XXII PREMIOS OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ

PREMIOS OPINIÓN: A música do pobo que volve ao pobo

Os Premios Opinión da Música de Raíz premian a Tanxugueiras como fenómeno musical de 2022 e a Leilía polos seus 34 anos nos escenarios

Como “tesouro incalculable que temos a obriga de preservar e coidar”, definiu onte o xornalista Alfonso Hermida a música de raíz, no inicio da vixésimo segunda gala dos Premios Opinión, que se celebrou no teatro Rosalía de Castro. Porque a música de raíz, efectivamente, é ese patrimonio inmaterial que se vai herdando de xeración en xeración, que evoluciona e que tanto conta o pasado como o presente, por iso lle pertence a cada xeración a responsabilidade de mantela con vida e de legarlla, “nas mellores condicións posibles” a quen vén detrás.

Tanxugueiras, onte, durante a interpretación de ‘Terra’, a ‘capella’.   | // CARLOS PARDELLAS

Tanxugueiras, onte, durante a interpretación de ‘Terra’, a ‘capella’. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma Malvido

Porque a música tradicional serve, tal e como reivindicaron Caamaño e Ameixeiras enriba do escenario, desde para contar a máis linda historia de amor, “das que tocan profundamente a pataca”, para poñer “un sorriso na cara”, para falar de sexo e de desexo e até para abrir as cancelas dos galiñeiros e atopar a liberdade e a felicidade que cadaquén busca e ansía, xa sexa persoa ou galiña.

Ana e Rosario Rodríguez, de Leilía, onte, co Andaina Senlleira.   | // CARLOS PARDELLAS

Ghaveta, durante a súa actuación. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma Malvido

Foron os Premios Opinión da Música de Raíz, pero tamén unha homenaxe a Leilía, ás mulleres que abriron camiño e que, “cos sancosmeiros [sombreiro tradicional galego]” e os seus traxes de cotío, hai 34 anos, subiron por primeira vez a un escenario coa dúbida na cabeza de se o público entendería o que elas querían transmitir.

Un momento da actuación de Ghaveta.   | // CARLOS PARDELLAS

Leilía, co seu premio Andaina Senlleira. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma Malvido

Foi para elas o premio Andaina Senlleira, o que recoñece a traxectoria profesional dun grupo ou persoa concreta e que lles chega no ano no que se despiden das actuacións, das gravacións e do público co sentimento do deber cumprido porque, tal e como sinalaron onte no seu discurso de agradecemento Ana e Rosario Rodríguez, “a música do pobo, volveu ao pobo”, estaba “esmorecendo” e elas, co seu labor e co seu traballo, conseguiron que non se perdese o legado que con tanto agarimo gardaron nas súas mentes mulleres como Maruja das Cortellas, de Soutomaior.

Caamaño & Ameixeiras, no teatro Rosalía.   | // CARLOS PARDELLAS

Caamaño & Ameixeiras, no teatro Rosalía. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma Malvido

Tanto Ghaveta, o primeiro grupo que se subiu ao escenario do teatro Rosalía, como Caamaño & Ameixeiras e Tanxugueiras, as outras premiadas da noite por seren o Acontecemento Musical do Ano, reivindicaron o “referente” no que foron Leilía tanto na súa vida como nas súas carreiras, porque se converteron no espello no que todas elas se querían mirar.

Alfonso Hermida, presentador da gala.   | // C. PARDELLAS

Alfonso Hermida, presentador da gala. | // C. PARDELLAS / Gemma Malvido

“Debémoslle moito, tanto como proxecto musical, como por ser activistas da música tradicional”, dixo a violinista Antía Ameixeiras que, a falta doutras palabras máis acaídas e por non repetir a verba “referentes”, resumiu dicindo —tal e como lle suxeriu a súa compañeira Tania Camaño— que as Leilía eran “a hostia”. Foi ela quen interpretou, nesta homenaxe continua ás compostelás, a canción O meu amor, que popularizaron as cantareiras durante a súa carreira.

Público, onte, no teatro Rosalía.   | // CARLOS PARDELLAS

Público, onte, no teatro Rosalía. | // CARLOS PARDELLAS / Gemma Malvido

Mesmo recoñecemento, pero ao ritmo de Palmira, lle fixeron os membros de Ghaveta, que introduciron esta peza —de novo popular— no seu repertorio de onte.

Jesús Echevarría, Anxo Lorenzo, Inés Rey, Aitor Moll, José Luis Fernández Astray e Sergi Guillot. Ao lado, Tanxugueiras.    | // C.P.

Jesús Echevarría, Anxo Lorenzo, Inés Rey, Aitor Moll, José Luis Fernández Astray e Sergi Guillot. Ao lado, Tanxugueiras. | // C.P. / Gemma Malvido

Os Premios Opinión da Música de Raíz cambiaron este ano de formato, coa entrega de só dous galardóns, o Andaina Senlleira, xa un clásico nesta gala, que honrou a carreira de Leilía, e o de Acontecemento Musical do ano, que recibiron as Tanxugueiras, no canto de premiar as mellores propostas musicais —canción, intérprete, disco...— do exercicio anterior, como fora noutras edicións. Con dous ou máis premios, a gala pretende, tal e como lembrou onte Alfonso Hermida, que “as vindeiras xeracións” reciban o legado musical que se cantaba e bailaba nas aldeas “nas mellores condicións posibles” e que se preserve a “nosa identidade como pobo”, e agradeceu non só a Óscar Losada, impulsor destes premios que entrega LA OPINIÓN, senón tamén ao Concello, á Xunta e Gadis que, como patrocinadores, axudan a que se poida realizar esta festa da música propia cada primavera.

A música do pobo que volve ao pobo

Tanxugueiras, onte, no Rosalía. / Gemma Malvido

“Seguimos apostando con forza pola música de raíz, paga a pena”, dixo Marta Martínez, de Ghaveta, para despedir a súa actuación, que precedeu á entrega do premio ás Tanxugueiras que lles deu a alcaldesa da Coruña en funcións, Inés Rey.

“Levamos un ano bastante apoteósico, non nos chegarán as palabras de agradecemento”, dixo Sabela Maneiro, que asegurou que se sentían honradas de que moitos “nenos e nenas empezasen a tocar a pandeireta” logo de telas visto a elas no Benidorm Fest e de que esa rapazada arrastrase á música tradicional aos seus pais e nais e avós e avoas. “Nunca pensamos poder vivir isto xuntas, grazas a todas vós que nos dades a oportunidade de poder vivir da música e da música en galego e que nos dades a oportunidade de encher sitios como a praia de Riazor, facer unha xira por toda España e por ter tan boa acollida, sempre vos levamos no corazón”, recoñeceu Sabela Maneiro que rematou a súa intervención dicindo: “non merecemos tanto, pero tampouco merecemos menos”.

Das mans do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, Ana e Rosario Rodríguez, de Leilía, en representación das súas compañeiras recibiron o Andaina Senlleira, e lembraron que, hai 34 anos, atrevérense a subir a un escenario para “dignificar o papel das mulleres como creadoras e conservadoras da tradición oral galega” era “ser valentes”, porque non sabían se a súa proposta sería entendida por quen se achegaba a escoitalas.

Á gala acudiron tamén o director xeral de Prensa Ibérica Galicia, Jesús Echevarría, o conselleiro delegado de Prensa Ibérica, Aitor Moll, o director xeral de Prensa Ibérica, Sergi Guillot e o director de comunicación de Gadis, José Luis Fernández Astray.

“Fomos unha ponte necesaria entre aquel pasado que estaba esmorecendo e un presente que tiña avidez, que tiña moitísimas ganas de saber de onde viña esa tradición oral”, lembraron as Leilía. Daquela, o panorama musical galego tiña “tendencia a mirar cara ao estranxeiro”, a buscar en Escocia, Bretaña e Irlanda a inspiración, pero elas non, elas fixeron a pescuda cara adentro, moito máis alá da figura do gaiteiro, fixándose naquelas mulleres que facían festa coas súas voces, ao remataren as tarefas do día.

A despedida, logo de 34 anos, non é doada, menos aínda, cando os pasos non se acompasan cos tempos marcados e, no canto de diciren adeus cando cumprían trinta anos nos escenarios, téñeno que dicir catro anos despois, pola pandemia.

“Estamos orgullosas e contentas de ter creado país, de arar a terra e de que este paso sexa moito máis suave e fácil porque sabemos que a semente que botamos está a dar froitos marabillosos, como os grupos que estamos a ver hoxe [por onte]. O maior recoñecemento que podemos ter é emocionarnos con eles, porque que a música do pobo volve ser do pobo”, explicaron Ana e Rosario Rodríguez, que quixeron facer o experimento de preguntarlle ao público se podía cantar un pasodobre dunha aldea do lado de Pontevedra que era, realmente, o Eu chorar chorei, un dos temas que forman parte da tradición oral galega.

Aida Tarrío, das Tanxugueiras, lembrou tamén que, de pequena, ía coa súa avoa, “no Fiat Panda”, escoitando a Leilía e que, grazas a ela soubo que se podía facer música tradicional enriba dos escenarios. “Se elas non fosen referente, nós non estariamos aquí cumprindo un soño, porque elas foron as que puxeron a pandeireta enriba dun escenario e é moi importante ver referentes. Somos o que somos grazas a vós”, comentaron as Tanxugueiras, que aseguraron que, cando miraban a Leilía, pensaban: “Nós queremos chegar aí”, e chegaron e collen o seu relevo abrindo camiño para que outras nenas se fixen nelas e saiban que, coa pandeireta na man, poden chegar onde elas queiran e máis alá.

Suscríbete para seguir leyendo