Eris MacKenzie, folclore industrial

O produtor coruñés Carlos Eirís bota a andar o seu proxecto en solitario da man de ‘Meu Ceu’, unha proposta independente que mestura tradición, electrónica e verbena

O produtor e músico coruñés Eris MacKenzie.   | // LOC

O produtor e músico coruñés Eris MacKenzie. | // LOC / marta otero mayán

Música tradicional con beat electrónico e reminiscencias ao campo da festa eminentemente galego: hai cinco anos, una peculiaridade de nicho; hoxe, un fenómeno de masas. A escena urbana de música en galego vive un dos seus mellores momentos. Tradición, verbena galega e vangarda tecnolóxica fanse un oco nas listas de éxitos de novos e non tan novos, e nun caldo de cultivo que invita a explotar a creatividade, xorde unha escena paralela con vocación independente que acredita que a producción propia do país aínda non atopou un teito co que bater. “As etiquetas de música tradicional ou música electrónica hai que poñelas para que a xente saiba onde ubicarte. A miña música ten unha atmósfera escura, reflexo da vida que tiven ata o momento e que, grazas a deus, agora podo contar dende a tranquilidade”. Fala Eris MacKenzie, alter ego do produtor e artista coruñés Carlos Eirís, ata o momento coñecido como unha das patas do grupo Lora, que chegou a actuar no Festival Noroeste como teloneiros de Patti Smith e Nathy Peluso.

Como parte da formación, xa explorara as posibilidades da mestura entre urbano e latino, pero agora as súas propias experiencias vitais, unidas á madurez dos públicos, pedíanlle contar outra cousa diferente. E facelo en solitario. “Víame cunha claridade mental para facer unha catarse de experiencias, relacionadas con problemas mentais e familiares meus que, por moito que sexan negativas, poden axudar. Este proxecto son eu, é a miña vida”, conta Eiris MacKenzie. O primero deses chanzos no camiño de autodescuberta, onde hai lugar para a frustración e para o optimismo, é Meu Ceu, o primeiro adianto do seu disco debut en solitario, unha declaración de intencións sobre os obxectivos da proposta. “En 2020 collín a COVID. Pasei a noite de fin de ano enfermo, na miña habitación. Foi a fin de ano máis feliz que pasei: estiven toda a noite vendo vídeos de electrónica e compoñendo”, conta. Así naceu a peza, que quedou uns anos en barbeito, en paralelo ao florecemento da escena urbana en galego, ata que o creador atopou o momento de se reencontrar con ela.

“Decateime de que a canción seguíame espertando o mesmo que cando a compuxen. Púxenme a arranxala de novo e decidín darlle para adiante”, relata. A banda folk de Ninghures puxo o condimento que faltaba, a instrumentación; que marida perfectamente coas bases electrónicas, cunhas cores máis escuras e de nicho que marcan a diferencia con outras propostas do xénero. “Hai tempo que Galicia deu o paso para colocarse dentro dese mainstream. Quería probar con algo máis de nicho”, confesa.

Faino, desta vez, da man da produtora AAldea, que naceu co firme propósito de facer unha aposta por talentos urbanos cos pés na terra e cos ollos nas posibilidades da tradición e de orientarlles á hora de atopar o seu oco na industria. Talentos do ámbito urbano independente como C Mirazo, Hydn, Kid Mount ou Sky J xa traballan ao abeiro do selo, xerando un circuíto independente con futuro dentro dun panorama que non deixa de medrar en propostas e calidade.

Suscríbete para seguir leyendo