La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Torcuato Teixeira, antigo patrón maior da Cofraría da Coruña: “O ‘Prestige’ coincidiu cando estabamos aínda coas indemnizacións do ‘Mar Egeo”

Torcuato Teixeira LOC

O momento no que o casco do Prestige rachou pola metade e botou ao mar toneladas de petróleo colleu aos pescadores e mariscadores coruñeses pendentes de saldar as débedas dunha catástrofe anterior. “O Prestige coincidiu cando na Cofraría estabamos en proceso de aboar as indemnizacións polo Mar Egeo. Tiñamos o tema fresco, e de súpeto, outro petroleiro. Viviuse como un pesadelo”. Así o lembra Torcuato Teixeira, na altura patrón maior da Cofraría da Coruña, que quedou invadida polo desánimo a medida que ían chegando as primeiras novas da catástrofe. O impacto ambiental do vertido non tivo a mesma dimensión na Coruña que en outras zonas, como Muxía ou Camariñas, mais si o impacto económico para un sector afeito a traballar nun mar compartido. “Os pescadores da Coruña non pescaban só aí, tamén en Fisterra ou Muxía, e víronse moi afectados pola paralización da actividade. Non fai falta ser un técnico entendido para ver que aquela xestión foi desastrosa”, asevera Teixeira, que denuncia a pasividade das administracións nos primeiros momentos da catástrofe, que incrementou a sensación de desazón, soidade e abandono dos afectados polo desastre medioambiental. Foi a Cofradía e os propios pescadores os que tiveron que organizar os recursos para evitar o avance da marea negra cara a costa da Coruña. Teixeira destaca a solidariedade internacional, a labor do voluntariado e o pulo do movemento Nunca Máis como os alicientes para que a catástrofe non fora aínda peor. “Apañámonos como puidemos. Houbo miles de doazóns de material, tivemos que alugar una lmacén porque non dabamos abasto. É a satisfacción que che queda, esa solidariedade da xente que non tiña nada que ver co mar pero á que a situación lle doía. Estaremos eternamente agradecidos á sociedade civil e a á plataforma Nunca Máis”. Aos estragos medioambientais seguiulle un proceso xudicial para reclamar as indemnizacións que se estendeu durante anos e no que non faltaron enfrontamentos entre os propios afectados, que diferían do xeito no que as Cofrarías debían proceder para obter as compensacións. “Aínda hai un pleito aberto en Londres coa aseguradora do Prestige. Porén, a alternativa que puxo o Estado enriba da mesa para facer fronte de forma urxente a eses trámites burocráticos non foi do peor que se fixo. O estado fixo o cálculo das perdas, cuns baremos mellorables, e despois se encargou de reclamar aos responsables. A idea foi boa, porque senón, desta altura, aínda estabamos reclamando”, estima.

Compartir el artículo

stats