Nueva era en LA OPINIÓN A CORUÑA

Ángeles Vázquez: “Falar de LA OPINIÓN é falar dunha aposta diaria, firme e decidida por esta urbe”

A conselleira de Medio Ambiente salienta que o seu periodismo “está na base da construción desta cidade”

Discurso Ángeles Vázquez, Vicepresidenta segundo de la Xunta de Galicia

Fotografía: Carlos Pardellas / Vídeo: Javier Rosende Novo

“Non se entende LA OPINIÓN sen A Coruña, pero A Coruña tampouco se entende sen LA OPINIÓN”, afirmou Ángeles Vázquez, vicepresidenta da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, quen engadiu que este periódico practica “un xornalismo de proximidade, un xornalismo que non só informa, senón que xera conciencia e tamén opinión en todo o que acontece nas súas rúas”. Segundo dixo, “falar de LA OPINIÓN é falar dunha aposta diaria, dunha aposta firme e dunha aposta decidida por esta urbe, pola Coruña”.

Salientou que é un xornal “enraizado na cidade” e que leva xa máis de vinte anos “dunha traxectoria sempre ligada o día a día dos coruñeses e das coruñesas”, aínda que está convencida de que “aínda lle quedan moitas máis páxinas por escribir e moitas máis cousas que contar.” Para Vázquez, “a cidade que queremos é un lema máis que acertado para este acto, xa que o periodismo que se practica en esta redacción está na base e o cerne da construción desta cidade”. A conselleira tivo tamén palabras para o equipo humano do xornal e do grupo ao que pertence, ao que considerou como “profesionais comprometidos, comprometidos co traballo ben feito, con paixón, para que as cousas sempre saian ben”.

Xornalistas que coñecen a cidade

“Coñezo a moitos dos seus xornalistas e cónstame que coñecen a perfección esta cidade. Saben de onde vén A Coruña, saben onde está A Coruña, e saben o que queren para A Coruña”, explicou a vicepresidenta. Como responsable autonómica de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, advertiu que unha cidade “debe ser un lugar amable e ordenado para vivir, o tempo que debe ser un lugar respectuoso co medio ambiente e planificado acorde ás necesidades dos seus cidadáns”.

Asegurou que o seu departamento xa está traballando a prol dese obxectivo “co deseño da axenda territorial urbana de Galicia, que permitirá acadar un modelo urbanístico sostible, resiliente, seguro e inclusivo” e que, ademais, se converterá na folla de ruta da consellería para orientar as súas políticas “dende unha visión global e integrada”.

Vázquez estimou que A Coruña “xa cómpre moitos deses requisitos que debe ter a cidade que queremos”e que “entre os seus principais méritos está o de contar con este xornal, con LA OPINIÓN A CORUÑA”, e mesmo mencionou seccións como Si no lo leo no lo creo, da que dixo que é un “referente” e que é “o primeiro que ocupa a nosa atención e nunca deixamos de ler no día a día”.

A conselleira trasladou aos responsables do xornal e de Prensa Ibérica as felicitacións do presidente da Xunta pola súa traxectoria nestes anos e amosou a súa convicción de que os éxitos continuarán coa nova ubicación da redacción na Coruña, na rúa Fonseca, e co relanzamento da súa actividade, que lle permitirá “seguir traballando por e para Galicia dende A Coruña”.