La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

“Estiven no cárcere da Coruña no 72, sendo cura, e fun aló alumno do movemento obreiro”

“Os presos políticos tiñamos certa liberdade, era moi animado; querería que o edificio fose para usos culturais e de memoria”

O antigo sacerdote e preso político no vello cárcere provincial da Coruña Anxo Ferreiro. | // LA OPINIÓN

Anxo Ferreiro Currás (Vilalba, 1935) era sacerdote en Ferrol en 1972, e, tras a morte de dous obreiros dos estaleiros de Bazán á man da Policía o 10 de marzo (represión que se conmemora como Día da Clase Obreira Galega), as súas manifestacións e accións críticas co Réxime franquista o levaron ao antigo cárcere provincial da Coruña.

Que cargos tiña?

Eran moitos motivos: poñíanme ter actuacións contra o réxime, manifestarme contra el no estranxeiro, contra a policía, pertencer a movementos cristiáns críticos co Vaticano, que sería un problema da Igrexa... Era unha carta longa de inculpacións. Puxéronme 100.000 pesetas de multa [uns 12.200 euros ao cambio actual], e mandáronme ao cárcere por non pagala.

Por convicción ou falta delas?

Non tiña diñeiro, 100.000 pesetas daquela era moito [ri], non as tiña nin mas deixaban. No 73, nun enterro, critiquei ao Réxime por encarcerar a sindicalistas, e puxéronme outra multa do mesmo importe. Foi indemnizada por unha subscrición, senón meteríame na cárcere tamén.

Canto estivo?

Quince días. Segundo o concordato, os curas non entraban na cadea, senón nun convento reservado. Pero metéronme a min e a Antonio Martínez Aneiros, outro compañeiro cura. Logo a Guardia Civil levoume ao convento de Herbón, en Padrón [para pasar o resto da pena].

Como foi o impacto psicolóxico?

Foi realmente unha situación bastante bochornosa para min. Prendéronme, fun para a comisaría e os policías, se ben non me tocaron fisicamente, fixéronme un interrogatorio moi despótico, tremía... Moi acusatorio, moi despectivo, con insultos. Estrañoume enormemente, sendo eu sacerdote daquela. Logo levoume a Garda Civil ao cárcere.

Estaba nun módulo só de presos políticos ou cos comúns?

Estaban na cadea mesturado cos demais presos políticos, que estaban nun módulo distinto aos presos comúns. Había moitos sindicalistas e traballadores, xa non sei cantos: cen, douscentos. Estiven con eles.

Como eran as condicións?

Moi distentidas, unha situación moi animada. Mandábannos alimentos de fóra... Eu tiña un parente en Coruña cun restaurante, e chegaba comida cociñada, que se repartía como se fóra unha comuna, entre todos. Organizabamos charlas entre nós, había moita disposición e se pasaba o tempo moi ben.

Como era o trato dos gardas?

Nese caso, un trato moi digno, moi distendido. Non había situacións de violencia, e dábannos certa liberdade, certa condescencencia. Tiñamos departamentos aparte, e no caso dos presos políticos en concreto, foi un trato moi bo, en relación aos presidiarios.

Tivo ocasion de relacionarse cos presos comúns?

Había unha exclusión completa, non había ningunha comunicación cos comúns.

Como se organizaban para pasar o tempo?

Con charlas, facíamos ximnasia pola mañá, estaba todo ben ordenado. Non perdíamos o tempo [ri].

Tería compañeiros que estiveron máis tempo no cárcere?

Si. Era unha prisión temporeira, moitos deles foron ao Tribunal de Orden Público. A min tamén me acusaron e me levaron aló, pero fun absolto. Pero bastantes foron condenados a varios anos, sobre todo os do Proceso 1001 [no que se condenou a toda a directiva de Comisións Obreiras, que sería indultada en 1975].

Como eran as condicións materiais, de celdas, camas?

Nós estabamos tres nunha celda: Martínez Aneiros, un compañeiro obreiro de apelido Iglesias, que xa morreu, e eu. Tiña un só váter nunha esquina, sen división ningunha. Era bastante inhóspita, moi fría... Foi moi singular. Eu na cárcere fun un alumno que estaba aprendendo sobre o movemento obreiro. Foi unha escola para os obreiros, sobre a dignidade e situación da loita obreira.

Deu charlas?

Si, falei sobre a cuestión da Igrexa no mundo daquelas. Tocoume falar do que non fixo, e de que non se portou como debía en relación á Guerra Civil.

Como era ser sacerdote e ir en contra de doctrinas maioritarias?

A Igrexa tiña que compartir as inquedas, angustias, alegrías e problemática obreira, era unha das cuestións que desenrolamos.

Por que deixou o sacerdocio?

Tocoume o tempo de Juan Pablo II, tiñamos ilusión coa doutrina de Xoán XXIII, pero foi unha grande desilusión pola actuación da Igrexa, que se retraeu e non desenrolou a doutrina do Vaticano II.

Non foi entón unha crise de fe, senón desacordo coa Igrexa.

Exacto.

Como ve o que conseguiu a súa loita medio século despois?

Por un lado, foi un proceso bastante desilusionante, pero por outra estamos na liña de seguir adiante. A desilusión foi que a Transición foi moi dominada polo PP, a dereita, o neoliberalismo.

Nicanor Acosta, cura na Coruña nesa época, tamén foi encarcelado por cuestións políticas.

Foi compañeiro meu xa no primeiro ano do seminario de Mondoñedo-Ferrol, aínda que cambiou para Santiago, coñézoo desde o 48-49 do século pasado. Eu pertenzo a Cristianos polo Socialismo, pero el foi militante do Partido Comunista, aínda que el di que para ser comunista facía falta ser moito máis comprometido [ri].

Que cre que se debería facer co edificio do cárcere, agora sen uso?

É un edificio moi singular como unha cruz, coa vixianza no centro. Eu querería que non o derrubaran, que o adicaran a ser un centro cultural e de memoria histórica, que non viría mal.

Compartir el artículo

stats