La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Escritora que vén de publicar o poemario ‘Materia’

Yolanda Castaño: “Pecho a páxina da maternidade dun xeito reconciliado comigo mesma”

A escritora galega comenta que a poesía é a ferramenta que ten “para encarar a vida, escudriñar o que sento, sacalo e poñelo en orde dalgunha maneira”

A escritora Yolanda Castaño, co seu libro presentado na libraría Moito Conto. Víctor Echave

A escritora Yolanda Castaño presentou o seu último libro, Materia. O poemario aplica os estados da natureza á sensibilidade familiar e persoal. Dialoga con ela mesma sobre sobre a representación familiar no carácter de cada persoa e tamén sobre a súa decisión con respecto á maternidade. Ao longo dunha trintena de composicións, a poetisa ofrece as súas reflexións persoais, que poden servir de encontro con eles mesmos aos lectores, tamén masculinos, ante unha das decisións esenciais da vida.

Onde naceu a idea para escribir este poemario?

Cuestionando o concepto de matria, que xa levaba un tempo escoitando, introducinlle un “e” para convertela en Materia. É algo moito máis palpable e pegado á terra, ao matérico. A materia, a través dos seus tres estados, permíteme artellar unha estrutura en tres partes: o líquido relaciónase co pasado, o sólido co presente e o gasoso, difícil de atrapar, co futuro. Todo pivota en torno ao tema da familia. Se enfocamos o pasado familiar falamos de devanceiras, de orixes, de xenealoxía e legados familiares. Esa parte adicada ao pasado permíteme falar de memoria histórica. As figuras das miñas dúas avoas permítenme falar da represión franquista e facer historiografía familiar a través dos seus ollos.

Que implica o presente?

O presente é todo o que nos constitúe. Somos unha pequena parte que asoma da materia familiar, aínda que por debaixo hai moito máis: os xestos, os ademáns, as expectativas ou as inclinacións. Con todo iso enténdese a nosa estrutura familiar, aínda que só asome unha parte. Por ese motivo, esa parte chámase Iceberg. Non só os parentes en primeiro grao, tamén a nosa casa, as nosas parellas e ex parellas, ou as amigas. Todos eles contan con poemas dedicados dentro do libro.

E o futuro?

As proxeccións futuras son gasosas, non se poden atrapar. Esa parte chámase Nube. Sérveme para reflexionar sobre a renuncia á maternidade. A nosa familia futura é aquela que pensamos se fundar ou non. No meu caso pecho a páxina da maternidade dun xeito reconciliado comigo mesma. A poesía non debe ser un discurso programático nin contundente. É o terreo no que restregar todos os matices e as dúbidas. Apetéceme dar voz e ofrecer modelos a esta opción que sempre temos as mulleres e que debe ser tan lexitimada e libre coma outras.

Esa dúbida humana é una emoción máis que se ten que plasmar no futuro?

Para min, a poesía é a ferramentas que teño para encarar a vida, escudriñar o que sento, sacalo e ordenalo dalgunha maneira. Enfrontarme a esa cuestión, como case todas as mulleres nestas idades temos que enfrontar, foi algo que me apeteceu poñer por escrito. Como non son a única, tiña ganas de visibilizar estas dúbidas, pero tamén as apostas e os compromisos.

Esa estética intimista permite á lectora e ao lector sentirse identificado?

Non só as mulleres. Tamén os homes, nalgún momento das súas vidas, plantéxanse se queren ter descendencia ou non. É unha das grandes cuestións humanas: o feito de enfrontarse a esa decisión, como valorar os pros e contras, que persoa serás e que persoa deixarás de ser coa paternidade... Son cuestións que nalgún momento das nosas vidas non pasan.

Compartir el artículo

stats