Ecodicionario galego

93. Biomasa

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Materia orgánica orixinada nun proceso biolóxico e utilizable como fonte de enerxía. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Renovable: referido á enerxía, a que subministra a natureza de modo continuo e practicamente inesgotable. Biogás: gas composto principalmente por metano (CH4) e dióxido de carbono (CO2), en proporcións variables, resultante de distintos procesos de descomposición anaerobia da materia orgánica. Biodiésel: combustible transesterificado de orixe vexetal e biodegradable, que pode ser empregado por motores diésel e para producir calor e enerxía. A derradeira destas definicións non aparece (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo? Deixando a un lado a definición de biomasa como “Peso total de materia viva, por unidade de volume ou de superficie ou materia orgánica orixinada nun proceso biolóxico”, esta verba é habitualmente usada na descrición das fontes de enerxía existentes no planeta. En efecto, a queima de biomasa (materia orgánica) procedente de madeira e residuos agrícolas e forestais é a fonte de enerxía máis amplamente usada no planeta (especialmente nos fogares do chamado Terceiro Mundo) e ten unha historia tan antiga como a dos humanos. Considérase tamén biomasa restos procedentes da pesca e da acuicultura, e mesmo residuos sólidos urbanos, que se poden aproveitar como fonte enerxética. Os catro procesos básicos polos que a biomasa se pode converter en electricidade e calor son: combustión, dixestión anaerobia, gasificación e pirólise. Por norma, é unha enerxía máis respectuosa co medio natural do que os combustibles fósiles, e teoricamente pode axudar a xestionar restos orgánicos problemáticos.

Por que está en auxe esta palabra? Actualmente, a palabra biomasa ten presenza en medios de comunicación (e redes sociais) debido, por un lado, á prevención dos incendios forestais (a maior cantidade de biomasa forestal, maior potencial enerxético do lume) e, por outro, ás industrias para a produción de electricidade a partires de biomasa. Unha delas, construída en Curtis e activa xa desde marzo de 2020, emprega para a xeración de enerxía restos das cortas de eucalipto (ritidoma, pólas, follas), levadas en fardos desde áreas próximas. Con todo, boa parte do movemento conservacionista galego critica ese modus operandi por emitir grandes cantidades de CO2 á atmosfera durante a queima de biomasa, así como no transporte da mesma. Ademais, perpetúa o cultivo masivo de distintas especies de eucaliptos, consideradas todas elas “especies exóticas invasoras” a nivel español en 2017 polo Comité Científico do (daquela) Ministerio de Medio Ambiente. Estes cultivos enerxéticos para biomasa suporían sacrificar grandes superficies de terreo agrario, bosques caducifolios ou valiosos espazos naturais, ademais de impactar negativamente sobre a biodiversidade, as reservas de auga e a calidade do solo.