Entrevista | Guadi Galego Artista, en concerto o 2 de xuño no teatro Colón

“Eu son unha artista que medra ao vivo porque o que pasa en cada concerto é diferente”

“Reivindico a madurez das mulleres”

“Para min, os premios son visibilizadores”

Guadi Galego, nun concerto.   | // CRIS PADÍN

Guadi Galego, nun concerto. | // CRIS PADÍN

Guadi Galego celebra 25 anos de traxectoria musical con Síntese Horizonte, un espectáculo que vai da escuridade á luz con cancións do seu último traballo, Roibén, pero tamén con temas dun pasado que non rexeita. Toca o día 2 de xuño no teatro Colón dentro do ciclo Coa Nosa Voz, que organiza a Deputación da Coruña.

As entradas voaron.

Si, que marabilla. Estamos moi contentas.

Como concentra 25 anos de traxectoria nun só espectáculo?

É un concerto de vida. Síntese Horizonte é un resumo vital deste tempo. Empeza na dor, na escuridade e vai camiñando cara a luz e a aceptación. É un concerto con moitas cousas que poden pasar na vida de calquera persoa.

Ideou este concerto para os teatros. Neste caso, toca no Colón. Reivindica estes espazos?

Reivindico eses espazos como lugares propios para unha determinada atención, xa sexa para música ou teatro. O espectador está na butaca centrada no espectáculo. Non hai satélites. Non estás nunha praza ou nun festival onde pode haber cousas que te despisten. Hai unha maxia que se crea só nos teatros.

Será tamén a oportunidade de escoitar cancións do seu último disco, Roibén?

Si. Esta é a xira que correspondería ao disco de Roibén, pero non están todas as cancións neste espectáculo. Quedaron fóra algunhas cousas. Se cadra, algún día, tocaremos eses temas.

Como resume a súa evolución nestes 25 anos?

Eu creo que hai unha aceptación do que eu son. Eu fun aquela de hai moito tempo e son esta de agora, e fun gaiteira nos 90, cantante dun grupo folk e fixen discos moi nostálxicos e outros que me foron levando a outros sitios. A Guadi de agora é esta. Son unha artista que foi evolucionando. Funme respectando a min mesma sen querer quedarme no mesmo sitio porque eu ía cambiando. É duro e marabilloso.

O sinxelo é manterse na monotonía. Cre que é necesario seguir experimentando e cambiar?

Eu reivindico a madurez das mulleres. Ese momento de cumprir anos. Pero seguimos estando vivas, con ganas de seguir aprendendo e cambiando e aceptando a vida vivida como algo que é parte da nosa construción e formación. Con toda a dureza, pero tamén coas cousas marabillosas que ten a vida, que son moitas.

Neste directo conta con músicos como Guillerme Fernández, Isaac Palacín, Faia Díaz ou Rocío Jiménez. Como é traballar con eles?

Imaxínate, levo catro cantantes e catro músicos. É unha marabilla. Teño a sorte de rodearme de xente incrible, con moito talento e con moita devoción polo que fai. Están ilusionados con este espectáculo e iso crea unha maxia na escea. Somos familia. Hai unha enerxía moi incrible.

Esa parte do directo é fundamental na súa traxectoria?

Si. O outro día o comentaba cunha amiga. Me dicía “ti que crees que artista es?”. E eu creo que son unha artista que medra ao vivo porque o que pasa en cada concerto é diferente. Non porque sexa mellor o peor, porque a xente que está no público é diferente. Hai unha sinerxía moi potente e iso fai que os concertos medren. Eu sempre vou ser unha artista que vai puxar moito pola música ao vivo.

Vén de recibir o Premio Martín Códax na categoría Canción de Autora. Que supón este galardón para vostede?

Para min, os premios son visibilizadores. O bo de recibir ese premio foi visibilizar ao meu equipo. É un premio ao esforzo e a dedicación. Temos a sorte de visibilizarnos como sector.

Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira, tamén no ciclo Coa Nosa Voz

A Deputación promove o ciclo Coa Nosa Voz, que se celebrará no teatro Colón os días 2, 9, 23 e 30 de xuño. Ademais de Guadi Galego, o festival conta con Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. Uxía presentará o seu traballo Santa liberdade: un soño compartido o 9 de xuño ás 20.00 horas, mentres o día 23, ás 19.00 horas, subirá ao escenario A Pedreira, co disco Basal. O ciclo remata o día 30 ás 20.00 horas con Antía Muíño e o seu último álbum, Carta Aberta. As entradas, de balde, xa están dispoñibles na páxina web de Ataquilla. Son “catro voces moi diversas, de diferente procedencia, xeracións, e estéticas, pero todas elas mulleres de referencia no panorama da música galega e nacional”, dixo a deputada de Cultura, Natividad González.

Suscríbete para seguir leyendo