La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Juan Tallón dá unha nova vida a ‘Rewind’

O escritor publica o seu libro en galego

Juan Tallón presenta ‘Rewind’ en Berbiriana. | // CARLOS PARDELLAS

Juan Tallón escribiu Rewind en 2019 e publicou o libro en 2020. Agora volve ás librarías coa súa versión en galego. Algo no que nunca pensou cando tiña o papel en branco. “Aínda non manexaba un horizonte de volta á lingua galega”, comenta o escritor, que onte presentou a obra, da man de Kalandraka, en Berbiriana.

“Hai millóns, millóns e miles de millóns de lectores que aínda non leron Rewind. Imos ver que tal vai”, expón Tallón sobre o novo camiño que comeza a súa obra. Unha novela na que fala, a través das historias dun grupo de estudantes, da posibilidade de rebobinar, dos fantasmas persoais e dos golpes do azar. A vida mesma.

4

Juan Tallón presenta 'Rewind' en la librería Berbiriana Carlos Pardellas

“Hai moita xente a que, cada día, se lle rompe a vida. Sen aviso. A vida cambia nuns poucos segundos e hai que refacerse. A novela retrata iso. A vida destrúe pero non derrota”, reflexiona Tallón, columnista de Prensa Ibérica, quen cree que “o ser humano ten unha especial capacidade para saír adiante e afrontar a adversidade”.

Nas súas charlas cos lectores, como onte en Berbiriana, nota que Rewind é un libro que remove por dentro. “É unha historia que manca. É difícil lela sen inmutarse”, recoñece. Tallón avisa, ademais, que ese botón para rebobinar non existe: “É un soño que se desfai en canto un abre os ollos”. “Non hai botón para desandar, só cabe ir cara adiante”, conclúe o escritor de Ourense, que non descarta escribir pronto un novo libro en galego.

Compartir el artículo

stats