“Aprendín a música tradicional de nena: sáeme natural empregala de materia prima”

“Para min a música de raíz é a que ten raíces no pobo, folclóricas, pero hoxe é máis aberta”

A cantautora santiaguesa Antía Muíño.   | // LA OPINIÓN

A cantautora santiaguesa Antía Muíño. | // LA OPINIÓN / Enrique Carballo

A cantautora santiaguesa Antía Muíño mestura influencias da música tradicional galega coas doutros xéneros no seu álbum Carta Aberta, publicado en 2022. Gañadora dun premio Martín Codax, o seu rostro estivo en 2022 no Billboard de Times Square, en Nova Iorque, cando foi embaixadora da playlist Equal, de Spotify. Este martes actuará no Rosalía de Castro na gala dos XXIII PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz, organizados por este diario.

É a primeira vez que participa na gala dos PREMIOS OPINIÓN.

Faime moita ilusión, síntome moi honrada de que nos chamaran para poñer esa nota musical a unha gala na que vai haber tanta música e tanto músico que provén da música de raíz. Estou moi contenta e moi feliz.

Que temas tocará?

Van ser temas de Carta Aberta, os que máis se aproximan a esa música de raíz, as miñas revisións da música tradicional galega. Tamén haberá algún tema novo.

Comezou na música tradicional.

Con seis ou sete anos empecei en clases de pandeireta e baile tradicional. Seguín ata ben entrada a adolescencia, nun grupo que segue, As Amaianas, en Ames.

Logo pasou polo conservatorio e probou outros xéneros. Onde está a súa maior influencia, aparte da música tradicional?

Á hora de crear e compoñer, creo que a canción de autor, o acústico, todos estes cantautores que chegaron a min a través dos meus pais: Víctor Jara, Silvio Rodríguez, Aute... Toda esa música, sen querelo, foi unha influencia moi grande. Pero tamén se escoitaban outro tipo de música na casa, Tracy Chapman, Led Zeppelin, Rolling Stones, os Beatles... Estas músicas me influenciaron moito cando era nena. E, cando fun descubrindo a miña propia música, os xéneros da música popular brasileira, a bossa nova, o jazz... Tamén me influenciaron e o seguen a facer. E a miña forma de tocar a guitarra bebe da miña preparación clásica. Hai un mix de xéneros importante.

En Carta Aberta adapta textos de poetas galegos, como Manuel María ou María Mariño. Prefire adaptar ou crear as súas propias letras?

Cando naceu o álbum tiña moitos máis poemas musicados que letras propias. É unha materia que dá máis respecto, polo menos a min. A música sáeme moito máis doado que a letra, pero para o próximo disco que estamos preparando case todos os temas van ser con letra propia. É perderlle un pouco o medo. Está ben ter respecto pero ás veces impoñémonos unha barreira autoimposta. Unha vez que empezas, engancha. É como crear música.

Que haberá no seu novo disco?

Aínda non está moi definido, os temas están bastante espidos. Quero afondar máis nas posibilidades da guitarra, pero non limitarme a iso. Sacamos hai pouco un sinxelo, O Paxaro, no que experimentei con sintetizadores, con músicos e produtores que me axudaron no proceso, e foi bastante distinto a Carta Aberta. Estou aberta a varias posibilidades, aínda non está definido ao 100%.

Que é a música de raíz?

Para min, a que ven esencialmente do pobo, que ten que ver con raíces folclóricas, pero sobrepasa ese termo. Hoxe en día é moito máis aberta. As músicas de raíz influéncianse unhas con outras, e para min é un termo bastante amplo.

Hoxe pódese facer música de raíz con jazz e pop?

Non o sei, a verdade. O jazz é música de raíz dos negros americanos, para nós igual non tanto.

Como é o seu xeito de adaptar a música tradicional?

O meu proceso é bastante natural. Non fun finalista. Sentábame a compoñer, a crear, e de xeito natural nacíame empregar como materia prima esas músicas que aprendín de nena, e que me viñan de xeito natural. Non foi un proceso moi pensando. Moitas das músicas que quería transformar viñan da música tradicional porque é a que aprendín e tamén me emociona: se non, igual tampouco lle prestaba atención. Esas melodías emociónanme dunha maneira que me leva a xogar con elas e transformalas. E ás veces non é tanto coller unha melodía que xa existe. Gústame improvisar coplas que recollo de cancioneiros, e iso remite en certos aspectos a esa maneira de cantar que aprendín de nena. Pero dun xeito moi intuitivo, non mecánico nin metódico.

Axudáronlle a ter proxección o Martín Códax e o ser embaixadora de Equal, que coincidiron na época na que sacou Carta Aberta?

Si, dende logo, foi unha forma de dar visibilidade ao proxecto. O premio foi antes de sacar o disco. Premiouse, creo, que levabamos bastante tempo tocando en público, e foi, desde logo, un recoñecemento. E o de Equal de Spotify aínda máis, a verdade, foi bastante inesperado, e ao aparecer aí en pleno Nova Iorque a xente pregúntase: “Esta rapaza quen é? Pois teremos que escoitala”. Foi unha boa cousa, a verdade.