Belén Puime Bao | Cocreadora da ‘webserie’ ‘Pingradas’, este venres ás 18.30 horas no teatro Colón

“Mirar á cara á industria nos Mestre Mateo cunha obra totalmente nosa é un subidón”

“Pringadas’ ofrece un contido en galego diferenciador que a xente non está acostumada a ver e a consumir” | “Apetecíame falar sobre as universitarias de aquí”

Belén Puime.   | // L.O.

Belén Puime. | // L.O. / Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

A webserie Pringadas chega este venres ás 18.30 horas ao teatro Colón. O proxecto é unha iniciativa que creou Belén Puime no 2021. Dous anos despois está nominado aos premios Mestre Mateo á mellor webserie galega. Estará acompañada no escenario por Uxía Vázquez.

Como decidiron dar vida ao proxecto de Pringadas?

Eu comecei a facer Pringadas na primavera do 2021. Graduárame no ano anterior, aínda estaba a COVID e eu estaba a facer unha mestría de profesorado e atopando a que me quería dedicar. Decateime de que me gustaba moito crear cousas para o mundo dixital, pero non sabía moi ben que facer ou onde comezar porque aquí non hai unha industria moi forte neste ámbito, o do dixital dentro do audiovisual. Coñecía o festival Carballo Interplay, o que me animou a min. Quería escribir algo para ter unha carta de presentación. Escribín o guión de Pringadas como un desafogo das cousas que me pasaron a min e as miñas amigas da universidade, ás que lles apeteceu plasmalas nunha ficción.Tivemos a sorte de gañar en Carballo e, de súpeto, empezou a coller cada vez máis popularidade. Ata o punto de chega aos Mestre Mateo.

En que vai consistir o espectáculo deste venres no teatro Colón?

Nós tiñamos claro cando fixemos a webserie que non queríamos subila a YouTube ou a outra plataforma na que non tería a repercusión que nos buscabamos. Decidimos difundila a través de proxeccións por distintos puntos de Galicia. Tiñamos moitas ganas de chegar á Coruña porque moitas de nós somos coruñesas. Tamén tiñamos claro que non queríamos facer unha proxección dos tres episodios seguidos e xa está. Case sempre estamos eu xunto con Uxía Vázquez, unha rapaza que fai podcast en galego. As dúas facemos un espectáculo de comedia ligado á serie. Esta vez, como queremos celebrar a nominación aos Mestre Mateo, faremos o show de sempre, un coloquio coas persoas do equipo e unha actuación das persoas que fixeron a banda sonora, que son Bratzantifa, Guille LP e Noelia Veiga.

Son un referente neste tipo de contidos en lingua galega?

A serie é en galego porque apetecíame falar sobre as universitarias de aquí. Si que é verdade que nos fomos dando de conta de que non existe un contido de ficción en galego para a xente nova. Moita desta xente chegou a nós porque estabamos alimentando un nicho que por primeira vez tiña contido para eles e para elas. Pringadas ofrece un contido en galego diferenciador que a xente non está acostumada a ver e consumir.

Cal son as súas sensacións a poucos días dos Mestre Mateo?

Estamos moi contentas. Somos un equipo moi novo e ningún de nós é académico. Será a primeira vez que vaiamos a esa gala. Significa a ilusión de poder ir alí, pero tamén o feito de presentarte a toda unha industria. Ao final, o audiovisual é un sector que está moi precarizado e no que é moi difícil entrar. Mirar á cara á industria nos Mestre Mateo cunha obra totalmente nosa é un subidón. Xa o é o simple feito de presentarte. Estar nominadas é maravilloso, pero ogallá gañar para dicir que somos rapazas de menos de trinta anos que estamos a facer isto, para que a industria bote un ollo ao que estamos a facer na canteira.

Teñen pensado ampliar os episodios de Pringadas?

A primeira tempada, que son os tres primeiros episodios, considero que é un piloto do que nos gustaría facer con máis cartos. Gravámolos cun presuposto moi pequeno, duns 3.000 euros, que non chega para pagar ao teu equipo. para saír da precariedade na que estivemos metidas durante tanto tempo, decidimos que non imos facer máis episodios a non ser que recibamos una cantidade de cartos que me permita facer o que quero e pagar a todo o equipo. Nese supostos, nos encantadas de seguir.