Máis de 40 anos servindo cafés á “xente de sempre”

José María Abuelo cumpre os 65 ao mando do café Abelleira, no que empezou en 1981

José María Abuelo coa súa muller, Susi, e clientes.   | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

José María Abuelo coa súa muller, Susi, e clientes. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / Enrique Carballo

José María Abuelo naceu en Mazaricos, pero leva a meirande parte da súa vida no barrio coruñés da Sagrada Familia, levando o bar Abelleira no 36 da rúa González del Villar, preto do cruce con Cardenal Cisneros. Entrou en decembro de 1981, hai case 42 anos, e el mesmo cumpriu agora os 65 anos, a idade de xubilación, e segue traballando nunha cafetería na que a meirande parte dos clientes son a “xente de sempre, coñecémonos todos”, e coa peluquería que leva a súa muller no piso de enriba.

Abuelo non tiña unha grande experiencia no sector da hostalaría cando colleu o Abelleira, que, segundo explica, xa tivera dous donos anteriormente. Entrou nel “practicamente” ao saír do servizo militar, e antes estivera uns meses nun bar de Bilbao, pero “tiña familia na Coruña” e colleuno con apenas 23 anos. “Era un bar de bebidas, daquelas había moita xente que andaba a rondas polo barrio”, explica.

E é que nos anos 80, lembra Abelleira, a Sagrada Familia tiña bastante ambiente. Lembra nomes de locais como Pescador, Catro Esquinas, A Rianxeira ou Paraíso, aínda que tamén admite que “as cousas foron morrendo” e que non houbo relevo xeracional entre a hostelería do barrio. “A xente se vai xubilando, e non hai quen veña detrás”, sinala, e nalgún dos locais orfos de bares “fixeron unha vivenda”.

Pero el prosperou. Empezou cun negocio de cafés; “tes que comezar por algo”, di, e pronto foi acumulando clientes habituais, dos que acompañan para toda a vida e “empezaron a vir as peñas de mus” para darlle vida ao local. Foi nestes tempos nos que había máis vida nocturna e ás veces estaba traballando “ata as tres da mañá”, pero as pandillas que se formaban nos 80 para “tomar os viños e recorrer os bares fóronse facendo maiores”. Agora, admite, no barrio “xuventude hai pouca” e a xente nova que queda, considera, sae de festa por outras zonas da cidade. Os veciños tamén foron cambiando, e agora na Sagrada Familia hai xente “de todas as nacionalidades”, pero que conviven “sen líos nin follones”.

E o Abelleira foise adaptando. A Abuelo as cousas fóronlle indo “cada vez un pouco mellor” e fundou unha familia. A que sería a súa muller montou unha peluquería enriba do Abelleira en 1986, e dous anos despois casaron. Tiveron dúas fillas, que agora andan polos trinta anos, pero indica que ningunha pensa en coller o negocio, xa que teñen outros traballos fóra da hostelería. Cando lle toque coller o relevo, explica Abuelo, quere deixar o Abelleira á “persoa adecuada”, alguén que teña claro que sabe “levar o negocio”.

Pois agora pode que non haxa tanta festa de noite no barrio, pero as mesas “ás cinco están todas ocupadas” con clientes, moitos que veñen a botar partidas de mus e dominó e case todos “clientes de toda a vida”. Iso, explica Abuelo, é o que máis lle gusta da hostalería: que aos seus anos está atendendo “á xente de sempre”. O peor, que na profesión hai que botar “moitas horas”, aínda que xa non está nos tempos de traballar a noite. Agora pecha “ás doce, doce e media, cando hai partidos”, pero, sobre todo, “cando marchan os clientes”. Despois de todo, hai confianza.

Suscríbete para seguir leyendo