Os XXII Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen a traxectoria de Leilía e o fenómeno Tanxugueiras

A gala, que será o 14 de xuño, contará coas actuacións de Ghaveta, Camaaño&Ameixeiras con Tania Caamaño e as intérpretes de ‘Terra’

Leilía, nunha foto promocional da súa última xira, este ano. |   // LA OPINIÓN

Leilía, nunha foto promocional da súa última xira, este ano. | // LA OPINIÓN / S. Vázquez / Óscar Losada

S. Vázquez / Óscar Losada

Leilía e Tanxugueiras serán as premiadas nos XXII Premios Opinión da Música de Raíz. As cantareiras que celebran a súa xira de despedida verán recoñecida a súa traxectoria co premio Andaina Senlleira e as intérpretes de Terra inaugurarán un novo galardón: Acontecemento Musical do Ano.

Tanxugueiras, tras publicar a súa canción ‘Aire’, este mes. |   // LA OPINIÓN

Tanxugueiras, tras publicar a súa canción ‘Aire’, este mes. | // LA OPINIÓN / S. Vázquez / Óscar Losada

A gala de entrega dos premios celebrarase o día 14 de xuño no seu escenario habitual, o Teatro Rosalía. Presentada polo xornalista Alfonso Hermida, contará coas actuacións en directo de Ghaveta, Camaaño&Ameixeiras e as propias Tanxugueiras, que porán a guinda á celebración con varias cancións ao vivo.

A XXII edición dos premios mesturará unha homenaxe ao percorrido das Leilía despois de máis de 34 anos de traxectoria coa benvida dun proxecto máis novo que revolucionou o panorama musical galego e español. As Leilía recibirán o Premio Andaina Senlleira número 16. Antes das cantareiras, viron aplaudida a súa traxectoria con este galardón solistas e grupos como Emilio Cao, Amancio Prada, Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Berrogüetto ou Cantigas e Agarimos; a musicóloga Dorothé Schubarth; o técnico de son e recuperador de antigas gravacións Pablo Barreiro; o obradoiro artesán de gaitas Seivane; o festival do Mundo Celta de Ortigueira e a discográfica Do Fol.

A gala comezará ás 20.30. Os interesados en asistir poder conseguir os seus convites cos cupóns que publicará LA OPINIÓN ata fin de existencias para o aforo dispoñible no Teatro Rosalía.

Caamaño&Ameixeiras presentarán ao vivo no Rosalía temas do traballo polo que o ano pasado recibiron o Premio Opinión a Mellor Disco, Aire!. Para a ocasión, contarán coa colaboración da cantante e pandeireira Tania Caamaño,que se sumará ao violín e o acordeón que forman o dúo. O cuarteto pontevedrés Ghaveta interpretará varias pezas cunha formación integrada por voz e percusión, arpa, violín e guitarra. Como peche da gala, Tanxugueiras cantarán e tocarán varios temas. Cada grupo participante ofrecerá actuacións duns vinte minutos.

[object Object]

O grupo Leilía naceu no ano 1989. Moitos vímolas por primeira vez nun escenario no desaparecido festival santiagués Cidade Vella, que deixou moi boas lembranzas pola súa sobranceira programación.

Vestidas ao xeito tradicional, Felisa Segade, Montse Rivera, Ana Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade e Rosario Rodríguez apostaron por recuperar do esquecemento a tradición oral galega e darlle a mesma importancia nun espazo festivaleiro que a calquera outro tipo de estilo musical. No palco amosaron esa vitalidade do noso e a riqueza do folclore galego. Coas súas voces e pandeiretas deixaron unha gratísima impresión aos presentes e abriron mentes e ouvidos para nos achegar á raíz sonora. En 1990 editaron a súa opera prima, un disco de gorentosas pezas tradicionais, ao que titularon Leilía, que marcou un vieiro a seguir para as persoas interesadas en afondar nos sons da nosa terra.

Só por iso xa terían o seu lugar destacado na música galega, mais é que pasados os anos deron un novo xiro que volveu situalas no lugar de pioneiras.

En 1998 saíu ao mercado o álbum I é verdade i é mentira, no que engadiron a varios músicos no concepto musical empregado. Esa unión entre cantareiras e músicos do folk semellaba un espazo natural que se debía percorrer con total naturalidade e coa axuda na produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro, foron quen de realizala dun xeito valioso. Anteriormente houbera unha aproximación entre estes dous mundos nun concerto en directo de Matto Congrio, no que con Mercedes Peón deixaron claro que esa unión era posible e necesaria.

O seguinte disco das santiaguesas foi Madama, onde decidiron incorporar letras con temática actual e remataron a produción discográfica con Consentimento. Cómpre salientar nesa andaina o traballo como arranxista do seu cómplice musical Xoán Porto Guancho. Por certo, Leilía é unha palabra que atoparon nun dicionario antigo e significa copla tradicional. Despois de máis de tres décadas enriba dos escenarios poñen neste 2023 o punto e final á súa carreira e o seu destacado labor en todo este tempo fainas merecentes deste PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira.

Suscríbete para seguir leyendo