La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Este domingo en Santa Margarida

Xosé Vicente Ferreirós, fundador de Milladoiro: “A música é unha linguaxe universal, para entendela só hai que ter o corazón aberto”

“Sempre que tocamos na Coruña, o público respondeu ben sen importar o escenario”

Xosé Vicente Ferreirós, terceiro pola esquerda, nunha actuación co resto de integrantes de Milladoiro LOC

O grupo de música folk Milladoiro será un dos pratos principais da romaría de Santa Margarida coa súa actuación este domingo ás 21.30 horas, antes dos fogos artificiais. A agrupación volve ao parque coruñés para traer de novo o sonido máis característico dos seus instrumentos e da música celta. Xosé Vicente Ferreirós é un dos seus membros fundadores. Leva máis de 40 anos nos escenarios, xirando co grupo por Galicia e por toda a Península Ibérica, aínda que non esquece a cidade na que comezaron.

Que vai atopar o público coruñés este domingo?

Verán a Milladoiro na súa máis pura esencia. Todos estes anos levamos traballando na música tradicional cun estilo propio que xa está moi definido. A xente identifícanos moi ben. Santa Margarida é un dos lugares no que tocamos sempre desde hai motísimos anos. E o público da Coruña sempre foi moi fiel ao noso son. A nosa primeira actuación foi, precisamente, nos Salesianos hai máis de 40 anos. Desde aquela vez, sempre que tocamos na Coruña o público respondeu ben sen importar o escenario, xa fora en María Pita, no Colón, no Rosalía de Castro ou en Santa Margarida.

Botaban de menos participar na romaría do parque?

Claro que si. É unha romería que ten moito trasfondo. Sempre foi un escaparate da música tradicional que se facía. Vimos de atravesar uns anos raros, pero agora voltaremos á normalidade sen pasos cara atrás.

Como se atopa o grupo neste momento da súa traxectoria?

Vémonos con ilusión e con moitas ganas, como no principio. No momento no que non teñamos ilusión, sería estúpido estar por estar. Se seguimos é porque estamos ilusionados co proxecto. A xente disfruta e participa do que nós propoñemos. Porque non se trata de disfrutar nós unicamente. O certo é que seguimos enchendo alí onde imos tocar. Hai pouco enchemos en Madrid e a semana pasada en Huelva. Xa non só a xente galega goza da nosa música, tamén a de fóra. Nós quizais temos unha vantaxe porque a maior parte dos nosos temas son instrumentais. A música é unha linguaxe universal, para entendela só hai que ter o corazón aberto. Non hai máis trabas. Temos recorrido moito mundo e alí onde fomos, a xente vibrou coa nosa música. Sentimos parte do patrimonio musical que herdamos dos nosos maiores, co que agora recreamos os nosos temas e así chegan a xente de latitudes moi diversas. E aseguro que chegan porque os sentimentos, como a música, tamén son universais.

Chámalle a atención que se valore deste xeito a súa música tamén fóra de Galicia?

Nós comezamos co obxectivo de reivindicar e poñer en valor o noso patrimonio. Fixémolo dun xeito militante, porque había que estar aí. Hoxe en día xa non é necesario porque está moi ben establecida. Agora toca disfrutar máis disto. Por suposto, temos que seguir espraiándoa. É unha música que pode estar en calquera escenario do estado español, en igualdade de condicións ou mellor, sen ser chovinista. É unha satisfacción grande ver que temos ese valor que é importante reivindicar e seguir traballando nel para manter a importancia que nunca debiu perder.

Despois destes 40 anos que levan xuntos, queda Milladoiro para moito máis tempo?

Moito non sei. Nós seguimos coa mesma forza que cando empezamos. Seguimos subindo ao escenario con ese nervio. Loxicamente, tamén imos cumprindo anos. Se preguntas se quedan outros 40 anos de Milladoiro, xa digo que non. Pero si que temos ganas de contuniar ofrecendo o que para nós é o correcto tratamento da música popular. Sobre todo nese son que xa temos identificado. Non estamos para facer experimentos que caen fóra das nosas perspectivas. Nós temos unha maneira de traballar determinada, na que nos sentimos moi cómodos e que é a que coñecemos mellor. Por iso, seguiremos traballando mentres teñamos forzas para elo. Por agora, témolas.

Compartir el artículo

stats