Entrevista | Marta Villar Gañadora do Premio Xerais de Novela deste ano con ‘Detective Ferruchi’

“Bebín do xénero negro e da tradición galega oral que recibín de nena do meu avó”

“Na novela reivindico as mulleres das cooperativas que traballaban para Inditex e o seu mérito no éxito do emporio”

“Falo dos fillos de emigrantes criados polos seus avós”

A xornalista e 
escritora Marta 
Villar, gañadora 
do Premio Xerais 
de Novela.  |  // LA OPINIÓN

A xornalista e escritora Marta Villar, gañadora do Premio Xerais de Novela. | // LA OPINIÓN

Marta Villar compatibiliza ser xornalista de LA OPINIÓN coa literatura. En 2023 publicou a súa primeira novela, Non temerás os coches amarelos, e este ano a obra infantil Os peidos máxicos de Sultán. Vén de gañar, por unanimidade do xurado, o XLI Premio Xerais de Novela con Detective Ferruchi, que parte dun asasinato nunha vila galega, Umeiro, e emprega a trama da investigación do crime para falar de cuestións sociais como as traballadoras de Inditex ou o legado da inmigración. Raquel Fernández gañou na categoría xuvenil con I’m Obélix e Abel Tomé na infantil coa obra Milú e o edificio das persoas extraordinarias.

A protagonista, Sol Cortés, volve a súa Umeiro natal para ser libreira tras anos traballando fóra.

Permitíame xogar co pasado e o presente, e iso tan importante que é a reciclaxe. Moitas veces nos dá medo abandonar a nosa vida cómoda e dar un xiro radical. Coñecín unha persoa que traballaba nun banco e que se converteu en agricultor ecolóxico. Eu levo toda a vida facendo xornalismo e de súpeto metinme a escribir. E a novela xoga co pasado, os recordos que esta persoa tiña dunha infancia e adolescencia que non foi feliz, morréronlle os pais...

Recollía tamén os traumas do pasado na súa primeira novela.

Interésame como a túa infancia determina totalmente a túa vida, mesmo de xeito inconsciente. Inflúe en todo, e facendo autorecoñecemento doume conta de canto me inflúe a min. Nesta obra iso non está tanto, na outra si. Quería facer un cambio de rexistro, e ao mellor como a primeira tiña moita carga emocional, de dor, perdina e quedei máis lixeira para poder reflectir unha parte miña que quedaba máis agochada: a parte máis pallasa, de broma.

O emprego do humor sérvelle para tratar temas serios?

Nesta falo de cousas duras, importantes, temas sociais de actualidade, pero empreguei o humor porque así a xente que pasaría destes temas se cadra lle entran sen querer. O xurado describiuno como parodia, pero eu non usaría o termo porque non me río dos personaxes, que trato con moitísimo agarimo. O ton ten que ver moito máis co mundo máxico, de forzar a realidade. E moitas cousas que che parecen inventos non o son. Hai unha personaxe que ten de mascota un porquiño que se comporta coma un can; pode parecer un invento, pero é realidade, que sempre supera á ficción. Gústame moito a realidade paralela, a xente diferente, á marxe da norma. A novela ten moito de reivindicación das persoas diferentes, e de colectivos minoritarios, a sociedade marxinal.

Cortés tópase co asasinato dun veterinario, un clásico do xénero negro que leva os personaxes a falar con outros para investigar.

Eu son moi fan da novela negra. Das primeiras de Vázquez Montalbán, Raymond Chandler... Eu emprego a trama da novela negra, pero como desculpa. Hai unha investigación, un misterio para atraer o lector á historia, pero conto outros temas que a min me interesan. Na novela hai referencia a CSI Las Vegas, o de Grissom... Bebo moito diso e inflúeme na forma de escribir.

Que temas sociais quería reflexar na novela?

Hai tres centrais. Tanto os personaxes principais como os secundarios son de clase traballadora, que é a que me interesa. É a que eu pertenzo, teño a conciencia de clase moi clara desde sempre. A protagonista, ou coprotagonista, porque a novela é bastante coral, tiña como anterior traballo patronista de Inditex.Outra muller que coñece cóntalle das cooperativas téxtiles que traballaban para Inditex. Teño familia cercana que traballou alí e que me contaba o durísimo que é ese traballo. Quería reivindicar ese traballo de tantas mulleres galegas que estiveron nesas cooperativas, desde os 80 ata case agora. Sempre sacamos nos xornais como sobe Inditex, pero ese éxito dunha empresa galega é grazas á base destas mulleres. Teñen unha parte dese mérito de como está agora ese emporio. Era un traballo moi duro, pero moitas coas que teño falado están moi orgullosas, porque en moitas casas foi un sustento fundamental. Para moitas foi o primeiro salario e supúxolles a independencia económica, e quería contar tamén iso, que é marabilloso.

De que temas quería falar?

Tamén dos fillos dos avós. Pais e nais emigraron a Suíza, a Bos Aires, para buscar un futuro e progresar, e tiveron moitas veces que deixar os fillos cos avós, acó, e estes convertéronse en pais. E despois, cando volvían os pais, os fillos rexeitábanos. Ese é un drama absoluto, arrepiante e tremebundo que dá para moitísimas historias. Eu vivino, crieime cos avós, e sei o que é iso. Está representando no outro coprotagonista, un policía local que axuda na investigación e estivo nesa situación.

E o terceiro colectivo?

Non o conto por agora, porque espero que a xente lea a novela. Vouno poñer como unha sorpresa. A protagonista pertence a unha etnia que sufriu, e sofre aínda hoxe, moitísimo rexeitamento social e sobre a que hai moitísimo racismo e prexuízos, nalgún dos cales me recoñezo. Coa novela quería machacarme a min mesma por eses prexuízos.

Como cambiou o proceso de escrita, en relación a Non temerás os coches amarelos?

A primeira novela tiña unha parte autobiográfica, a partir dun accidente moi grave que tivo miña nai. Permitiume pasar por todas as etapas dunha dor brutal, que afecta a toda a familia. Iso, unido a todas as dores e traumas da infancia. É moi duro de escribir, hai partes que dis non o escribo e fórzaste, pero logo o lector nota esa verdade. Fálase da carga liberadora de escribir, e efectivamente, é como se descargaras un peso de enriba. Agora xa me parece que iso non me pasou a min. Logo queda a outra parte, na que eres máis ti... Esta novela xa non ten nada de autobiográfica, excepto algún personaxe baseado nalguén que coñezo. E mentres que a outra novela me levou moito tempo escribila e deille moitísimas voltas, nesta non ten nada que ver. Tiña unha idea da que partir, e pedín unha excedencia de tres meses no traballo. No primeiro mes fixen outras cousas, e os outros dous, xullo e agosto do ano pasado, dediqueinos a escribir. Tiña moi clariña a idea, e escribina dun tirón. O ton de humor, con algún elemento máxico, penso que me permitiu avanzar máis rápido, máis lixeira.

De que bebe o ton máxico?

Para min é unha honra recibir o Xerais por toda a lista de premiados, e entre eles está Darío Xohán Cabana. Cando era moi nova, Galván en Saor descubriume o mundo. Sempre me gustou moito o mundo case máxico. De Cunqueiro, Merlín e familia tamén me influíu moitísimo. E tamén me influíu o tema do meu avó.Iamos por aí adiante polo monte, sentaba nunha silveira e contábame historias de Xan e Pedro, o raposo e mais o lobo... Todo o que é a tradición galega oral, de bruxas, aquelarres, a Santa Compaña... Recibina de forma oral do meu avó, tiven esa inmensa sorte. Un dos personaxes da novela é un avó e está bastante dedicada a el, e en xeral a todos os avós e avoas. O meu, como avó, non puido ser mellor, e é un elemento da infancia, os momentos nos que estaba con el como raios de sol no medio da dor.

Que supón recibir o premio?

É unha sorpresa gañar empezando tan tarde a escribir, como é o meu caso. Para min o Xerais é un premio fundamental para as letras galegas, e formar parte dun colectivo con Antía Yáñez, ou Pedro Feijóo que o gañou hai pouco... É unha listaxe tremenda, e unha honra. Sigo sen considerarme escritora, considérome xornalista. O xornalismo non deixa tempo libre, pero se puidera ter tempo gustaríame poder seguirme dedicando a escribir e algún día sentirme como escritora e merecer estar nesta lista. Os finalistas, estiven aí, son especialista en ser finalista e non gañar, doulles moito ánimo, porque sei o que supón de esforzo e decepción. Pero tamén che axuda.

Cales son os seus plans de futuro na literatura?

Teño ideas ás que lles dou voltas. Ando sempre cunha libretiña onde apunto ideas, frases, palabras que me gustan, e sobre todo titulares, este libro está feito moito con eles. Teño ideas para unha novela, e teño escrito un libro infantil, pero non sei se o sacarei adiante. Teño tamén dous poemarios escritos, pero intentei hai anos escribir poesía e me parece que non son suficientemente boa. Agora mesmo hai escritoras e escritores boísimos, extraordinarios, que están sendo premiados a nivel nacional, así que xa nin o intento. Voume dedicar, se teño tempo e o xornalismo me deixa, escribirei novela. Ideas téñoas, fáltame o tempo.

Cal é a importancia dos animais e do medio ambiente na súa obra?

Crieime na casa dos meus pais, no medio do monte, e de pequena non tiña veciños cos que xogar e facíao cos animais. Cun can que naceu ao mesmo tempo ca min. Criámonos xuntos, e cando a min me zoscaban el choraba comigo e ouveava. Tiñamos unha corte con vacas e eu estaba cos cochiños, coidando deles. O amor polos animais para min é inmenso. Gústanme todos excepto os mosquitos que van chuchar o sangue pola noite, e en Os peidos máxicos de Sultán está o meu can. Nesta novela falo de que cando eu era nova, polos anos 80, había sociedades venatorias que botaban carnaza con estricnina polos montes galegos. Morreron moitos animais: lobos, raposos, aves, miles e miles. E tamén falo do medio ambiente. Non a dato en canto ao ano, penseina en plan futuro: a acción transcorrería en setembro deste ano 2024, cunha seca enorme en toda España. Facendo un pouco de futurismo bastante predecible.

Suscríbete para seguir leyendo