Ecodicionario galego

90. Cinocracia

Cosme Damián Romay Cousido. Biólogo

Definición: s. f. Réxime político condicionado polos intereses das persoas propietarias de cans. Esta definición non aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Petfriendly: anglicismo para designar un establecemento ou lugar amigable cos cans. Distopía: mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Convivencia: acción e efecto de convivir, isto é, vivir xuntos dous ou máis individuos (persoas, seres vivos), ou ben que estes individuos existan ao mesmo tempo. Tamén relación que se establece entre os individuos que conviven. Estas definicións, agás a primeira, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a verba cinocracia é un neoloxismo con sinónimos en diversos idiomas (como perrocracia en castelán e dogcracy en inglés). Derivaría da raíz grega “cino” (can) e “krátos” (dominio, poder), e, aínda que aparece recollida en poucos textos, a idea da influencia das persoas donas de cans sobre o poder político (e mesmo sobre asuntos xurídicos) ven sendo polémica desde hai décadas. Por norma, estas decisións en favor dos cans chocan frontalmente coa necesidade de conservación da fauna e da flora silvestre. Como exemplo, a designación de “praias caninas” é incompatible coa conservación de especies protexidas de aves como as limícolas, entre as que existen especies ameazadas como a píllara das dunas.

Por que está en voga esta palabra?: calcúlase que o negocio das mascotas move a nivel español uns 3.000 millóns de euros ao ano, e crece continuamente. En Galicia existirían actualmente 750.000 cans censados (extrapolando datos do rexistro da Xunta -REGIAC-), cun crecemento numérico do 50% desde 2018. Asumindo unha media dun deses cans por persoa (pondérase que as mandas de cans de caza son dun só propietario e hai un único can para moitos núcleos familiares) poderíase afirmar que ten can arredor dun de cada tres habitantes de Galicia. Isto supón unha influencia no poder moi grande, xa que o seu voto é moi cobizado nas distintas eleccións. Ademais, o lobby de presión que orbita arredor dos cans ten condicionado políticas públicas, mesmo contravindo a lexislación vixente: a designación dunha “praia canina” nunha área crítica para as aves en Vigo (cidade con 42.000 cans) ou o uso de grandes espazos públicos en cidades como A Coruña para ceibar os 32.000 cans alí censados, son só dous exemplos desta cinocracia. Desafortunadamente, a superficie de espazos verdes públicos nestas cidades segue estancada desde hai anos, mentras que o censo canino medra rapidamente. Isto comeza a xerar problemas de convivencia entre os habitantes destas urbes (mascotistas fronte aos que non o son), unha vez que os espazos públicos (de todos e todas) son, de facto, e por incumprimento das leis, “áreas caninas”.