82. Liberación

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Acción e efecto de liberar ou liberarse, isto é, poñer en liberdade ou facer que alguén quede libre de certa cousa que o ata, o retén ou lle impide actuar libremente. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Solta: acción e efecto de soltar, isto é, deixar libre algo ou alguén que estaba suxeito, preso ou unido por algo. Invadir: entre outras definicións, algo prexudicial que ocupa un lugar e se estende por el en gran cantidade. Pseudociencia: crenzas que imitan á ciencia pero que non obedecen a ningún conxunto de sistemas de coñecemento baseados en leis obxectivas que se poden verificar. Estas definicións, agás a última, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: liberación ten tres compoñentes para o naturalismo: a primeira, moi negativa, relativa á solta indiscriminada de visóns americanos (Neovison vison) en granxas peleteiras por parte de grupos pseudoecoloxistas. A teima destes radicais é “liberar aos animais do sufrimento de estar engaiolados”. Tras as soltas ilegais, máis de dous terzos dos visión ceibados morren por atropelos ou inanición. Porén, o impacto ambiental que causaron e causan os sobreviventes é elevadísimo (por exemplo, predación directa sobre centos de aves acuáticas e anfibios). Noutro plano, tamén sería liberación o feito de eliminar presas innecesarias nos ríos, para así favorecer aos peixes migradores e outra fauna e flora acuática. É necesaria tamén a liberación dos nosos espazos naturais de especies exóticas invasoras catalogadas (como as acacias e o plumacho da Pampa), ou sen catalogar (como os eucaliptos). Por último, cómpre subliñar que liberación ten tamén relación coa represión de conservacionistas en diversos lugares do planeta. Irán, Rusia, Uganda, Camboxa, Australia, Madagascar ou a India teñen encarcerado ecoloxistas por loitar contra o cambio climático ou contra a deforestación de selvas virxes. A liberación destas persoas é outro dos obxectivos do activismo conservacionista en particular e da sociedade en xeral.

Por que está en voga esta palabra?: no contexto galego, a liberación dos nosos altos de montes da ameaza de ducias de novos e xigantescos parques eólicos é unha das loitas do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica e de asociacións como Adega, a través da iniciativa Ti podes paralos. Liberar a comarca da Ulloa da nociva celulosa de Altri é unha idea que comeza a ser popular no centro de Galicia. E as Brigadas Deseucaliptizadoras teñen liberado xa centos de ferrados de plantacións de eucaliptos, especialmente nas Rías Baixas. Existen moitas outras “loitas de liberación” no conservacionismo, sendo unha delas o combate constante contra a desinformación e as accións lesivas dos grupos pseudoecoloxistas, autodenominados “de liberación animal”.