Episodios da cultura científica

A visita de Albert Einstein a España hai cen anos: os seus interlocutores galegos

Einstein con científicos en Madrid. Carracido está á súa dereita.

Einstein con científicos en Madrid. Carracido está á súa dereita. / Xosé A. Fraga Historiador e divulgador da ciencia

Xosé A. Fraga | Historiador e divulgador da ciencia

O 22 de febreiro de 1923 chegaba Albert Einstein en tren a Barcelona. O físico, que recibira o premio Nobel de 1921 e xa era unha figura mundial, fora convidado a impartir unas conferencias polo salientable catedrático de Electricidade e Magnetismo Esteve Terradas. Sorprendentemente, ninguén foi a recibilo á estación de Francia da cidade condal. A razón diso encaixa moi ben co perfil despistado que se lle atribúe aos xenios, Albert esquecerase de indicar aos seus anfitrións en que tren chegaba. En Barcelona impartiu conferencias e realizou diversas visitas, tamén tivo un encontro con sindicalistas da Confederación Nacional de los Trabajadores (CNT).

A revolución científica de Einstein

Un Albert Einstein novo, entre os 26 e 27 anos, comezara a transformar a Física do seu tempo, cando era un modesto empregado da oficina de patentes de Berna. En 1905 redactou catro traballos de enorme relevancia científica. Nun deles expuxo a súa teoría da relatividade especial (porque só consideraba o movemento uniforme), traballo do que deduciría a famosa fórmula E=mc2. Cuestionou o valor absoluto do espazo e o tempo; a percepción destes, como o valor da masa, depende da velocidade. Nos anos seguintes construiría a teoría da relatividade xeral, onde amosou como a gravidade máis que unha forza de atracción é a consecuencia —obrigada pola a materia— da curvatura do espazo-tempo. O Sol deforma o espazo que rodea á Terra e iso empurra a esta cara o Sol.

A teoría da relatividade de Einstein inaugurou unha nova forma de entender o universo físico e está directamente relacionada con fenómenos como o dos buratos negros ou as ondas gravitacionais, pero tamén ten efectos prácticos na nosa vida cotián. Aí temos o caso do sistema GPS que usamos nos teléfonos móbiles, coa intervención de satélites. Se non se tiveran en conta os efectos da relatividade o GPS acumularía un erro duns dez quilómetros cada día. En todo caso, a comprensión da teoría da relatividade, en absoluto intuitiva, non é doada e supón, entre outras cousas, entender as diferentes escalas que se manexan, de feito para os fenómenos da vida cotián segue a valer a vella mecánica de Newton. Afortunadamente, dispoñemos de textos que nos axudan a acceder aos elementos centrais da novidosa proposta. Por exemplo, o magnífico libro do profesor Ramón Vilalta, Introdución ás relatividades de Einstein, publicado en 2018.

Arriba, Einstein con científicos en Madrid. Carracido está á súa dereita.  | // LOC

Manuel Martínez Risco. / Arquivo familia Martínez Risco

Visita a Madrid

O 28 de febreiro Einstein partiu para Madrid, a onde o físico fora convidado en 1920 polo destacado matemático Julio Rey Pastor. Na capital pasou dez días, cunha axenda ben repleta, con moitos actos oficiais, conferencias, banquetes e diversas visitas. Agoniado por tantos eventos, o premio Nobel gozou nos contactos con algúns colegas —aos que nalgún momento os agasallou tocando o violín— e, mesmo, con estudantes. No acto celebrado na Academia de Ciencias interveu o salientable físico Blas Cabrera.

Moitas institucións quixeron achegarse ao popular científico, todo o mundo desexaba “saír na foto”. Aos eventos acudiron algúns dos principais intelectuais do momento e un público numeroso. Os medios de comunicación da época máis que falar das súas revolucionarias propostas facían fincapé en salientar certas características peculiares que facían do científico alemán un individuo moi orixinal, mesmo extravagante. Un caso peculiar foi o do xornal católico conservador El Debate, que ofrecía uns correctos resumes das conferencias, obra do estudante Tomás Rodríguez Bachiller, pero que —asemade— atacaba da man dos seus columnistas a teoría da relatividade.

Moi poucas das persoas que asistiron a eses actos entendían o que explicaba. Como dixo o xornalista galego Julio Camba: “El Sr. Einstein fue acogido con una salva de aplausos. Indudablemente, todos los allí reunidos le admirábamos mucho; pero si alguien nos pregunta por qué le admirábamos nos pondrá en un apuro bastante serio”. Desde o punto de vista da ciencia española, a viaxe non deixou pegada, mais si que serviu para amosar o crecente protagonismo do labor científico na sociedade daquel tempo.

Perfil singular

Alén de cuestións persoais e da súa xenialidade científica, en Albert Einstein confluían características ben singulares. Xudio en tempos moi complicados para as persoas desa identidade, de mozo marchou de Alemaña e perdeu a nacionalidade para evitar ingresar no Exército e sempre defendeu posicións pacifistas, malia que iso lle provocara problemas. Por exemplo, situado nunha posición institucional destacada, negouse, en plena I Guerra Mundial, en 1914, a asinar o manifesto dos 93, onde moitos dos máis importantes intelectuais e científicos alemáns apoiaban a política bélica do Reich.

No terreo político foi membro do Partido Democrático Alemán (DDP), de centro-esquerda, e sempre estivo receptivo ás ideas progresistas. Máis, sobre todo, o físico destacou polo seu espírito rebelde, heterodoxo e critico. En decembro de 1932, coa inminente chegada de Hitler ao poder, decidiu abandonar o seu país e pasar a ser un apátrida.

Seguimento en Galicia

A presenza de Einstein en 1923 atopou eco nos xornais galegos. E na Universidade de Santiago, a principal institución científica de Galicia nese tempo? Sonoro silencio. Porén, algo melloramos, se o darwinismo fora atacado pola douta institución cando se deu a coñecer, polo menos a teoría da relatividade pasou desapercibida no momento da súa difusión inicial. A única referencia que coñecemos corresponde —un ano antes da visita de Einstein— a un texto dun peculiar profesor, o catedrático Roberto Nóvoa Santos. Este médico, que tamén foi o receptor inicial en Galicia das ideas de Sigmund Freud, referiuse ao físico alemán no libro Physis y Psyquis. O seu achegamento ás ideas do Premio Nobel viña da man do tamén alemán Ernst Mach, autor ao que tanto Einstein como Nóvoa prestaban moita atención.

Por outra banda, entre os poucos que nese período trataban de divulgar a teoría da relatividade en Galicia figuraban dous coruñeses, o enxeñeiro de camiños José Fernández España e o farmacéutico Julio Segovia Lapique. Fernández España dera en marzo de 1922 unha conferencia sobre o tema no Circo de Artesáns da cidade herculina e Segovia, profesor de Electricidade e técnica industrial na Escola de artes e Oficios de Vigo, falou da cuestión na apertura de curso desa institución, en outubro dese ano.

Os dous ‘interlocutores’ galegos de Einstein

Os galegos que dalgunha forma interaccionaron do físico alemán foron dous destacados científicos, Xosé Rodríguez Carracido e Manuel Martínez Risco. Carracido era catedrático de Química biolóxica na universidade madrileña e ocupaba dous importantes postos, o de reitor desa institución e a presidencia da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. Esa posición institucional fixo que o científico compostelán figurara na presidencia de diversos eventos nos que interveu Einstein e semella que houbo entre ambos unha relación cordial. No acto de recepción do Premio Nobel na Academia de Ciencias Carracido tivo o seu momento de gloria cun breve discurso, intervención que Einstein cualificou no seu diario como marabillosa (wunderbar).

Do segundo interlocutor, Martínez Risco, cómpre recoñecer que non dispoñemos de documentación que demostre o contacto. Se estivo con Einstein foi fora do foco principal. Entón, por que falamos del como posible interlocutor seu? Deducímolo por varias razóns. Unha primeira ten que ver co feito de que o alemán visitou os dous lugares onde Risco traballaba, a Facultade de Ciencias e o Laboratorio de Investigacións Físicas, no que exercía de principal colaborador do seu director, Blas Cabrera. Pero, alén desa circunstancia, o argumento principal para aventurar un encontro reside no perfil científico de Risco. Porque, segundo Thomas Glick, era o único físico experimental activo en España nos anos vinte que mantiña intereses pola investigación no ámbito da relatividade.

Este científico nacera en Ourense en 1888 e en 1909 obtivo unha bolsa para o Natuurkundig Laboratorium da Universidade de Amsterdam, onde traballou un par de anos cunha figura destacada da ciencia mundial, Pieter Zeeman. Zeeman estudaba a influencia do magnetismo sobre as fontes de luz, en 1896 descubrira que as liñas espectrais se dividen en diversos compoñentes, o que hoxe se denomina “efecto Zeeman”, fornecendo unha proba máis a prol da teoría electromagnética da luz, investigacións polas que recibira en 1902 o Premio Nobel.

Após a bolsa con Zeeman, o físico incorporaríase en Madrid como profesor na Facultade de Ciencias e encargado de impartir cursos de ampliación no Laboratorio de Investigaciones Físicas, onde realizou estudos espectrofotométricos. En 1914 sacou a cátedra de Acústica e Óptica da Universidade de Zaragoza e en 1919 retornou á Facultade de Ciencias de Madrid. Malia as súas pescudas, Risco non publicou ningún resultado sobre óptica relativista ata fins dos anos 40, cando vivía en Francia. Glick atribúe iso a que en Madrid non dispoñía dos materiais axeitados.

Exiliados polo fascismo

Volvendo á visita de Albert Einstein de hai un século, o 11 de marzo de 1923 o físico saíu de Madrid, pasou un par de días en Zaragoza, e deixou España. Varios dos principais protagonistas desta historia, o propio Einstein, Blas Cabrera, Julio Rey Pastor e o noso Manolo Martínez Risco compartirían uns anos despois un triste destino: o exilio político. Para salvar a vida, os catro científicos relativistas fuxiron dun mal absoluto, o fascismo, e morreron lonxe da súa terra.