O festival que naceu dun instituto

A iniciativa ‘Aquí tamén se fala’, concibida no centro Rafael Dieste para visibilizar o uso do galego, vira en cita musical da man de Boyanka Kostova, Grande Amore, Leira e Lontreira

Presentación do festival, onte no salón de actos do instituto Rafael Dieste. |   // IAGO LÓPEZ

Presentación do festival, onte no salón de actos do instituto Rafael Dieste. | // IAGO LÓPEZ / M. O. M.

Empezou como unha iniciativa case de marketing de guerrilla polas rúas da cidade, e, agora, inaugura o seu propio festival. Coa Coruña empapelada con carteis de Aquí tamén se fala galego, a proposta ocupou espazos e chegou a institucións e persoeiros que, galegos e non, reivindicaban o seu uso.

A campaña continúa a súa transformación cara fenómeno popular anunciando a primeira edición do festival Aquí tamén se fala galego, que chegará á cidade o vindeiro 7 de xuño. Enchen o cartel algúns dos grupos máis relevantes do panorama de música en galego actual: o dúo de rap compostelán Boyanka Kostova; Grande Amore, sensación musical de O Valadouro, os eclécticos Lontreira e a banda de indie pop Leria.

A cita celebrarase na praza da Tolerancia, e conta coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta, da Deputación e do Concello. Así o anunciaron onte, na presentación da iniciativa, os impulsores da campaña, os profesores do Rafael Dieste Arcadio González e Alberto Pombo, que estiveron acompañados por Nuno Pico (Grande Amore) e May (cantante de Leria), e outras figuras institucionais das administracións colaboradoras.

O Rafael Dieste plantou unha semente que rapidamente se expandiu por máis de 200 centros de ensino, clubs deportivos, referentes do mundo cultural e máis de 25.000 rapaces colaboradores. “O festival, gratuíto, aberto a toda a mocidade e cidadanía, queda constituído na súa primeira edición por bandas do máis alto nivel da escena galega, e dá continuidade ao traballo desenvolvido por Aquí tamén se fala no campo audiovisual que se divulga nas redes sociais”, sinalaron os responsables da organización da iniciativa.