Unha lingua que vale para todo

Os estudantes do centro O Cruce, de Cerceda, gañan o premio da mellor pancarta do Correlingua coa súa aposta por “O galego todo o tempo en todas partes”

O galego vale para todo, incluso, para facer unha versión da sesión de Quevedo con Bizarrap e poñer a bailar a centos de rapaces e rapazas ao ritmo de Quédate na contorna da Torre de Hércules, tamén para berrar, para sorrir, para aprender e para viaxar, para entender o pasado, para protexer o presente, para sementar e que haxa froitos no futuro.

Unha lingua que vale para todo

Unha lingua que vale para todo / Gemma Malvido

O Correlingua, que chegou esta mañá á súa edición número 23, contou con centros educativos chegados de toda a contorna, desde A Laracha, Cambre, Carral, Cerceda e Oleiros até Laxe e Vimianzo. Baixo o lema “Na casa, na escola, bota a lingua fóra” os rapaces e rapazas percorreron a cidade desde o pavillón de deportes de Riazor até a Torre de Hércules amosando os seus traballos para reivindicar a lingua galega.

Unha lingua que vale para todo

Unha lingua que vale para todo / Gemma Malvido

O gañador do concurso á mellor pancarta foi o alumnado do centro O Cruce, de Cerceda, que, segundo contaban Candela e Darío, de cuarto de Secundaria, xa desde hai uns anos, participan todos vestidos igual no Correlingua, neste caso, con camiseta branca e pantalóns vaqueiros para reivindicar que o galego é útil non só nesta realidade, senón tamén en todas as que están por vir, como as do metaverso. “Estivemos coas profesoras enxeñando, a ver que podiamos facer, e escollemos o multiverso e o metaverso, que abrangue todo”, comentaban estes rapaces, entre consigna e consigna.

Unha lingua que vale para todo

Unha lingua que vale para todo / Gemma Malvido

“Nós sempre falamos galego entre nós, na escola, sempre, está moi ben esta actividade para loitar pola nosa lingua”, dicía Candela. Tamén as rapazas e rapaces do Torre de Soneira, de Vimianzo, comentaban que falaban sempre galego, cos pais, cos avós, na clase e no recreo, en todas as situacións. A Sheila, Noa e Lara, que cursan terceiro de Secundaria, gústalles toda a música, tamén a que fala na súa lingua e, se teñen que escoller, falan de Rokiño que, ademais, é o seu veciño, de Vimianzo, coma elas. “Medio-medio”, dicían as alumnas de terceiro de Secundaria do instituto da Pastoriza, en Arteixo, porque non usan o galego todos os días nin en todas as circunstancias, “falamos máis galego cos avós, na casa, normalmente, castelán e, no instituto, dependendo da clase”, comentaban Daniela, Julia, Lidia, Antía e Nico, que estaban encantadas de asistir ao Correlingua e ter un día diferente, sen Física e Química e sen Historia, aínda que esta semana non lle puidesen dedicar moito tempo a preparalo porque tiveron exames.

Unha lingua que vale para todo

Unha lingua que vale para todo / Gemma Malvido

O estudantado do centro Miraflores, de Oleiros, decidiu vestirse de emoticonas, con frases típicas como “E ti de quen vés sendo?” ou “Sentidiño, que cabeza ten calquera”, cousas que escoitaron e escoitarán toda a vida.

Suscríbete para seguir leyendo