O festival Aquí Tamén se Fala traerá á Coruña a artistas do talle de Grande Amore ou Boyanka Kostova

Será o vindeiro venres 7 de xuño na Praza da Tolerancia con entrada de balde

Foto de familia da presentación de Aquí tamén se fala

Foto de familia da presentación de Aquí tamén se fala / La Opinión

O IES Rafael Dieste acolleu este venres a presentación da primeira edición do festival de música 'Aquí Tamén se Fala', no que se dá un paso adiante á iniciativa levada a cabo nos últimos meses que buscaba promover o uso da lingua galega.

O 'Aquí Tamén se Fala' celebrarase o vindeiro venres 7 de xuño na praza da Tolerancia, en Labañou. Terá entrada de balde e contará coa presenza de grandes bandas de música en galego. Nel actuarán Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira.

Aquí Tamén se Fala é unha campaña de dinamización lingüística da mocidade estudantil que partiu dos profesores do IES Rafael Dieste Arcadio González e Alberto Pombo e leva a cabo accións directas nos barrios e na contorna inmediata de cada alumno. O proxecto pon especial atención na música e a cultura galega, realizando gravacións e entrevistas que se divulgan en redes sociais. O seu obxectivo é rachar os prexuízos sobre a ausencia de falantes en galego en diferentes ámbitos da sociedade e do traballo.