España está construída sobre un polvorín. Temos o peor sistema de vivenda de Europa. Un sector público raquítico, escasa oferta de aluguer asequible, demasiados inmobles baleiros e un dominio apenas contestado dos ciclos especulativos. Con eses vimbios, calquera perturbación no mercado provoca un colosal sufrimento para millóns de persoas. Foi tan cruenta a Gran Recesión que hoxe nos parece pouca cousa que os xulgados da Coruña tramiten máis dun desafiuzamento ao día, pero a inflación e o encarecemento das hipotecas ameazan con sacarnos dese jet lag. Hai risco de incendio no polvorín.

A coalición de Sánchez perde toda a forza pola boca. Segue varada aquela Lei de Vivenda que ía mudar o paradigma só con pronunciar o seu nome en voz alta, mentres asumimos alegremente a débeda da Sareb, factura do ruinoso rescate bancario, sen poder dispoñer do seu patrimonio inmobiliario. En Galicia aínda é peor. Ao goberno da Xunta sáelle a conta poñerse de perfil. Tenmáis de 14.000 persoas a agardar por unha vivenda protexida e sobran os dedos das mans para contar as que entrega cada ano. Unha miseria, pero alguén sabe cal é o modelo alternativo da oposición?

Pode argumentarse que os logros do alcalde Xulio Ferreiro foron modestos, sempre que non se comparen cos actuais. Neste mandato o Concello da Coruña foi incapaz de sumar unha soa vivenda ao parque público, nin nova nin usada. En rehabilitación, entre o 70 e o 80% dos fondos acaban o ano no caixón. Mentres, o prezo do aluguer medra a un ritmo do 8,9% anual e os pisos turísticos, que xa son máis que os que se ofertan para alugar, duplican os que había en 2019. Se comezar o curso co aloxamento cuberto é un via crucis para o estudantado, imaxinemos o calvario das familias con menos recursos.

As escasas políticas municipais de vivenda en marcha veñen do pasado mandato. Velaí a bolsa de aluguer ou as promocións de Xuxán e Marqués de Pontejos. Sería cousa de celebrar se na Marea Atlántica nos conformásemos con levar a razón, pero non é o caso. Hai un ano asinamos coa alcaldesa un acordo ambicioso para levantar un plan integral polo dereito á vivenda, con medidas de aplicación inmediata, visión a longo prazo, voz para o tecido social e máis de 9 millóns de euros. É urxente que Inés Rey se mova e cumpra o comprometido, porque crer que o mercado vai resolver os problemas é pura superstición. Unha superstición, por certo, nada socialista.