Ecodicionario galego

85. Multiplicidade

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Calidade de múltiple, isto é, que consta de varios elementos, que se presenta baixo formas diferentes. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Biodiversidade: diversidade de especies vexetais e animais nun ecosistema. Diversidade biolóxica: sinónimo (ou concepto próximo ou arcaico) de biodiversidade. A primeira definición aparece no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Obviando acepcións no ámbito da química, das matemáticas e mesmo da psicoloxía, abórdase o sentido de multiplicidade desde as perspectivas da socioloxía e da ecoloxía. En primeiro lugar, a multiplicidade sociolóxica fai referencia ás relacións que vinculan aos distintos grupos humanos coa terra e con outros grupos humanos. As interaccións entre estes son múltiples e se condicionan unhas a outras, con diferente intensidade no tempo e no espazo. En ecoloxía, multiplicidade está intimamente imbricada co concepto de biodiversidade, afondando a súa inabarcabilidade: a biodiversidade é case infinita, unha vez que vai da escala dos xenes ata o nivel de ecosistema, pasado polo concepto de especie. Tamén entrarían dentro da multiplicidade as relacións temporais e espaciais entre estes tres niveis de biodiversidade. Aproximarse á multiplicidade da biodiversidade é mergullar dentro de campos de coñecemento amplísimos como son a bioloxía molecular, a ecoloxía e mesmo a etoloxía. A multiplicidade sociolóxica e a multiplicidade ecolóxica comparten unha mesma materia de estudo, que é a sociobioloxía, cuxo máximo expoñente foi o ecólogo estadounidense Edward Osborne Wilson (1929-2021). Subliñar que Wilson revisou en 1985 o concepto de diversidade biolóxica -creado en 1916 polo botánico estadounidense James Arthur Harris (1880–1930)- e acuñou a palabra biodiversidade que permitiría incluír dentro dela “a totalidade de xenes, especies e ecosistemas dunha zona determinada”.

Por que está en auxe esta palabra?: A enorme perda de multiplicidade ecolóxica a nivel global que padecemos (e provocamos) a sociedade humana actual fai que se fale xa da Sexta Extinción. Fálase tamén dunha multiplicidade de causas, que actúan en ocasións sinérxica ou secuencialmente: a) destrución dos hábitats para crear novos cultivos agrícolas e forestais, para o gando, por infraestruturas ou para obter materias primas; b) introdución de especies exóticas invasoras en ambientes sensibles, que transmiten doenzas, predan ou desprazan especies nativas; c) extracción directa de exemplares, pola caza, pesca, recolección ou como efectos colaterais doutras actividades; d) cambio climático, potenciado polas actividades humanas; e e) contaminación das augas, do aire e da terra. A simplificación dos ecosistemas, coa eliminación de elementos vivos e rotura de redes tróficas, tamén supón un impacto nesa multiplicidade sociolóxica antes referida: as interrelacións dos humanos coa terra e con nós mesmo empobrécense á par que se destrúen os distintos ambientes nos que habitamos.

Na memoria de Emmanuel d’Hoore (1940-2024). Naturalista. Mestre.