‘Corentena’, unha festa entre amigos que agora enche auditorios por toda Galicia

O novo espectáculo dos cómicos Xosé A. Touriñán e David Perdomo naceu dos directos de Instagram improvisados que fixeron durante o confinamento e que actualmente levan a escena dando vida a moitos daqueles personaxes

Chega a Palexco, na Coruña, os días 1 e 2 de marzo

Perdomo e Touriñán, durante o 'show'.

Perdomo e Touriñán, durante o 'show'. / Aigi Boga

B. C.

Non hai maior comedia que a que se forma nun grupo de amigos. Iso sábeno ben os cómicos Xosé A. Touriñán e David Perdomo, compañeiros sobre os escenarios e tamén fóra deles desde hai dúas décadas. Proba diso é o seu último espectáculo, Corentena, onde non fan máis que rir, conversar e volver rir diante dun público que máis que público son amigos. Ese é o sentimento que deixa o show entre aqueles e aquelas que desfrutan das ocorrencias dos cómicos, ambos os dous no momento de maior plenitude artística nas súas carreiras.

Así se explica o éxito que está a ter Corentena, un espectáculo que non deixa de encher teatros e auditorios alá onde vai. As datas cóntanse por número de cheos e xa son milleiros de espectadores os que se achegaron ás funcións de lugares como A Coruña, Ferrol, Narón, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Lalín ou Vilalba, entre outros tantos lugares aos que se seguen sumando novas vilas mes a mes. En moitos delas mesmo repetindo funcións pasado o tempo para acoller espectadores que aínda non viron o espectáculo ou outros que queren volver facelo. Despois do seu éxito na cidade herculina, Corentena volverá estar na Coruña con catro pases previstos para o próximo 1 e 2 de marzo no Auditorio Palexco. As últimas entradas á venda pódense comprar na páxina www.corentena.gal ou na web de Ataquilla.

Personaxes de 'Corentena'

Personaxes de 'Corentena'. / Aigi Boga

A proposta que hoxe xira por Galicia adiante naceu no ano 2020 durante o confinamento, cando os dous cómicos e amigos decidiron facer directos de Instagram para animarse eles e animar tamén a xente que os vía. Pouco a pouco e sen pretendelo acadaron cifras impensables, como as case 30.000 personas que conseguiron ter conectadas ao longo dalgunha das súas emisións.

As entradas para o espectáculo da Coruña, os días 1 e 2 de marzo, poden comprarse nas webs de 'Corentena' e Ataquilla

A dinámica que seguen Touriñán e Perdomo non é outra que a de improvisar sobre personaxes recoñecibles polo público dentro do seu humor, mais tamén a de crear outros novos a partir dos filtros que foron descubrindo coas horas de uso da plataforma. A descuberta foi tal que cando levaron ese concepto inicial aos escenarios Touriñán e Perdomo decidiron acompañarse de dúas pantallas coas que seguir empregando eses filtros ao vivo. Isto supuxo outra das innovacións que distinguen o espectáculo sobre os seus anteriores traballos e sobre outras propostas que non teñen vídeo en directo.

Hoxe os dous cómicos lembran con agarimo e orgullo aquela época, pois sentiron que o seu traballo era unha axuda para moitas persoas que non o estaban a pasar ben naquela época. Non eran poucas as mensaxes que lles chegaban de sanitarios e demais traballadores esenciais, ou de persoas que non podían saír da casa, que encontraban nos seus directos un bálsamo para levar mellor a situación sanitaria. Apostar polo humor tiña máis sentido que nunca.

Aquelas conversas en liña inspiraron un espectáculo que leva meses xirando, pero realmente este show pensouse practicamente de cero. Primeiro fíxose unha proba nunhas poucas salas para ver como funcionaba a idea, o que levou o show á sala Garufa da Coruña, á Riquela de Santiago e a La Room de Ferrol, mais Corentena non tardou en aterrar sobre as táboas con funcións diante de centos de persoas. Os teatros e auditorios galegos recibiron con ganas a proposta.

Xosé A. Touriñán

Xosé A. Touriñán. / Aigi Boga

A constante en cada unha das funcións é a improvisación que nutre de orixinalidade cada un dos pases. Esa é a base sobre a que Touriñán e Perdomo constrúen os seus gags e ocorrencias, que nunca son as mesmas de función en función. Os dous humoristas beben da actualidade e das particularidades de cada un dos lugares que visitan para facer rir, adoptando por momentos un ton algo canalla pero sempre co obxectivo de pasalo ben entre todos. Ese é o termómetro que empregan os dous sobre o escenario, xa que a súa diversión é a que conecta cos demais.

A improvisación nutre de orixinalidade cada un dos pases deste 'show' que naceu durante o confinamento

Precisamente esa forma de traballar permite conseguir moito con pouco, xa que ningún dos dous fai uso de grandes elementos nos que apoiarse. Cunhas gafas, unha gorra e un pano abonda para meterse no papel deses personaxes que van sacando un detrás do outro ao longo da hora e pouco que dura cada pase de Corentena.

David Perdomo.

David Perdomo. / Aigi Boga

A partir dun mínimo esqueleto que ordena todas as voces que van pasando por diante do público, Touriñán e Perdomo xogan a namorar e namorarse sobre o escenario, algo para o que constrúen relacións de complicidade cos espectadores de diferentes idades que se achegan a velos.

Se hai algo innegociable en cada función de Corentena son as risas e a enerxía coa que Touriñán e Perdomo enfrontan cada pase. Logo de vinte anos de amizade, esta é a primeira vez que xiran xuntos de xeito regular por teatros. E fano co espectáculo que sempre quixeron facer: un onde todo o mundo se sinta como no seu grupo de amigos.