O galego, dos libros e da tele, ás rúas e ás tendas da Coruña

Estudantes de cuarto de Secundaria do Rafael Dieste inician unha campaña para promocionaren o galego nos comercios da cidade

Alumnos e alumnas do instituto Rafael Dieste, onte, na praza das Conchiñas.   | // VÍCTOR ECHAVE

Alumnos e alumnas do instituto Rafael Dieste, onte, na praza das Conchiñas. | // VÍCTOR ECHAVE / Gemma Malvido

Jusvely e a sú irmá Juliamny levan nove meses na Coruña e oito estudando galego, pero non só nas aulas, tamén na casa, “vendo novelas na televisión” e cos compañeiros e compañeiras, facendo de “tradutores” cada vez que teñen algunha dúbida. Naceron en Venezuela, pero xa falan un pouquiño en galego con acento latino; na súa clase, hai rapaces chegados de Arxentina, Colombia e Perú, ademais de coruñeses de toda a vida, así que, entre todos van facendo unha comunidade que se entende e se axuda máis alá das aulas. Son estudantes de tres clases de cuarto de Secundaria do instituto Rafael Dieste, residen pola Agra do Orzán e fan a súa vida nas rúas do barrio así que, cando o seu profesor de galego, Alberto Pombo, lles propuxo que fixesen un traballo para subiren nota na proba de galego oral puxéronse mans á obra, porque a posibilidade de teren dous puntos máis non lles viña mal a ningún.

Miguel Ángel, de Todo Lar, cos estudantes do Rafael Dieste.   | // V. ECHAVE

Miguel Ángel, de Todo Lar, cos estudantes do Rafael Dieste. | // V. ECHAVE / Gemma Malvido

Conta Alexandra que enseguida se lles ocorreu a idea de poñer carteis nos negocios da cidade que dixesen que, alí “tamén se fala galego”. Para Xavi, monitor do centro deportivo The Boss, na praza das Conchiñas, que os rapaces pedisen poñer un cartel no seu local foi un motivo de ledicia porque escolleron un negocio “no que se promociona a saúde” e onde se defenden outros valores como a “defensa e o fomento do idioma galego”.

Tamén Miguel Ángel, propietario de Todo Lar, se puxo contento ao saber que os estudantes querían contar co seu negocio para a iniciativa. “Alegreime moito de que viñesen por aquí porque agora hai moitos nenos que xa non falan galego e é o xeito que temos de preservar a nosa identidade”, resume.

A pesar de que na súa vida normal estes rapaces e rapazas, de entre 16 e 18 anos, falan castelán tanto entre eles coma na casa e no instituto, grazas a esta iniciativa, alumnas como Candela aseguran que se están a animar a falar un pouquiño máis en galego, ela, por exemplo, xa non o deixa só para os seus avós, senón que está empezando a abrir un pouco máis o abano. Sofía asegura que fala galego na casa, pero só co seu pai, porque lle inculcou “desde pequena” a importancia de que manteña viva a súa lingua.

Elías, que leva xa doce anos estudando galego, explica que esta actividade de ir poñendo carteis nos locais van facéndoa no seu tempo libre, primeiro, nas tendas que coñecían, despois, petando en portas máis alá da Agra do Orzán e chegando a máis de 300 negocios de toda a cidade. “Ás veces en grupo, ou de dous en dous, outras veces un só”, relata Elías, que foron poñendo en pé esta iniciativa.

E a acollida? Pois houbo de todo, segundo lembra Alejandro, porque había negocios que estaban encantados de poñer o cartel ben visible e outros, pois non tanto, aínda que non por non querer participar, senón por non teren permiso para colocar material promocional.

Pombo defende que A Coruña arrastra “preconceptos”, como o de que non se fala galego na cidade que cómpre desmontar. “Os barrios están nutridos —como se viu agora— de veciños galegofalantes, e o instituto é un espello desa realidade de moitas familias. A pesar de todo, o uso da lingua é cada día menor entre a mocidade, mais a identidade está aí”, explica, e asegura que foi “moi doado deseñar a campaña” de promoción do galego porque “tanto os que naceron aquí, coma os que chegaron de fóra, asumiron orgullosos o proxecto”. “Chegaba con que cada un puxese tres carteis, e varios puxeron trinta. Teño aulas con até quince rapaces exentos da materia —Jusvely e Juliamny entre elas— e, tamén aí, a pesar de non levaren nota, participaron todos”, di Pombo, que ten na súa man eses dous puntos de máis para cada estudante.

Suscríbete para seguir leyendo