Premios Opinión 2024: A noite da tradición e a innovación na música galega

Os Premios Opinión recoñecen este ano a longa traxectoria musical do grupo Treixadura e a calidade artística do espectáculo ‘Endaterra’ de Xacarandaina

Na noite na que nos Premios Opinión de Música de Raíz recoñecían o labor de dúas das agrupacións máis representativas da recuperación da tradición do noso folclore, as actuacións que acompañaron o acto de entrega se caracterizaron precisamente pola súa aposta pola innovación, de xeito que ambas correntes culturais se deron a man nesta celebración.

Premios Opinión de Música de Raíz | Álvaro Iglesias

Carlos Pardellas

A actuación do contrabaixista Álvaro Iglesias deu comezo no teatro Rosalía de Castro este martes á edición número vintetrés dos premios. O que fora o primeiro intérprete deste instrumento en Europa en gravar un disco como solista, estivo acompañado no escenario por Xosé Liz e Luís Peixoto, dous dos seus colaborades habituais. Iglesias, quen publicará o vindeiro outono un novo traballo, tocou algúns temas propios e outros tradicionais nos que introduciu os seus propios arranxos. 

Cualificou participar na entrega dos premios como “estar na casa” debido a súa intervención noutras edificións e deu as grazas aos patrocinadores polo seu apoio a unha iniciativa cultural que defende a cultura tradicional galega.

Premios Opinión de Música de Raíz | Autoridades

Carlos Pardellas

O acto continuou coa entrega do primeiro dos galardóns da noite, o de Andaina Senlleira, que foi concedido este ano na súa edición número dezasete á formación Treixadura pola súa traxectoria dende o ano 1990, o da súa fundación. A presentadora do acto, a xornalista Alba Mancebo, lembrou que foi no 1990 cando un grupo de gaiteiros comezou a súa carreira en Redondela co nome de Treixadura. Toniño López, un dos seus fundadores, salientou que daquela comentaban como era posible que ata entón os gaiteiros tiñan sido “os amos da festa” e que naqueles anos perderan aquel prestixio.

Estilo musical

Tamén comentou que nunca pensaran chegar a acadar unha traxectoria tan longa pero que o seu obxectivo foi sempre non renunciar ao seu estilo musical. “Era un pouco atrevido subir ao escenario co vestiario tradicional e unha gaita”, recoñeceu López, quen ademais definiu como “un grupo de amigos” ás dez voces masculinas que anos despois pasaron a formar parte de Treixadura para converterse nun orfeón.

Premios Opinión Música de Raíz | Inicio da gala

Carlos Pardellas

Aí comezou unha andaina que aínda continúa e que fixo posible a recuperación dun amplo número de cantigas tradicionais que integran o repertorio de Treixadura, que xa ten gravados oito discos, un dos cales, Unha semaniña enteira, acadou no 2006 a inusual cifra de 13.000 exemplares vendidos nun mercado musical tan reducido como o galego e que xa comezaba a cambiar de modelo de comercialización. Anos máis tarde, con xa tres décadas de experiencia en innmerables actuacións, recolleron o labor feito nese tempo nun libro-disco que foi titulado Camiño longo.

Como o público é un compoñente esencial dos espectáculos deste grupo pola súa implicación nas interpretacións, Toniño López non quixo esquecelo, xa que lle dedicou o premio recén recollido. “Sodes vos os que decidistes que Treixadura siga en activo”, dixo para rematar a súa intervención na gala.

Oito músicos e dez bailadores saíron logo ao escenario do Rosalía e provocaron o entusiasmo dos espectadores coa súa habilidade e a súa enerxía. Xacarandaina deu boa mostra da súa capacidade para reflectir a tradicion galega, como quedou patente no espectáculo Endaterra, que lles fixo ser merecedores do premio Espectáculo Musical do Ano -concedido no 2024 por segunda vez nesta nova versión dos galardóns- grazas a súa calidade. Quique Peón, o seu director, foi o encargado de recoller o galardón de mans da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e definiu Endaterra como un “crisol de distintas artes”, xa que combina a música, o teatro e a danza. Tamén lembrou que fala do Camiño Inglés a Santiago, que ten na Coruña unha das súas saídas, e que entre os seus contidos están “a terra, o amor e a emigración”.

Premios Opinión de Música de Raíz

Carlos Pardellas

Salientou que no espectáculo interveñen oitenta persoas “de todas as idades” e que o seu resultado foi “impresionante”, xa que os auditorios nos que se representou se encheron por completo e as críticas recibidas foron favorables. Peón lembrou ademais que foron varios os premios obtidos grazas a este traballo, polo que considerou que a formación vai “polo bo camiño”. 

Pero este éxito non lle fixo deixar de lado o ton reivindicativo, posto que afirmou que é “moi complicado sacar adiante” espectáculos deste tipo sen apoio das institucións. “Axúdennos a mellorar e que a tradición chegue ao maior público posible” pediu Peón ás administracións para concluír as súas palabras.

Xacarandaina leva xa máis de corenta anos de traballo a prol da conservación da tradición cultural galega, na que xa deixara a súa pegada con traballos anteriores como O Poder do Arcabuz, Galizien Amerika Linie e Prestixio.

Peche da gala

Antía Muíño foi a encargada de pechar a gala coa súa actuación, na que estivo acompañada de Ton Risco e Miguel Arribas. Na súa primeira presenza no teatro Rosalía de Castro, estimou como “unha honra participar nuns premios que recoñecen a músicos tan importantes e interpretou algúns dos temas do seu primeiro traballo discográfico, titulado Carta aberta, do que dixo que foi elaborado “con absoluta liberdade, sen ningún tipo de prexuízo”, xa que aborda diferentes estilos musicais, entre os que tamén se atopa o tradicional. 

Engadiu que dende a súa publicación no ano 2022 tivo ocasión de actuar en numerosos lugares de España e mesmo de Marrocos, o que cualificou como “un orgullo para toda Galicia” pola posibilidade de que a nosa música chegue a todas partes.

O Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, Gadisa e Audias foron as entidades colaboradoras que fixeron posible a celebración da gala, á que asistiron a alcaldesa, Inés Rey; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director de Comunicación de Gadisa retail, José Luis Fernández Astray; e o director de Audias, Christoph Schnitzler. Tamén estiveron presentes o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; a deputada no Parlamento galego Silvia Longueira; o alcalde de Zas, Manuel Muíño; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; e a deputada Yoya Neira en representación da Deputación coruñesa.

Por parte de Prensa Ibérica, o grupo editor deste xornal, acudiu o seu director xeral en Galicia, Juan Carlos Da Silva; o director comercial para a comunidade galega, Pedro Costa; e o director de LA OPINIÓN A CORUÑA, Manuel Ferreiro.