Milladoiro celebra na Coruña os seus 45 anos de traxectoria sobre os escenarios

A agrupación Milladoiro, un dos grupos de música folk de referencia a nivel mundial na música galega, celebrou onte 45 anos de traxectoria nos escenarios. Fixérono, precisamente, na cidade na que comezaron a súa andaina en 1979: A Coruña. Na altura, o escenario escollido fora o Auditorio dos Salesianos, nun concerto organizado polo Ateneo. Onte foi o Palacio da Ópera, perante un público entregado ás súas pezas, que xa forman parte da historia da música en galego de raíz.

Non faltaron composicións do seu último disco, Cantigas de Amigo, publicado en 2022, nin de todos os seus traballos previos. Milladoiro, durante estas case cinco décadas de actividade, foi recoñecido con premios como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004); o premio Goya á mellor banda sonora orixinal, por La Mitad del Cielo en 1986; entre moitos outros. A agrupación, formada actualmente por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro, non decepcionou aos seus adeptos nun recital especial.