Definición: subst. e adx. m e f. Persoa que propaga ou promove discursos contrarios ao pensamento crítico e á ciencia, dando pé a miúdo a conspiracións sen base científica. NOTA: esta verba non figura (aínda) no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Pseudociencia: corrente de pensamento acrítica e non validada cientificamente que finxe rigor científico sen telo. Conspiranoia: teoría conspirativa sen ningún tipo de fundamento real e lóxico (palabra resultante da fusión de conspiración e paranoia). Antivacina: persoa ou colectivo que está en contra da aplicación de vacinas aos seres humanos e tamén aos animais domésticos. Lobby: grupo de presión. Falabarato: que fala sen tino ou fala por falar. Estas acepcións non aparecen (aínda) no dicionario da RAG, se ben falabarato aparece con esa definición en DiGalego.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? As verbas magufo e magufa proveñen, moi probablemente, da unión da palabra mago (persoa que coñece e emprega a maxia) coas siglas inglesas UFO (Unidentified Flying Object, obxecto voador non identificado). Outra explicación, menos probable, é que magufo puidese derivar de Mr. Magoo, personaxe de cómic creado en 1949 por Millard Kaufman (1917–2009) e John Hubley (1914–1977) e caracterizado pola súa miopía, engadíndolle as siglas UFO. En todo caso, a palabra magufo foi popularizada en 1997 polo musicólogo noiés Xoán M. Carreira (n. 1954) a través dunha lista de correo electrónico chamada Escépticos, así como da revista El Escéptico (primeiro número de 1998). Magufo estendeuse co comezo do século XXI en círculos científicos para referirse aos pseudocientíficos, que xa daquela promulgaban por internet e a través de autopublicacións (sen ningún tipo de arbitraxe científica) todo tipo de conspiracións e teorías inverosímiles para explicar diversos eventos complexos, como o cambio climático, o burato da capa de ozono ou o efecto das vacinas nos seres humanos.

Por que está en auxe esta palabra? Sen dúbida, o uso máis recente de magufo vén dado pola pandemia de COVID-19 que leva afectando a China desde finais de 2019 e ao resto do mundo desde comezos de 2020. Xa na propia explicación da orixe do virus SARS-CoV-2 que causa a COVID-19, os pseudocientíficos suxerían todo tipo de conspiracións de lobbies secretos na súa creación e difusión, algo que se estendeu e magnificou co desenvolvemento da primeira vacina contra a doenza da man dos científicos alemáns de orixe turca Özlem Türeci (n. 1967) e Uğur Şahin (n. 1965). Os magufos non só dubidan da efectividade da vacina, ignorando os informes da Axencia Europea do Medicamento e da Organización Mundial da Saúde, senón que afirman que a través das doses de inmunización os lobbies secretos inxectaban desde velenos ata microchips para o control remoto do individuo vacinado. O foco destes magufos non só está nas vacinas: defenden a prevalencia da homeopatía sobre a medicina moderna, consideran a astroloxía como unha ciencia “válida” e mesmo cuestionan o cambio climático. En efecto, para os pseudocientíficos o quecemento global ou ben non existe, ou ben afirman que a contaminación derivada das accións humanas nada ten a ver co efecto invernadoiro e o conseguinte quecemento planetario, a pesar das esmagadoras evidencias e o consenso da comunidade científica global.