12 de setembro de 2019, primeiro Pleno ordinario do actual mandato municipal. No seu transcurso, acórdase por unanimidade, e a iniciativa do BNG, interpoñer unha demanda para reclamar a restitución ao Concello da Coruña da Casa Cornide, usurpada polos Franco en plena ditadura por medio dunha operación fraudulenta.

Pois ben: dende decembro de 2020, o Goberno municipal dispón dun informe xurídico que confirma que si existe base legal para a presentación desa demanda. Pasa o tempo, case un ano, e en novembro de 2021 o Executivo coruñés anuncia que as accións xudiciais se formularían antes de que rematase ese ano.

Mais o tempo continuou a pasar e hoxe, seis meses despois de que vencese ese prazo, a presentación da demanda segue sen se concretar.

E non será porque o BNG non se interesase veces por esta cuestión: até en catro ocasións levamos o asunto o Pleno.

Ben, pois o concelleiro responsábel contestou que o BNG o estaba apurando máis que o Papa Xulio II a Miguel Anxo para que rematase os frescos da Capela Sixtina.

É bon lembrar que Michelangelo Buonarroti empregou catro anos en pintar os frescos da bóveda da Capela Sixtina. Tendo en conta que o actual mandato municipal comezou en 2019 e expira o vindeiro ano, o Goberno local vai camiño de investir máis tempo que Miguel Anxo simplemente en preparar o inicio das accións legais.

Por iso o Goberno local ten a obriga de esclarecer se de verdade ten vontade política de emprender a batalla legal para recuperar a Casa Cornide ou se está a xogar a marear a perdiz, facendo ver que se fai.

“No por mucho madrugar amanece más temprano”, chegou a nos responder o Concelleiro de Memoria Histórica, interpelado por esta cuestión.

Nada máis lonxe da intención do grupo que represento que perturbar o merecido descanso do concelleiro e do Goberno local. Iso si, o que lle pedimos ao Goberno local é que o seu sono non sexa o sono da marmota.