Contra a mutilacilón da beleza

Asociación O Mural e colectivo In Nave Civitas

En 1951, Urbano Lugrís González inventou un espazo único nun lugar único: o restaurante Fornos, o primeiro restaurante á carta da cidade, aberto en 1873 nos baixos dos edificios dos números 25 e 27 da rúa dos Olmos da Coruña. Poderíamos intentar describir a beleza pero o propio Lugrís pintou un manifesto do que fora quen de facer: Hic habitat felicitas (Aquí vive a felicidade) deixou escrito nunha das arcadas.

Entre 2011 e 2013 o local estivo pechado e non puidemos desfrutar das murais. Logo reabriu como restaurante até despois dos confinamentos e o estado de absoluto abandono dos edificios e o desleixo das administracións seguen a poñer en perigo a existencia dos frescos. Hai catro anos que non podemos ver os murais que representan o faro de Hércules, os fondos do mar ou unha vista idealizada da Coruña na que unha serea caza un congro contemplada por un narval,...

Esta semana a Xunta de Galicia anunciou a súa vontade de mercar as pinturas e que vai avaliar “a posibilidade de trasladalas ao Museo de Belas Artes da Coruña”. O noso Código civil é claro: “Son bens inmobles [...] as pinturas ou outros obxectos de uso ou ornamentación, colocadas en edificios ou herdades polo dono do inmoble en tal forma que revele o propósito de unilos dun modo permanente ao fundo”. Aínda que a forza bruta burocrática todo o pode: o inmoble non se debe mover.

De novo estamos diante da mutilación dunha obra de arte para favorecer o rendemento económico dun inmoble: xa pasou co fresco que Lugrís pintou na rúa Real e agora está nunha oficina bancaria e non queremos que volva pasar.

O Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) nos seus Principios para a preservación, conservación e restauración das pinturas murais, aprobados en 2003, afirma:

“As pinturas murais fan parte integrante dos edificios e estruturas. Polo que, a súa conservación ten que se considerar comprendida na do soporte material do conxunto arquitectónico ao que pertencen [...] A restauración ten por obxecto mellorar a interpretación da forma e o contido das pinturas murais, sempre e cando se respecte a obra orixinal e a súa historia. [...] As extraccións e traslados de pinturas son operacións perigosas, drásticas e irreversibles, que afectan de xeito grave a súa composición física, a súa estrutura material e os seus valores estéticos. Polo que só atopan xustificación en casos extremos”.

Os frescos que Lugrís pintou no restaurante á carta máis antigo da cidade da Coruña crearon un espazo único que durante xeracións foi motivo de abraio e ledicia das miles de persoas que atravesaron as portas do edificio de Olmos. Non mutilen a casa da felicidade!

Seguimos a reivindicar o acceso á beleza!