A Coruña.

Están sendo máis duros os anos na oposición que os do goberno?

A política municipal é moi intensa, pero estou satisfeita porque creo que fixemos o que tiñamos que facer. A Marea Atlántica traballa, ademais de falar e de sacarse fotos, condiciona e modifica propostas do Concello. Acabamos de codeseñar os orzamentos e son orzamentos dun marcado carácter municipalista. A iso viñemos, a traballar moitísimo, a condicionar as políticas municipais cara ao progresismo e cara ás necesidades da xente da rúa. Eu estou moi satisfeita con este mandato. Aínda que non tiñamos o Goberno, marcamos a axenda.

Cando naceu a Marea pensaban que se poderían cambiar moitas máis cousas e facelo dun xeito radical, que espiñas lle quedan de non ter podido cambiar nestes anos?

Moitas. Eu creo que se lle deu un cambio de rumbo á cidade. Consolidar un modelo de cidade require máis dun mandato e eu creo que é un percorrido que non se acaba nunca. Hai que seguir traballando pola xustiza social, polo feminismo, pola igualdade, pola emerxencia climática... Temos un modelo de cidade visible e hai que afondar nese camiño iniciado.

Quédalles tempo neste ano para facer algún proxecto que consolide o legado da Marea?

Si, a esixencia é executar o orzamento que ten cuestións tan necesarias como o plan de saúde mental, o plan de vivenda... Todas esas partidas e proxectos teñen que chegar á cidadanía. Que escusa poden ter agora para non executalas? Estaremos pendentes de que eses acordos aos que chegamos se convertan en políticas urbanas materializadas.

Que foi o mellor destes sete anos?

O mellor valor da Marea é a súa xente. Na miña experiencia, o mellor foi xestionar Medio Ambiente.

“A confianza en Podemos está tocada. As forzas progresistas estaban unidas e rompeu o grupo”

decoration

Yolanda Díaz dixo que se reunira con Xulio Ferreiro, hai posibilidade de facer outra vez un conglomerado de forzas de esquerdas e cunha candidatura conxunta?

As noticias que eu teño é que o encontro foi persoal, porque se coñecen de antes e non hai ningunha proposta enriba da mesa para a Marea Atlántica procedente dese proxecto. Aquí [á sede da formación] non chegou nada. Nós seguimos co noso calendario e coa nosa estratexia. Teremos que debater onde queremos estar e marcar o noso camiño e se chega algunha proposta estudarase.

Está a fenda aberta con Podemos, que foi na lista da Marea e despois, a súa concelleira entrou na Corporación como non adscrita, ela, porén, confía en que irán todos xuntos outra vez, cal é o posicionamento da Marea?

O noso é máis escéptico, porque as forzas progresistas xa estaban xuntas e Podemos decidiu romper o grupo municipal. A confianza está moi tocada. Houbo moitas persoas que votaron a lista da Marea porque era unha candidatura de confluencia e que viron que se rompía polos cálculos de Podemos e por reivindicar a súa marca e a súa voz, pero esa non foi a promesa que se fixo nas eleccións. Cremos que a Marea está a facer moi bo traballo, para marcar as políticas municipais e imos seguir traballando tanto o que queda de mandato como despois. Se chega unha proposta desde fóra, estudiarase coma todo.

En todo caso, a última palabra teríaa a militancia, non?

Por suposto, como facemos sempre.

Temen que desapareza a Marea logo de dous mandatos?

Non, a verdade é que non, creo que temos moito sentido aínda, sobre todo coas circunstancias actuais. Creo que fixemos moi bo traballo e temos que continualo.

Xa centrada no eido municipal, e non coa vista posta nas autonómicas nin noutros proxectos máis alá do municipalismo?

Agora mesmo estamos centrado no municipal.

E no futuro?

Xa se verá.

Vese en política máis adiante?

Quen sabe? Eu agora véxome coidándome e coidando á xente da miña casa e botando unha man aquí.

Compartir el artículo

stats