Entrevista | Actor de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

Xosé A. Touriñán: “O do Dépor daría para obra de teatro e para ‘thriller’, porque hai moito drama e moita comedia no Dépor”

“Cando hai función e partido de fútbol é cando o meu oficio se converte nun traballo real”

Xosé A. Touriñán, durante unha función de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’.   | // AIGI BOGA

Xosé A. Touriñán, durante unha función de ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’. | // AIGI BOGA / Gemma Malvido

Recortes, caneos e outras formas de driblar é unha obra de teatro, pero tamén será un libro de Nacho Carretero. Nesta ocasión, a diferencia de Fariña, a historia chega antes ás táboas que aos andeis das librerías. O día 27 de xaneiro, haberá dobre función no teatro Colón, ás 20.00 horas e ás 23.00 e, ao día seguinte, ás 18.00 horas e ás 21.00. As entradas están á venda na web ataquilla.com, desde 16 euros. Está interpretada por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Isabel Garrido, Christian Escuredo, Xoán Fórneas e Sergio Zearreta.

Recortes, caneos e outras formas de driblar fala de fútbol, pero non só do deporte nin do momento actual, ¿é máis ca fútbol?

Intenta explicar por que nos gusta o fútbol aos que nos gusta, da paixón dos seguidores. É un percorrido polo show, polo espectáculo en clave de comedia, tamén hai musical, hai baile... e ten o fútbol como fío condutor. Parte dun libro que vai sacar Nacho Carretero das historias non tan bonitas do fútbol, das caras B e das sombras. Son historias persoais de rapaces que o pasaron mal, que se retiraron por lesións, que se infiltraron, fala da homosexualidade no fútbol, porque parece que os cambios que se dan na sociedade chegan máis tarde ao mundo do fútbol, tamén falamos de fútbol feminino, que agora está tendo máis presenza.... Tocamos as apostas, os partidos amañados. Hai unha parte do espectáculo que nos deixa ver que o fútbol non é esa cousa tan bonita coa que celebramos tantas cousas e que nos levanta tantas paixóns, boas e malas. É poñelo enriba do escenario, para que a quen lle guste ou non o fútbol, poida reflexionar sobre por que move tantas masas este deporte.

É que son miles e miles de persoas sentindo as mesmas emocións ao mesmo tempo.

As mesmas ou as contrarias por levar unha camiseta ou outra. A día de hoxe é un espazo, dos poucos que quedan, nos que podes ceibar o teu animal. Eu nunca vou estar a favor da violencia nin dos insultos, pero esa paixón que liberamos no campo de fútbol noutros eidos está máis restrinxida. Ao final, somos animais e necesitamos botar esas emocións fóra e creo que esa terapia está ben que se faga no fútbol e non noutros ámbitos da vida. Eu creo que noutros deportes igual tamén pasa, pero non ao mesmo nivel que no fútbol. No teatro, por suposto, non pasa. Algo máis pode pasar nos concertos ou coa música, por iso creo que é de valorar ter eses espazos nos que aínda nos podemos deixar ir un pouco.

Falando destas grandes paixóns, lembroume á película de El secreto de sus ojos, cando din que se pode cambiar de país ou de amor, pero nunca de equipo de fútbol...

Dunha cita parecida bótanlle a culpa a Eduardo Galeano, que escribiu que podías cambiar de muller, pero non de equipo. No espectáculo dicimos cambiar de parella, de relixión, de partido político, pero nunca de equipo de

fútbol. Tamén se di que o fútbol é a cousa máis importante das cousas menos importantes, que creo que define moi ben o que é e o que debe ser o fútbol na vida.Cando empezaron a xestar este espectáculo, durante a pandemia ou á vez que estaban a representar Fariña?

Na pandemia o que fixemos foi pensar en que sería o seguinte. Barallamos varias opcións e os máis futboleiros decidimos que este sería un bo plan. Estivemos traballando nel durante o ano pasado e empezamos a ensaiar a mediados de xullo, todo agosto e principios de setembro, que foi cando estreamos.

Repetir compañeiros e compañeiras, autor, produción e director con Fariña, fai que botar a andar este espectáculo, aínda que sexa completamente diferente, sexa máis doado ou é máis difícil por ter que deixar Fariña atrás?

Pois é máis sinxelo, porque xa nos entendemos e traballamos a gusto, ademais, cando estás cos mellores, é moi fácil. O reto é intentar facer algo que estea ao nivel de Fariña. É un espectáculo completamente distinto, aínda que a alguén que vise Fariña lle poida recordar algunha cousa, pero a historia e a profundidade das cousas é moi distinta. Estamos moi contentos e moi orgullosos do traballo feito porque traballamos moitísimo. Ter a sorte de formar un equipo con tanto talento e que esteamos a gusto, a verdade é que, para min, sería o que querería facer sempre.

O feito de que o libro aínda non saíse e de que a historia non sexa tan coñecida xa como o era Fariña, xógalles á contra?

Foi casualidade, porque os nosos plans eran outros. Os plans de publicación cambiaron, retrasouse a publicación do libro, que iso é algo que deciden as editoras, entón nós decidimos tirar para adiante co espectáculo. A obra de Nacho vai contar historias persoais de historias non tan bonitas do fútbol e nós na obra só temos unha parte que fala diso, outra céntrase na viaxe que fai un seareiro para poder entender por que lle pasa todo o que lle pasa co fútbol. Igual é unha pregunta sen reposta, pero, polo menos, pensa no porqué.

O que máis o que menos pensaría o mesmo o día do Albacete, porque o do Dépor, non só ese día, en moitos máis, daría para traxedia grega...

O do Dépor dá para teatro, para película, serie de ficción, de ciencia ficción, thriller e drama... Daría para todo. Para nós vir á Coruña é xogar na casa. Ter montado este espectáculo é un pouco culpa miña e un pouco culpa de Nacho Carretero, que somos deportivistas os dous. Hai moito drama e moita comedia no Dépor. E é normal que non o entendas, que algo te faga sufrir así e, despois, sexas o primeiro en facerte socio outra vez, en ir pagar o carné, e en animar o equipo, sabendo que te vai facer sufrir outra vez durante todo o ano.

E cando hai función e hai partido, hai lea?

Aí é cando o meu oficio se converte en traballo real, parece que quen ten un oficio divertido é sempre guai, pero cando hai partido é cando é un traballo, porque eu preferiría ir ao fútbol, coma todos, e non ir traballar, pero é así. É un dos días nos que o traballo é traballo.

Suscríbete para seguir leyendo