Ecodicionario galego

86. Convivencia

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Acción e efecto de convivir, isto é, vivir xuntos dous ou máis individuos (persoas, seres vivos), ou ben que estes individuos existan ao mesmo tempo. Tamén relación que se establece entre os individuos que conviven. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Cohabitar: residir na mesma vivenda (case sinónimo de convivir). Coexistir: existir ao mesmo tempo ca outro/s individuo/s. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: o concepto de convivencia é manexado desde hai décadas polo movemento conservacionista en diversos planos dialécticos: a) Na análise económica, a palabra convivencia é imprescindible dentro do que dá en chamar desenvolvemento sostible (máis correctamente, desenvolvemento ecoloxicamente sostible); por exemplo: a convivencia entre actividades extractivas ou industriais e conservación da natureza é en xeral difícil, cando non imposible. b) En ecoloxía, dise que a convivencia entre especies exóticas invasoras e especies nativas é frecuentemente inviable, unha vez que as primeiras desprazan ou fan desaparecer ás segundas. c) Na vertente sociolóxica do naturalismo, fálase da convivencia das sociedades humanas coas especies silvestres. Nalgúns casos esta convivencia é harmoniosa e non causa desequilibrios importantes nas comunidades biolóxicas (por exemplo, en grupos indíxenas do Amazonas, ou algunhas pequenas comunidades do sur de Asia); noutras, o crecemento poboacional humano elimina todo rastro dos hábitats e especies nativos dun lugar, sendo imposible tal convivencia (por exemplo, grandes metrópoles do leste e sur de Asia).

Por que está en voga esta palabra?: a palabra convivencia sae a miúdo á palestra en medios de comunicación e redes sociais na nosa terra, habitualmente para se referir a problemas veciñais (ruídos, sucidade, drogas...). En efecto, as cidades teñen eivas de carácter estrutural, con edificios-colmea deficientemente illados acusticamente, carencia de patios comúns e, especialmente, unha inadecuada extensión e xestión dos espazos públicos urbanos. Aqueles lugares para o uso e goce do conxunto da sociedade urbana deberían satisfacer “os tres eses” intrínsecos aos espazos públicos: Seguridade, Salubridade e Sostibilidade ambiental. Estes tres aspectos interaccionan con dous planos: o humano (ou artificial) e o natural. Intuitivamente, entendemos que os espazos públicos deben ser humanamente seguros e salubres, pero a miúdo esquecemos que deben ser sostibles ecoloxicamente, e que os elementos naturais (hábitats e especies nativos) deben ser conservados. A realidade é outra: por exemplo, o excesivo e indebido uso destes espazos públicos por parte de donos e donas con cans ocasiona diariamente problemas de convivencia, no plano da seguridade (ataques entre cans e destes a persoas), salubridade (ouriños e excrementos, que poden transmitir doenzas) e, en especial, sostibilidade ambiental (molestias constantes á fauna —especialmente aves— que se alimenta ou cría alí).