La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Único candidato da formación a cabeza de lista nas eleccións municipais

Xan Xove: “A Coruña non é a mesma sen Marea Atlántica, os outros grupos non recollen a súa axenda”

“A lista sae dun proceso de tres meses nos que foron consultadas ducias de persoas”

O único candidato a encabezar a lista electoral de Marea Atlántica, Xan Xove. | // VÍCTOR ECHAVE

Xan Xove (1977), exdeputado autonómico, forma parte de Marea dende a súa fundación en 2014. Esta semana foi o único en presentarse ás primarias para ser cabeza de lista nas eleccións municipais en 2023.

Por que deu o paso?

Penso que podo facer un bo traballo, e así o pensan os compañeiros, para que prevaleza o espírito da Marea na cidade, as súas propostas e proxecto. A axenda da Marea non vai ser recollida por ningún outro grupo, estase demostrando pleno a pleno. Marea é imprescindible, A Coruña non é a mesma sen Marea. Iso é o que me leva a participar, ningún desexo máis aló de que Marea e as súas propostas sigan existindo.

En que incidirá estes meses?

O primeiro, facer fronte a este estado de emerxencia social e ecolóxica, a suba dos prezos, a emerxencia climática. As únicas vivendas sociais que ten en marcha o Concello son propostas da Marea, Xuxán e Pontejos. Descríbennos os feitos. Hai outros temas, como a apertura do peirao, no que se está demostrando que o que se dicía cando gobernaba a Marea era falso; non era necesario desafectar para abrir o porto.

Os actuais concelleiros non irán na súa lista en cumprimento da limitación de mandatos que recolle o código ético de Marea. Haberá na candidatura outras persoas con experiencia previa en política?

É un grupo diverso, con persoas diferentes, algúns con experiencias previas en asesoramento no Concello e traballos de todo tipo relacionados co eido social, institucional... Contamos coa experiencia adquirida, respaldo e apoio do grupo municipal saínte, de Xulio Ferreiro, que amosou o apoio á nosa candidatura de primarias. A experiencia adquirida, mesturada coa renovación de xente ilusionada e capaz por manter o proxecto activo e vivo, fai unha hibridación potente e imprescindible para unha cidade que necesita afrontar retos moi importantes.

É un hándicap que non sexa concelleiro como si o son os candidatos doutros partidos?

Non. Hai enorme fluidez cos que están co grupo, estamos no día a día da política. As persoas da Marea non vimos a profesionalizarnos na política, hai que estar de paso. E compañeiros veteranos como Xulio Ferreiro ou outros que estiveron na institucións seguen dunha maneira activa. A Marea é unha.

Podemos e Esquerda Unida anunciaron este sábado unha candidatura conxunta. Tentouse facer unha lista única?

Na Marea Atlántica temos proxecto, ideas, unha proposta clara. Non entramos na vida doutras organizacións, só podemos falar da nosa propia vida e funcionamento.

A exconcelleira Claudia Delso dixo que Marea perdera diversidade. Integra na súa lista a persoas de diferentes sensibilidades ou tendencias da esquerda coruñesa?

Claudia Delso fixo un traballo xenial e fantástico, é un orgullo tela de compañeira. Tivo unha oferta laboral, decidiu cambiar de cidade e respectámolo. Marea é un espazo diverso, e non compartimos esa crítica, máis ben ao contrario, pero desexámoslle o mellor. Por suposto. A candidatura sae dun proceso de tres meses nos que foron consultadas ducias de persoas e houbo innumerables xuntanzas. Presentamos arredor de 200 avais, unha cifra que pode salientar o consenso que xera esta candidatura.

Cal é a masa de militantes?

Hai tres mil persoas asinantes, pero as realmente activas son máis de cen. Pero o que nos interesa sobre todo é o aval da cidadanía.A Marea segue viva no imaxinario desta cidade e debe seguilo no futuro.

Aparte de Isabel Faraldo, de Podemos, non entrou no grupo municipal Susana Soneira, que fora en 2019 como independente. Nesta lista todos serán militantes activos ou volverá haber independentes?

Na lista completa de Marea [de 27, nesta proposta van 10] ten que haber espazo para persoas de todo tipo... Pero en Marea pódese participar tendo carnés doutros partidos e organizacións. As medidas que se puxeron en marcha son a identidade da Marea: a renda social municipal, abrir o debate sobre un porto entregado á especulación polo PSOE e o PP, as escolas infantís gratuítas que propuxemos, o viaducto da ronda de Nelle, o fin das touradas, que a ninguén que non podía pagar a auga se lle cortara, a proposta de operador enerxético municipal... Se alguén desta cidade está dacordo con esas propostas, para nós é da Marea.

Este mandato Marea foi socio do Goberno local, pero criticou que este non cumpra os compromisos.

O Goberno de Inéscaneza Rey, en moitos casos, é decepcionante, pero iso non nos pode facer esquecer que estamos para defender, presentar e apoiar as nosas propostas, porque son boas para a xente. O papel que a cidadanía decidiu para nós foi ser unha oposición, construtiva, dialogante. Os proxectos senlleiros de Rey son herdados de Marea. Fóra de propaganda, as propostas do día a día están respaldadas polo grupo de Marea. Esperamos que a cidadanía faga unha lectura diso e poña a Marea onde ten que estar, sendo a iniciativa, liderando estas iniciativas, non como estamos agora na oposición.

Como intentará reverter a tendencia descendente de concelleiros, de dez en 2015 a seis en 2019?

Vimos dunha situación moi dura, de pandemia. Agora temos outra crise moi dura, de vivenda, social, elevación dos prezos... A terceira onda mareante é a Marea saíndo a rúa a facer o que mellor saber facer, falar coas persoas, escoitar as súas necesidades e facer propostas realistas.

Compartir el artículo

stats