La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Xurxo Souto, a quen levou o seu acordeón: “Se mo devolve, aínda facemos unha festiña”

O instrumento desapareceu do coche o luns, no Ventorrillo, carece da tapa que cobre as voces da melodía e leva vinte anos co artista

Xurxo Souto, co seu Castagnari. | // CEDIDA

Xurxo Souto apela á solidariedade musical e ao compañeirismo dos veciños do Ventorrillo para que quen o luns lle levou do seu coche o acordeón, que llo devolva. “De verdade que eu non son rancoroso, así que, quen o levou, que mo deixe nalgún bar ou nunha tenda do barrio e, se quere, aínda facemos unha festiña xuntos”, explica o artista Xurxo Souto, que fai un chamamento para recuperar o que foi o seu compañeiro de traballo e de viaxes ao longo de vinte anos.

“O acordeón diatónico é un instrumento humilde, non vale para mostrar o virtuosismo cando un o toca senón que é para acompañar e para facer festa. Neste caso, o meu acordeón non ten un gran valor económico, pero si sentimental, porque foi un agasallo do mestre Cociña, da zona de Ferrol”, explica Souto, do outro lado do teléfono., a piques de comezar un concerto.

Sabe que o seu Castagnari de cor madeira é facilmente recoñecible, que se alguén o quixese tocalo nalgún bar da Coruña ou dos arredores, sabería que é o del, porque lle falta a tapa que cobre as voces da melodía e non hai ningún con esas características en toda a contorna.

Souto confía en que aparecerá, en que quen o levou se arrepinta de telo separado del e que o entregue, logo de tocalo un pouco estes dous días, porque o barrio do Ventorrillo é un lugar de boa xente, que sabe recoñecer os seus “erros” e que, se pode, arránxaos, ademais, ten a posibilidade de facelo con máis música e botando uns contos con Xurxo Souto. Nunca unha apropiación indebida acabou tan ben e con tanto xeito.

Para Xurxo Souto, este instrumento é moito máis ca un acordeón —sen ser isto pouca cousa, xa que é un “instrumento que respira”, segundo relata o músico, en referencia a como enche o seu fol de aire e como o vai botando para reproducir melodías—, é un compañeiro de traballo e de fatigas, unha peza que serve de pegamento entre o que quere dicir enriba, debaixo ou ao lado dun escenario, e o público que escoita e que se suma ao seu relato.

“Xa a miña avoa dicía que onde había un acordeón había festa e alegría”, lembraba onte Xurxo Souto. Oxalá o seu Castagnari poida estar nas súas mans outra vez e que, quen namorou do acordeón o pasado luns queira participar nun reencontro por todo o alto.

Compartir el artículo

stats