Luísa Villalta: o "compromiso" e "exemplo" dunha xeración a cabalo de dous séculos

A Real Academia Galega celebra na Coruña unha sesión extraordinaria no teatro Rosalía para lembrar e reivindicar a figura da autora "que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba a o futuro”

A súa cidade alta, A Coruña, rendeu homenaxe na mañá deste venres a Luísa Villalta, na celebración do Día das Letras Galegas, que se lle adicou este ano. A Real Academia Galega celebrou un plenario extraordinario no Teatro Rosalía de Castro para recoñecer e honrar a obra e a pegada artística, social e política da creadora, “exemplo dunha xeración de a cabalo de dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba a o futuro”, loubou o presidente da entidade, Víctor Freixanes, no seu discurso.

Día das Letras Galegas: A Real Academia homenaxea a Luísa Villalta na Coruña, a súa Cidade Alta

A nai da homenaxeada, María Gómez, e a irmá, Susana Villalta, asistiron á homenaxe, igual que os fillos de Susana, Carolina e Sergio, e a sobriña neta da artista, Carlota. A celebración contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entre outras autoridades, e supuxo o estreno nesta efeméride do conselleiro de Cultura, Ligua e Xuventude, José López.

Unha violinista, como Luísa, foi a encargada de poñer música á celebración. Sumouse a voz da cantante e escritora Estíbaliz Espinosa para cantar ao final o himno galego, co público en pé.

Na súa intervención, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, instou a "corrixir erros" nun pacto polo galego con implicación de "todos", ante a presenza de académicos e autoridades. Freixanes apoiou a iniciativa, aínda que tamén apelou a facer "crítica" e "autocrítica". "Corenta e uns anos despois da Lei de Normalización Lingüística e 20 anos despois do Plan de Normalización, que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar a realidade do idioma".

"Pensando no seu futuro, no seu proxecto, máis aló das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro", insistiu. Para iso, considerou necesario "sentar a falar" de cara a deseñar "un novo horizonte que corrixa erros e abra esperanzas".

Cesións

"E quizais todos ceder algo", expuxo tamén ao considerar que deben escoitarse "todas as voces, sen excluír a ninguén", xa que, a pesar dos "pasos xigantecos" dados, insistiu na necesidade de abordar cambios para facer fronte á transformación rural, a mobilidade social, así como os hábitos de consumo das novas xeracións.

"Temos problemas na transmisión familiar, problemas de socialización, non de prestixio, si de uso", recalcou Freixanes, quen advertido de que "sería triste deixarse levar a unha situación litúrxica onde o galego se recoñece en grandes cerimonias e na práctica estar expulsado".

Homenaxe a Villalta

Todo iso nun discurso con alusións ás creacións en galego e as distincións co recoñecemento a este respecto e con palabras de eloxio ao labor da homenaxeada, Luísa Villalta, da que tanto Freixanes como os demais intervinientes no acto destacaron o seu "compromiso".

"Exemplo dunha xeración dacabalo entre dous séculos que non renunciaba ao futuro", sen esquecer o legado, expuxo, dos seus avós. Isto nun acto coa participación das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio Ruibal.

A primeira fixo un percorrido pola obra dunha autora "que se transforma e transfórmanos desde o profundo e esixente edificio literario", sinalou sobre a súa obra. "Luísa Villata é unha das figuras máis complexas, atractivas e representantivas do fin do século XX en Galicia", engadiu Ledo.

Á súa vez, Ruibal analizou o teatro da autora, "cheo de riqueza temática e estrutural". Isto nun acto coa lectura de fragmentos e referencias ao seu legado, literario e extraliterario para trazar un retrato da intelectual e do seu compromiso coa "xustiza social" ante a presenza tamén de familiares de Villalta.