Bieto Romero | Fundador de Luar na Lubre, que actúa o día 26 no Colón

“Sacar vinte traballos discográficos dentro do folk é case unha heroicidade”

“A nosa contribución foi decisiva á hora de consolidar ou sementar o que está sucedendo na actualidade coa música galega”

Bieito Romero, primeiro pola dereita, xunto ao resto dos compoñentes de Luar na Lubre.   | // CEDIDA

Bieito Romero, primeiro pola dereita, xunto ao resto dos compoñentes de Luar na Lubre. | // CEDIDA / Jacobo Caruncho

Case corenta anos de carreira e vinte traballos publicados avalan o éxito de Luar na Lubre, o grupo de folk galego fundado na Coruña que actuará o vindeiro 26 de xaneiro no teatro Colón para presentar Luar Na Lubre XX. Encrucillada, o seu último traballo. “Vai ser un concerto tan especial como o propio disco e vai ser memorable porque imos xuntar no escenario a moita xente que parecía que nunca máis nos iamos atopar”, avanza Bieito Romero, un dos fundadores da agrupación

Están a presentar o voso novo traballo, Luar na Lubre XX. Encrucillada. O de vinte enténdese, porque é o voso álbum número 20, pero de onde ven o de encrucillada?

Este traballo é unha celebración. Sacar vinte traballos discográficos dentro do folk é case unha heroicidade. Non hai moitos grupos de música folk que teñan vinte traballos editados e quixémolo facer de maneira conmemorativa. Encrucillada é ese lugar onde diferentes camiños se encontran e neste sentido quixemos encontrarnos con moita xente que pasou pola nosa traxectoria. É un disco onde hai moitísimas colaboracións, un recopilatorio onde facemos unha cronoloxía destes 37 anos. Encrucillada significa tamén un momento de tomar decisións e é un momento de tomar a decisión de que camiño imos seguir á hora de editar os nosos traballos.

E que camiño van seguir?

Luar na Lubre continuará, pero agora todo está pensado dende as plataformas, dende o dixital, e é probable que este sexa o último traballo editado físicamente. Agora empezará unha nova etapa que temos que concebila dende outras maneiras de plasmar o noso traballo.Empezamos editando en casetes e en vinilo e pasamos ao CD, que xa foi un trauma importante no seu momento pero ao que nos adaptamos perfectamente,. E agora toca dar un novo paso. Estamos correndo dunha maneira aceleradísima cara o mundo dixital e hai que adaptarse aos tempos..

Neste disco recuperades voces que pasaron pola formación. Como foi esa volta a casa delas?

No disco hai voces que pasaron por Luar na Lubre e outras moi significativas ás que queremos moito como Sés, Marisa Valderroso ou Pablo Milanés. Pola formación pasaron bastantes voces e toda esa xente é moi siginificativa. Non soamente as voces, tamén moita outra xente que participou neste recopilatorio de cancións que están renovadas e incluso regravadas. Máis de 150 colaboracións fan do disco un traballo novo, repensado.

Moitas voces pasaron por Luar na Lubre para despois comezar unha carreira en solitario.

Está claro que Luar na Lubre foi unha canteira importante de artistas, ou polo menos foi un lugar de paso de moita xente que despois proxectou as súas carreiras en solitario. Pero tamén os músicos, por aquí pasaron máis de trinta persoas. Moita xente aquí fixo carreira e o seu nome se proxectou con forza.

O álbum inclúe o tema El largo Camino de Santiago, que compuxo e cantou o falecido Pablo Milanés. Como de especial é este tema?

É un tema especial porque foi un encargo do propio Pablo para que fixéramos unha versión dende a nosa perspectiva dunha canción que el xa tiña gravada no ano 2009, adicada ao Camiño de Santiago e á súa compañeira Nacy Pérez, que é galega. Esta canción estaba concebida dende a música celta, el dicía que lle soaba a música celta. Esa canción pensáraa escoitando música de Dire Straits. Parece que non pode ter relación iso coa música celta, pero sí a ten dende os oídos dun cubano. Entre outras cousas porque a forma de traballar dos Dire Straits estaba un pouco en función dos arranxos que facía o seu líder, Mark Knopfler, un home moi vencellado ás músicas celtas de Escocia e Irlanda.

Sumades xa case corenta anos de carreira. Como evolucionou a formación nestes anos?

Corenta anos na música é algo case inconcebible. Empezamos de moi noviños e agora xa non o somos tanto. Estilísticamente no grupo hai variacións. Nunca deixamos de traballar dende que comezamos no ano 1986. Sempre estivemos ahí, sacando un traballo discográfico cada dous anos e en cada traballo sempre hai cousas novas. O valor máis importante que temos é o noso público. Se non tiveramos un público fiel e estable, non soamente en Galicia, porque a nosa vagaxe de concertos é fora de Galicia, isto non tería percorrido. A maior parte das bandas folk acaban esmorecendo porque non son capaces de manterse. Pero nós aquí continuamos con moi boa saúde física e artística.

Nestes últimos anos está a haber un auxe da música en galego, con novos artistas que están a triunfar. Como ve este novo panorama?

Estamos encantados e a nosa contribución tamén foi decisiva á hora de consolidar ou sementar o que está sucedendo na actualidade. Eso non é casualidade nin xurde espontáneamente, é consecuencia dun traballo ben feito durante moitos anos e da persistencia de bandas como a nosa e outras que fixeron un traballo moi importante. Temos un folklore dos máis importantes de Europa e a xente empeza a recoñecelo como é debido. Dase a situación paradóxica de que vivimos un momento doce pero cunha tara importante.

Que tara?

A dificultade para manterse. Nunca houbo tantos músicos e tantas propostas de calidade galegas como hai na actualidade, pero por desgracia a maior parte non acaban de consolidarse e de ter unha proxección fóra de Galicia.

Que tedes preparado para o concerto no teatro Colón?

Vai ser un concerto tan especial como o propio disco, onde vai a haber unha boa parte dos convidados e prácticamente todas as voces que participan. Vai ser un concerto memorable porque vamos xuntar no escenario a moita xente que parecía que nunca máis nos íamos atopar. Vai ser un concerto moi especial.