Xeración Villalta: a poetisa nos ollos dos seus alumnos

Alumnos da poeta e profesora homenaxeada no Día das Letras Galegas lembran a súa vocación docente, o seu feminismo precoz e o seu compromiso e sensibilidade social

Benito Portela, Roi Louzán, Isabel Pérez, Adriana Muñiz, Mayte Pérez Galmán, Iria Moldes Cruz e Manuel Pérez Lorenzo, alumnos de Luísa Villalta no instituto Isaac Díaz Pardo de Sada en diferentes promocións.   | // IAGO LÓPEZ

Benito Portela, Roi Louzán, Isabel Pérez, Adriana Muñiz, Mayte Pérez Galmán, Iria Moldes Cruz e Manuel Pérez Lorenzo, alumnos de Luísa Villalta no instituto Isaac Díaz Pardo de Sada en diferentes promocións. | // IAGO LÓPEZ / marta otero mayán

“Cando alguén falaba castelán na clase de Galego, ela dicía: ‘Estamos na Galiza liberada. Aquí nunca viñeron os Reis Católicos, nunca se introduciu o castelán e o galego é a única lingua que coñecemos. Se falamos castelán non nos imos entender”, lembra Manuel Pérez Lorenzo. En Sada é un popular historiador, pero hoxe fala como alumno que foi de Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024 e profesora de trece promocións do instituto Isaac Díaz Pardo; nas mesmas aulas nas que o propio Pérez Lorenzo acabou exercendo a docencia moitos anos despois.

A apelación ás consecuencias lesivas para o galego do dominio dos Reis Católicos sobre Galicia, que Villalta empregaba con sorna como escenario recorrente, é so unha das moitas anécdotas que os seus alumnos, que hoxe reúnense ante a porta do que foi o seu instituto para lembrar a grande pegada que lles deixou unha mestra singular, gardan dunha persoa que coinciden en definir como cercana co estudantado e comprometida coa cuestión lingüística e coa terra, e posuidora nunha sensibilidade social precoz para os estándares da época.

Pioneira na cuestión de xénero

“Un recordo que me quedou dela, como home de 16 anos que non sabía o que era o feminismo, é que incidía moito nese tema; en dar valor ás compañeiras e á figura da muller”, conta Roi Louzán, alumno de Villalta entre o 1995 e 1998, e que tamén seguiu os seus pasos cara a vocación docente. Nunha época, os noventa, no que aínda eran poucas e tímidas as voces que se atrevían a poñer ante un espello incómodo a unha sociedade na que o machismo campaba con impunidade en todos os ámbitos, Villalta foi quen de rachar co silencio nun ecosistema chave para o cambio, como é o ensino.

Coincide coa apreciación Benito Portela, hoxe alcalde de Sada, e onte, en 1991, alumno da poetisa, no que foi o primeiro ano no que impartiu docencia no Isaac Díaz Pardo. “Marcaba un pouco á pauta, no sentido de que comezaba a facernos entender que non estaba ben facer certas bromas machistas, aceptadas na época. Non estaban mal vistas daquela, pero ela xa nos facía reflexionar”, comenta o rexedor da localidade. “A min dicíame: Roiciño, só tes un defecto: que es home”, chancea Louzán.

Nas lembranzas dos seus alumnos, non lle tremía á poetisa o pulso se tiña que reivindicar un espazo no ámbito docente para as mulleres, tantas veces estreitado pola condescendencia ou o paternalismo dos colegas varóns. “Era habitual que entrase algún dos profesores interrompendo a clase, en castelán. Ela botáballes a bronca con moita ironía. Para ela era importantísimo que se falase galego na súa clase. Era territorio comanche”, comentan os seus alumnos.

Non foi o xénero a única cuestión cara a que Villalta amosou nas aulas unha sensibilidade temperá. Tamén a preocupación ambiental estaba nas súas prioridades. “Tiña unha parte ecoloxista que era pioneira daquela tamén. Foi unha das primeiras consumidoras aquí de produtos ecolóxicos, sabía que era importante coidar o planeta. Deume clase cando foi o recheo das Brañas; no instituto había xa un movemento bastante contestatario no claustro”, engade Benito Portela.

Militante no galego

Alén desa “Galiza liberada” que resistía nos 60 minutos que duraban as clases de Lingua e Literatura Galegas de Luísa Villalta, o seu compromiso coa lingua, coa identidade galega e coa querenza polos símbolos nacionais foi parte intrínseca do seu xeito de impartir as súas leccións. Moitos dos seus alumnos reconectaron co país no espazo daquelas horas e, para outros, as súas leccións exerceron de porta de entrada cara unha cultura, ata entón, descoñecida.

“Eu viña de Venezuela, só coñecía o galego da casa, dos meus avós. Con ela escoitei por primeira vez o galego normativo. Eu estaba exenta da materia, e ao principio estaba asustada, porque non coñecía o idioma, pero ela ensinábame igual e púñame notas, aínda que non contasen para a final. As notas non eran malas, así que ao final aprendín”, conta Adriana Muñiz, integrante dunha das últimas promocións ás que Villalta impartiu docencia antes do seu precoz falecemento. A mestra non só foi quen de aprender as letras a quen non as coñecía, tamén de facer que a querenza polo idioma agromase en moitas promocións de adolescentes que, ata o momento, medraran e socializaran maioritariamente en castelán.

Para Iria Moldes Cruz, alumna entre 2002 e 2003, as súas leccións foron un punto de inflexión na súa relación coa lingua. “Era quen de transmitir o amor que tiña pola terra, pola lingua, polo noso. Marcoume moito. En Sada moitos somos castelanfalantes. Eu empecei a falar galego a raíz de que ela me dera clase. Dar o cambio foi complicado, pero ela era quen de transmitir que pagaba a pena”, conta a que foi a súa alumna.

Vocación docente

A pesar da súa xuventude, Luísa Villalta era xa unha figura recoñecida e consolidada das letras galegas no momento no que exercía de profesora de galego no instituto Isaac Díaz Pardo. Unha calidade á que non eran alleos os seus alumnos, sabedores de que a persoa que lles explicaba os tempos verbais, a poesía das Vangardas ou os próceres do Rexurdimento era tamén un deses nomes estampados nas lapelas das obras ensalzadas pola crítica.

Alén diso, Villalta non se gababa da súa proxección no mundo literario, fuxía da autorreferencia e exercía de mestra vocacional nas aulas, onde trataba de transmitir ao alumnado o seu apego pola lingua, a literatura e a tradición galegas con firmeza e agarimo; poñendo imaxinación á hora de impartir os contidos do currículo. “Con ela podías falar de calquera cousa. Gustáballe moito invitar a reflexión e aos debates na clase; e xa non só do tema da lingua e a literatura, senón tamén de calquera cousa da vida en xeral. Foi unha das primeiras persoas do instituto que meteu o tema da creación literaria e da dramaturxia. Traballabamos moito co tema do teatro, o cal era algo realmente innovador daquel tempo. Transmitíanos esa paixón dela polo teatro”, engade Mayte Pérez Galmán, alumna de Luísa Villalta nos anos 1995 e 1996.

A mestra, lembran os que recibiron as súas leccións, imprimiu o seu carácter comprometido no alumnado. Aproveitaba os recunchos que deixaba o ensino da gramática, a literatura ou a sociolingüística para estimular o pensamento crítico dos rapaces. Se había que facer un comentario de texto ou unha recensión, prefería traballar sobre un texto que animase a pensar e debatir no canto de empregar un que falase de banalidades. “Luísa falaba bastante, pero o que buscaba era o debate, interpelar, facerte reaccionar. Introducía cuestións que podían ser de actualidade nese momento. Daquela vivíamos a época da guerra de Irak, era un contexto convulso. Gustáballe empregar a actualidade para fomentar a reflexión”, comenta Manuel Pérez Lorenzo. Cos alumnos era firme e esixente, mais tamén próxima e aberta. Eles recórdana interesada polas súas inquedanzas culturais e persoais e con preocupación por coñecer aos estudantes como vieiro para facer mellor o seu traballo. “Preocupábase por conectar co alumnado a través das tradicións. Marcoume a súa forma de entender a poesía. O meu avó era mariñeiro, e ela enlazoume a historia da miña familia coa poesía de Manuel Antonio. Deixoume unha impronta moi grande”, recoñece Roi Louzán.

Violinista de formación, formou parte da Xove Orquestra de Galicia e de varios grupos de cámara, e deixou testemuña do seu talento musical nas cordas tamén nas súas aulas. “Era moi cercana. Lembro que algunha vez trouxo o violín e tocou na clase”, engade Isabel Pérez, alumna no primeiro ano que a poetisa impartiu docencia no Isaac Díaz Pardo.

Conmoción pola partida precoz

O falecemento prematuro da escritora e profesora, en marzo de 2004, por mor dunha meninxite, causou un grande impacto en Sada, na Coruña e en Galicia, especialmente, nos eidos culturais e políticos, onde participaba activamente. Unha conmoción á que non foron alleos os seus alumnos, que foron partícipes da dor colectiva. Villalta impartiu as súas derradeiras leccións de galego un venres e marchou para sempre o sábado. Iria Moldes traslada a acción, por un intre, a aquel último serán. “Lembro vela aí aquel venres, cando marchaba para casa”, di mentres sinala a un lateral do exterior do centro educativo. “Non o podiamos crer cando nos deron a noticia ao día seguinte”, engade.

Os estudantes non faltaron ao enterro en Santo Amaro. Encheron un autobús escolar e levaron caraveis brancos. “O enterro, sendo algo triste e dramático, foi un momento moi bonito e emotivo”, conta Manuel Pérez Lorenzo. Co correr dos anos, algúns alumnos pasaron a lectores. Este 2024, coa conmemoración da sua figura nas Letras, lembran á súa profesora do xeito especial dos que a trataron en vida. Agora, hai quen aproveita a efeméride para reencontrarse con ela a través dos seus textos. “Este luns chégame a casa Pensar é escuro. Poesía reunida 1991-2004, comenta Isabel Pérez. Ao tempo que fala, agroma unha perfecta coincidencia, que Benito Portela, de seguido, pon en palabras. “Xusto os anos que deu aulas no Isaac Díaz Pardo”.

Suscríbete para seguir leyendo