Entrevista | Carmen Villar Alonso Poeta, presenta esta tarde o seu poemario ‘Os mil e un días’ na libraría Berbiriana

“Ler poesía é un acto de resistencia e rebelión contra as présas de hoxe en día”

“Gustaríame que as miñas poesías fosen accesibles dabondo como para que a xente da xeración dos meus avós puidese entendelas sen precisar un esforzo”

A poeta Carmen Villar Alonso, co seu poemario.   | // XOÁN ÁLVAREZ

A poeta Carmen Villar Alonso, co seu poemario. | // XOÁN ÁLVAREZ / Jacobo Caruncho

A xornalista e poeta Carmen Villar Alonso leva ao papel algúns dos seus poemas publicados durante tres anos nas súas redes sociais no seu primeiro poemario en solitario, Os mil e un días,que presenta esta tarde ás 19.00 horas na libraría Berbiriana.“As poesías que escribín no seu momento pode que non as escribise hoxe en día. Pero nin me desmontan nin me desminten”, afirma.

Entre a crispación, o odio e as noticias falsas que imperan nas redes sociais, vostede decidiu hai anos abrir a porta á poesía a través deste espazo.

Este proceso ten como filosofía demostrar que as redes sociais tamén poden servir para crear beleza. As redes son o uso que fagamos delas, e é posible outra maneira de traballar con elas e de enfocalas.

Por que decidiu pasar os seus versos das redes ao papel?

Antes eran ceros e uns, algo que só existe na imaxinación dos ordenadores, pero a maxia do papel convertiunos en algo tanxible, que se pode tocar, ver, e que mesmo recende ao papel. Un papel é algo moito máis fermoso, como se foses de verdade.

E ao igual que nas redes, neste poemario acompaña unha imaxe a cada texto. Xurdiron á vez?

Non escribo sempre poemas encadeados a imaxes. Nembargantes neste proxecto poético sí que o fixen, xudiron de feito interrelacionado. Sempre me gustaron as palabras e as imaxes, e quería reconcilialas e penso que este era o camiño.

Para preparar este poemario tivo que relerse e atoparse con vostede mesma. Sentiuse satisfeita do que tiña feito hai anos?

Non poría nada no papel se non estivera orgullosa. Sen embargo cambiamos, e as poesías que escribín no seu momento pode que non as escribise hoxe en día. Pero nin me desmontan nin me desminten. Xa non son a mesma persoa que escribiu, porque estamos todo o tempo cambiando. É un proceso continuo de vivir e escribir.

A súa poesía resulta moi directa e accesible.

É una das miñas intencións. Veño dunha cultura e dunha relación coa poesía que é froito da miña infancia, do trato cos meus avós, que sempre me contaban historias. Gustaríame que esa accesibilidade fose dabondo como para que xente da xeración dos meus avós puidese velos e entendelos sen precisar un esforzo ou una tradución que pasase pola vía intelectual.

No libro viaxa ao pasado, á infancia, e están presentes eses avós. Que papel xogaron?

A infancia e o pasado é un dos eixos principais. Temos unha lembraza que nos semella única pero posiblemente hai moito de ficción. Temos os recordos, xiramos arredor dunha liña de puntos e cortamos.Este poemario está adicado aos meus avós porque son os que me fixeron. Eu son filla de emigrantes, e somos orfos de vivos. Afortunadamente orfos temporais. Os meus avós son os responsables de todo o bo que me aconteceu na vida.

A poesía ten fama de ser para un público selecto. Apréciase a día de hoxe?

Hai formas de entender as cousas que veñen de atrás, que se cadra non se adaptan xa ao que é a poesía. Pode haber un prexuízo, pero todo o mundo está capacitado para entendela. E se non entendes o texto, vas entender o conxunto. Hai que vencer prexuízos.

Pero a poesía quizáis require dunha lectura máis pausada, non?

Ler poesía podería entendersese como un acto de resitencia e incluso de rebelión contra as présas de hoxe en día. Se cadra, o feito de pararnos é bo para nós, que estamos todo o tempo correndo. Cada poema narra algo único.