Síguenos en redes sociales:

A Coruña celebra o Día das Letras Galegas con música, lecturas e unha concentración

A Coruña celebra o Día das Letras Galegas con música, lecturas e unha concentración

A lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego é o acto central da programación promovida polo Concello hoxe para a celebración do Día das Letras Galegas. Ademais, a plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, concentrarase ás 12.00 horas no Obeliscio baixo o lema En galego aquí e agora. Nesta concentración participarán Xulio López Valcárcel, Tino Fraga, Isabel Naveira e Telmo Cillero para explicar como é a situación do galego nos seus respectivos sectores (xustiza, ciencia, escena e deporte). Ademais o acto contará coa actuación do grupo de pandereteiras de Zóscalle e rematará coa lectura dun manifesto.

A celebración continúa nos xardíns de Méndez Núñez coas actuacións das agrupacións folclóricas e culturais Aturuxo, Donaire e Son D´Aquí a partir das 11.00 horas. Despois chegará a quenda de Cántigas da Terra e o espectáculo poético musical Chulísima, con Aldaolado, dúo poético formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao.

Pola tarde, desde as 18.00 horas, haberá tempo para a literatura, co faladoiro A Coruña Literaria, no que participarán Carmela Galego, Jorge Castro e María Xosé Bravo, para a historia, co faladoiro A Cidade, coa participación de Felipe Senén e Xosé Alfeirán e coa mestura de poesía e música, cun espectáculo protagonizado pola poeta Lúa Mosquetera e o músico Pablo Seijas. Durante toda a tarde haberá tamén un obradoiro no que os participantes terán a oportunidade de elaborar pulseiras de coiro.

Ademais, as bibliotecas municipais proseguen coa súa programación especial para celebrar o Día das Letras Galegas. Hoxe a biblioteca de Durán Loriga programará, desde as 18.00 horas, o encontro-obradoiro Pequena Fauna do Cantigueiro de Cotobade: cantigas, debuxos e pandeiretas, con David Carballal, para rapaces de entre 5 e 12 anos.

Pulsa para ver más contenido para ti