O sorriso de Pedro Brandariz, en mármore

No cabo de ano do pasamento do cómico, o Concello introduce a súa figura na praza do Humor

Ofrenda de flores, onte, na figura de Pedro Brandariz.   | // LA OPINIÓN

Ofrenda de flores, onte, na figura de Pedro Brandariz. | // LA OPINIÓN / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O sorriso de Pedro Brandariz quedará para sempre na praza do Humor da Coruña. Cando se cumpre o primeiro cabo de ano do seu pasamento, o Concello quixo facerlle unha homenaxe a este pallaso ao que non lle quedaba en Galicia bar, biblioteca nin auditorio por pisar, porque en todos actuara, cando menos, unha vez, así que, incluíu a súa figura na praza, agora renovada.

“Brandariz deixounos como legado a súa felicidade, unha forma de vida sen complexos desde o humor que fica para sempre nas rúas da Coruña” sinalou onte a alcaldesa, Inés Rey, na homenaxe á que asistiron membros da familia do cómico, mais tamén compañeiros de profesión. “Todas as homenaxes que lle levamos feitas ao longo deste ano non son suficientes para recordar a Pedro”, sincerouse onte o tamén humorista Víctor Grande.

O seu testemuño recolleuno o debuxante Siro López, que foi o encargado de debuxar esta silueta que tanto significado ten na cidade, por todas as veces que Brandariz actuara nela. “Alégrome moitísimo de poder lembrar nestes mármores a Pedro Brandariz, a quen seguramente non lle parecería mal morrer como o fixo [sufriu unha indisposición nun centro educativo no Concello de Teo, ao que acudira para facer unha actuación] pois eu tamén quixera morrer cun lapis na man” sinalou Siro López. Agora, compartirá espazo con Mafalda, Astérix e Obélix, entre outros.