Belas Artes, un exemplo vivo nun ecosistema museístico dinámico

O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, e o técnico de acción cultural, Manuel Mosquera, conversan con LA OPINIÓN sobre o tecido expositivo da cidade e a mostra sobre a relación de Sorolla con Galicia

Ángeles Penas, Anxo Lorenzo e Manuel Mosquera, no museo de Belas Artes.   | // IAGO LÓPEZ

Ángeles Penas, Anxo Lorenzo e Manuel Mosquera, no museo de Belas Artes. | // IAGO LÓPEZ / b.c.

B.C.

A cidade da Coruña pode presumir dun tecido cultural vivo e dinámico, que a posiciona como un dos puntos culturais máis representativos do Noroeste peninsular. Características que, como parte dese ámbito cultural, quedan replicadas na súa rede museística, que da acubillo á historia, a ciencia, ao audiovisual e as artes, con protagonismo a todo tipo de movementos, estilos e influencias creativas. Un deses puntos ineludibles é o Museo de Belas Artes, que estes días acolle a mostra Viaxar para pintar, Sorolla en Galicia, que explora a pegada que deixou na pintura do xenio valenciano as súas incursións en Galicia. O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, e Manuel Mosquera, técnico de Difusión e Acción Cultural do Museo de Belas Artes, conversan con LA OPINIÓN sobre as conxunturas que rodean a rede museística coruñesa.

Anxo Lorenzo. A oferta museística está dentro dunha oferta cultural. Historicamente, A Coruña tivo unha oferta museística moi importante. En comparación con cidades do seu tamaño, ou algo máis, a oferta museística é do máis variada, con museos nacionais, científicos; que xestiona o Concello ou a Xunta, como é o caso de Belas Artes. Despois hai lugares de exposición, como o Kiosko Alfonso, de titularidade municipal, que é un elemento de dinamización de exposicións. Non creo que A Coruña teña un déficit. Están tamén os espazos privados das fundacións, e temos, dende hai pouco, unha oferta de operadores novos como pode ser a Fundación de Marta Ortega. Para o seu tamaño, ten unha oferta museística perfectamente homologable, e se cadra, por riba da media da cidades deste tamaño.

Ángeles Penas: No ámbito galego, A Coruña, xunto con Santiago, é o espazo urbano que ten unha ampla dimensión e unha grande oferta neste senso. Outra cousa é que os contidos expositivos ou as actividades da propia cidade pasen por épocas mellores ou peores; pero o sistema básico creo que ten un grande potencial. No caso de Belas Artes, este é un museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta. Temos unha grande ambición no ámbito de chegar ao público; ao que chegamos a través das exposicións permanentes e das temporais. Acompañamos todo iso cunha serie de actividades que queremos facer accesibles a todos os públicos. Temos un grande respaldo por parte da Consellería, no sentido de que todas as actividades que nós propoñemos son aceptadas. Tivemos a oportunidade de facer grandes exposicións temporais que saen do ámbito galego e teñen posición internacional. Tivemos a oportunidade de ter coleccións privadas que poucas veces puideran mostrarse, como a colección Thyssen; dúas exposicións de Picasso, que foron un privilexio único para unha cidade pequena. Foi contar cunhas exposicións cun nivel equiparable a calquera do ámbito internacional. Para nós, é unha grande satisfacción. O intercambio entre os nosos superiores e nós é satisfactorio, porque podémonos entender no obxectivo común de proxectar a cultura ao alcance de todos cun determinado nivel.

Manuel Mosquera: Penso que A Coruña a nivel de museos ten hoxe en día unha rede importante, que se complementa con axentes privados, mais tamén con elementos como a rede de bibliotecas. É un dos ámbitos que fan que A Coruña teña esa rede cultural. É importante que as institucións públicas e privadas creen unha dinámica cultural; hai xente que vén á exposición de Picasso, despois van á do Porto... iso na Coruña hai anos non se vía tanto; que a xente collera ese paseo polas exposicións.

   | // IAGO LÓPEZ

| // IAGO LÓPEZ / b.c.

A Coruña como punto de referencia cultural no Noroeste de España. Colaboración institucional

Anxo Lorenzo. En España hai moitos museos. A Coruña, Bilbao, Sevilla, Valencia, teñen modelos de titularidade de Estado e xestión autonómica. A rede é interesante, primeiro, nos museos grandes, e despois, nunha rede de museos intermedios, como pode ser o da Coruña, que é bastante singular, coas diferencias orzamentarias que pode haber. Despois están eses museos máis locais, que son interesantes tamén. Os museos intermedios fan un papel na difusión e na formación e fidelización de públicos. Hai un antes e un despois da crise nos museos á hora de acometer grandes proxectos. Moitas institucións non aguantaron a crise, e que hoxe, transmutadas no que sexa, ofrecen programacións que non eran as de antes. Os museos, á hora de abordar un proxecto forte, teñen máis dificultades. Hoxe estamos mellor, podemos abordar proxectos importantes, como os de Picasso no 2015 e no 2023. Contamos con axuda, pero somos quen de facelo, e falo en xeral, non só dende a Xunta, tamén en ámbito local. Con independencia de que sexa necesario o financiamento, hai profesionais da casa que son quen de armar todo isto.

Manuel Mosquera. Se falamos do Noroeste, a competencia entre cidades sempre é difícil, pero ao mellor o que diferencia á Coruña son os museos científicos, moi diferenciadores de outras cidades do seu tamaño.

Anxo Lorenzo. E algo que tamén hai que mencionar é o feito de que haxa un Consorcio para a promoción da música, con todos os líos ou problemas que poida haber. Cantas orquestras sinfónicas hai en España do nivel da Sinfónica de Galicia? É moi importante, nas grandes cidades, que existan proxectos estruturantes que se manteñen no tempo, como é un museo ou unha sala de exposicións. Esas infraestruturas culturais que van máis alá do momento, da época con máis recursos. Vas creando tecido, xerando públicos, mantendo esas programacións. As cidades necesitan proxectos estruturantes, que vaian máis alá. Hai que facer un traballo de base, que as veces é un pouco feo, que parece que vén feito.

Manuel Mosquera. O museo leva moitos anos nos programas educativos do Concello, entre outras colaboracións. O mellor sempre é unir forzas. Moitos destes programas axudan a que a xente, sobre todo cando son dun ámbito máis local, se sinta identificada co museo e que o considere como un elemento propio. Co programa de Identidade, colaboramos con 15 entidades da cidade nun programa que xa leva cinco anos estable, como tamén Museo en Movemento. Non son ao mellor axentes grandes, pero si institucións que fan rede na cidade.

O Museo de Belas Artes. Unha historia de saltos cara adiante

Anxo Lorenzo. O museo de Belas Artes, dentro dos centros que fan Prado Extendido, que é o programa de préstamos a institucións museísticas de España, é un dos museos que máis pezas ten en depósito procedentes do Museo do Prado. Iso dá idea da consideración que ten o Prado con este museo. Se este fose un museo menos competente, o Prado non depositaría aquí obras con esa tranquilidade.

Ángeles Penas. Hai unha relación histórica co Museo do Prado, continua e en permanente revisión. Intercambiamos propostas, que permanecen aquí por esa capacidade de ser un museo de titularidade estatal, que profesionalmente recoñece a competencia ou a especialización dos que traballan aquí. A resposta é boa por parte da cidadanía.

Anxo Lorenzo. A exposición de Picasso no 2015 foi un punto de inflexión. A nivel de público especializado, no mundo do arte, máis e en maior medida no 2015, colocouse a mensaxe de que para coñecer ben a Picasso, hai que coñecer a época coruñesa. Que unha cidade como A Coruña poida estar vinculada ao universo de Picasso, que é o grande creador, que move un 20% anual no mundo da arte, é moi importante en materia de capital simbólico.

Un momento del debate

Un momento del debate / Iago López

Ángeles Penas. No 2015 había que defendelo, explicar e dicir que non estabamos inventando o da etapa coruñesa, que había documentación que o probaba e que era unha análise necesaria. Esa exposición puxo A Coruña no mapa do universo picassiano.

Manuel Mosquera. Nesas exposicións, viuse que había público de fóra que viña ver a exposición, pero foi moi importante o público local; que ao mellor noutras mostras é máis lento. A partir do 2015, notouse que hai máis afluencia a exposición temporais, hai máis presencia dos museos nos medios, nas asociacións, os hoteis cando abren veñen aquí pedir información... foi un cambio na percepción do museo cara a cidade.

Ángeles Penas. Este museo deu un salto cualitativo e cuantitativo. Cuantitativo pola estrutura e polos recursos de persoal e medios dos que dispón; cualitativo pola capacidade de proxección social a través das actuacións do propio museo, os proxectos de investigación que se transmiten a través das súas obras documentadas, as exposicións e o gabinete de difusión. Está totalmente interrelacionado en todos os seus ámbitos, dende a documentación, a educación, a investigación ata a conservación. Temos un laboratorio de conservación que fai cousas moi interesantes. O salto foi inmenso. Hoxe somos un museo en plena actividade, con recoñecemento institucioanl pleno. É un grande cambio o que supuxo introducirnos nos novos sistemas de comunicación, as redes sociais, as exposicións dixitais. É un ámbito que estamos traballando, cun bo apoio de parte da Dirección Xeral, que ten unha demanda cada vez maior e é un xeito de chegar á sociedade que antes da pandemia era impensable. Os proxectos son moi sólidos. As coleccións foron medrando grazas, entre outras cousas, a doazóns importantes como a da obra de Luis Seoane, que supuxo poñer ao museo no ámbito da vangarda contemporánea, do que carecía, en relación do que se move na nosa historia de Galicia, que pode ser transoceánica. Hai que destacar a importancia de doazóns de particulares que ampliaron a colección de arte galego. Tamén, o intercambio con outras institucións, como o Prado.

Manuel Mosquera. Nos últimos anos, houbo doazóns significativas que axudaron a vertebrar a colección. O Prado fixo aquí o depósito do legado de Sotomayor, que se contrapón ao de Luis Seoane, como dúas visións distintas do arte galego; o que axudou a potenciar a pintura rexionalista. O museo medrou no ámbito da pintura galega do século XX, tanto o rexionalismo como a vangarda como a figuración dos anos 70. Dende que se abriu o museo nesta nova sede, as coleccións medraron en calidade, cantidade e pluralidade. Temos series de Goya expostas, escultura contemporánea , fotografía...

Anxo Lorenzo: En xeral, en todas as institucións culturais, hai dous esforzos: a dixitalización dos museos, no traballo interno e na actividade de difusión cara fóra. Despois, todo o que ten que ver coa inclusión da diversidade. Un museo está pensado para un tipo de visitante estándar, na normatividade. Esa é unha parte da sociedade. Se os museos unicamente apelan á parte fácil da sociedade, deixan fóra ás persoas que están en risco de exclusión dese nivel cultural. Estase facendo un traballo de inclusión, de atención a esa diversidade. Dende medidas de accesibilidade ata as propias actividades, para que estean preparadas, deseñadas, as veces en exclusiva, para ese colectivo. Este museo está facendo experiencias pioneiras, liñas de traballo que eran piloto ou experimentais hai anos.

Los tres participantes, en el Museo

Los tres participantes, en el Museo / Iago López

Ángeles Penas. Tratamos de buscar un equilibrio e facer un museo híbrido entre o presencial, que é o máis habitual, cos públicos habituais, e o mundo non presencial. Aí é onde houbo un grande esforzo para chegar aos públicos que, incluso, non poden chegar ao museo polas súas limitacións. Aí houbo un antes e un despois. A accesibilidade témola moi presente. O sistema de redes cada vez é máis amplo, iso repercute na nosa comunicación e difusión.

Anxo Lorenzo. Do mesmo xeito que agora temos un Galiciana, —biblioteca dixital— e un arquivo dixital, estamos poñendo en marcha a terceira pata de Galiciana, o museo dixital. Haberá outra pata, o audiovisual, nun futuro, pero agora estamos nos museos.

Ángeles Penas. Nos últimos anos, a páxina web foi moi importante, porque facilita que a xente teña acceso ás coleccións, aparte de toda a actividade, a ese fondo de toda a colección que está aberto, de consulta. Nos planos de inclusión, o que temos agora son programas estables. Se es quen de ter unha estabilidade, unha continuidade, iso o que fai é medrar de ano en ano. ás veces temos problemas para responder a toda a demanda que empezamos a ter, sobre todo nos públicos inclusivos.

Sorolla, un clásico moderno

Ángeles Pena. O reto é coller o clásico e traelo ao mundo contemporáneo. Nós temos que adicarnos a todos os públicos. Queremos que a xente nova aprecie o que é un patrimonio que nos pertence a todos. Sorolla ten un público de primeira liña. A demanda é continua dende que abrimos a mostra. Á xente nova sorpréndelle, aprende a mirar. Propiciar a descuberta é unha das nosas funcións como museo.

Manuel Mosquera. A mostra explora a relación de Sorolla con Galicia, as viaxes que fixo, por que estivo aquí, tamén esa idea dos pintores que empezaban a viaxar a finais do XIX e XX, esa idea de moverse polo mundo. Tamén explora a relación entre os pintores galegos e con Sorolla. O Museo Sorolla, en Viaxar para pintar, quería potenciar esa idea do Sorolla que viaxa, pinta en moitos lugares, e non querían que Galicia quedase fóra.

Anxo Lorenzo. Isto desenvólvese no contexto do centenario e do impulso que lle está a dar o Museo Sorolla. Iso é importante. O Museo Sorolla, para desenvolver un proxecto de Sorolla en Galicia, mira cara aquí, cara Belas Artes, non cara outro museo. Aí está a vinculación de calidade. Sorolla é un dos grandes pintores de España, de finais do XIX e do século XX. Telo nunha programación do Museo de Belas Artes prestixia o museo.

Manuel Mosquera. Nesta mostra descóbrese todo un patrimonio cultural galego, por esa característica que tiña Sorolla de gardar, dende vestimenta popular, a todas as fotografías que facía para ter como base nos seus cadros. No Museo Sorolla hai unha parte do patrimonio galego que está alí, e é moi descoñecido. Sorolla sempre foi un pintor internacional e recoñecido, pero nos últimos vinte anos, cada vez o é máis a un nivel popular. O Museo Sorolla pasou a ser un dos máis visitados. A xente está mirando a Sorolla dun xeito distinto a hai 40 anos, como un clásico moderno.

Manuel Mosquera. O reto que tivo el aquí foi captar a luz de Galicia. Unha das características súas é a pintura ao natural. Quería enfrontarse a unha luz distinta á Mediterránea. En Vigo, Baiona, Vilagarcía o que busca son os grises. El quere rebaixar a súa paleta para conseguir os matices de grises. O que queda é ese reto. Na Hispanic Society ten o reto do panel dedicado a Galicia como un dos lugares de España. Para el foi todo un reto esta luz, moi distinta á que el estaba afeito. Ao final conségueo, como tamén recoller a vestimenta popular. Hai unhas fotografías da feira de gando de Vilagarcía, nas que se ve que el quere ser cronista, buscar a realidade. Sorolla foi tamén profesor, e tiña un estudo onde estaban Xesús Corredoira, Lloréns, María Corredoyra.. Álvarez de Sotomayor non foi discípulo, pero tiveron unha relación importante no persoal, coincidían en moitos ámbitos. Sotomayor miraba a Sorolla como un pintor xa consolidado. Tivo unha relación con Emilia Pardo Bazán, á que lle fai un retrato para a galería de intelectuais que hai na Hispanic Society. Ela é importante porque é unha das intelectuais que defende a pintura de Sorolla, criticada por moitos intelectuais da xeración do 98 que o critican dun xeito despiadado.