Dani Fiaño, legado dun incansable

Falece o popular activista e dinamizador cultural coruñés deixando tras de si unha intensa pegada nos eidos musical e militante

Dani Fiaño, no centro, na súa cadeira de rodas, nun concerto organizado por Sons de Breogán

Dani Fiaño, no centro, na súa cadeira de rodas, nun concerto organizado por Sons de Breogán / Sons de Breogán

Nas manifestacións e nos concertos que se celebran na cidade e na súa contorna queda, dende agora, un oco irremplazable. O que ocupaba sempre Daniel Fiaño, falecido este xoves aos 29 anos na Coruña deixando tras de si unha intensa pegada no eido cultural galego e na militancia en distintas causas sociais. Tamén nas xuntanzas do Dépor, equipo dos seus amores, cuxas aventuras (e desventuras) seguía con devoción.

A súa grande discapacidade, coinciden todos os que trataron con el, nunca supuxo un límite para a súa incansable actividade, mais ben un aliciente para seguir brindando as súas achegas. Porque Dani Fiaño sempre estaba, alá onde a loita requiría ideas para visibilizar os reclamos populares, ou ben persoas dispostas a traballar polas causas xustas. “Sempre buscaba atacar os problemas sociais de xeito transversal. Estaba comprometido no galeguismo, no feminismo, no antifascismo, no atirracismo, na loita LGBT, contra o capacitismo... tiña unhas ideas moi firmes en todos estes movementos”. Así o lembra Andie Sánchez, que compartiu amizade e militancia con el en Galiza Nova e dende o grupo de traballo de Coidados e Conviencia do BNG, no que participaban activamente. As organizacións ás que Dani dedicaba os seus esforzos quixeron devolverlle parte do agasallado cunha unánime lembranza ao saber do seu pasamento. Fíxoo a asociación Avante LGBT+, que o situou como unha figura fundamental dentro do movemento, “sendo un dos militantes activos durante máis tempo na cidade”. Fixérono Galiza Nova e o BNG, que o definiron como “un exemplo para todas”. E fixérono os Riazor Blues, que gardaron nas súas redes sociais unha lembranza para un seareiro infatigable. “Sempre estiveches onde tiñas que estar. A pesar das dificultades, a túa imaxe converteuse en habitual para nós. O noso recoñecemento para o teu deportivismo e o teu antifascismo. Fixeches da túa vida un exemplo de COMPROMISO, con maiúsculas”, escribiron.

Unha militancia que non apartaba nin nos seus momentos de ocio, nos que era habitual velo gozando da súa outra gran paixón, a música: “Lembro que o Atlantic Pride era horrible para a cadeira de rodas. Dani estaba que trinaba. Fixo uns vídeos denunciando dende o seu punto de vista como era asistir a un concerto pouco accesible, que impactaban moito. Coas súas dificultades, fixo moito máis que moitas persoas con máis capacidades físicas”, reivindica Andie Sánchez.

Daniel Fiaño sempre foi moito máis que un espectador. Graduado en Comunicación Audiovisual, do seu Traballo de Fin de Grao agromou a asociación cultural Sons de Breogán, dende a que puxo en marcha unha activa labor para visibilizar e programar concertos ligados á música independente e alternativa galega. Tamén para brindar apoio a outras iniciativas culturais en horas baixas, como é o caso da República Popular Mardi Gras, unha organización nacida trala pandemia ao abeiro da sala de concertos coruñesa para facer fronte común no sector trala desfeita das restricións, e da que Daniel era socio e colaborador. “Fixo moitísimo. Era entusiasmo puro, nunca deixou de disfrutar da cultura. Cando creamos a páxina web da República, fíxoa el, porque era deseñador web. O que lle pagamos por iso destinouno aos fondos da súa asociación, para seguir traballando. Foi un trasvase”, conta Tomi Legido, programador da sala Mardi Gras.

Pero, por enriba de todo, alén dun activista e dun dinamizador cultural incansable, Dani Fiaño era un amigo. Sábeno todos os que o acompañaron nas súas moitas aventuras, e sábeo Samuel Acuña, que foi o seu asistente durante catro anos, tralos que xermolou unha forte amizade. “Sempre estaba rodeado de amigos. Facendo plans, indo de festa. Lembro, nalgún San Xoan, saír coa cadeira de rodas pola Coruña e volver a casa pola mañá. A min axudábame en todo, ata co papeleo. Organizábame a vida. Era sereno, protector. A persoa máis intelixente que coñecín. Irremplazable”, conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo