Lúa, Antón, Iria, Xan, Pelouro, Moncho e R01, unha divertida e tenra familia de monecos que vive encol dunha mesa do dormitorio dun neno, son os protagonistas de Os Axóuxeres, o programa multiplataforma que está a desenvolver a Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxecto de dinamizar a transmisión interxeracional da lingua galega nas familias con bebés de 0 a 6 anos, contribuíndo, ao tempo, a difundir a cultura, os valores e a educación a través da música e o xogo.

Nesta nova edición, Os Axóuxeres actualízanse e transfórmanse para adaptárense aos retos dunha sociedade que utiliza cada vez máis medios para relacionarse e educar. Aínda que o programa muda cos tempos, non perde o empeño de ofrecer ferramentas para cantar, xogar e medrar en galego co apoio dos pais, que son, en definitiva, os encargados de transmitirlles aos fillos a lingua galega.

Deste xeito, Os Axóxeres queren converterse nun elemento que favoreza a aprendizaxe do galego nos fogares castelanfalantes e, asemade, que os nenos galegofalantes se identifiquen con personaxes positivos que se expresan coma eles e vexan así reforzada a súa autoestima.

A iniciativa desenvólvese a través de encontros teatrais e dixitais, un espazo na TVG2 e internet. Na rede pódese acceder aos contidos a través da sección infantil da web da CRTVG e mais da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012), onde, amais de consultar o calendario dos encontros, pódese compartir a experiencia de participación neles e descargar as cancións do programa ou xogos e aplicacións para o móbil e para tabletas android. Deste xeito, os rapaces poden seguir a gozar dos Axóuxeres nos seus fogares.

Encontros

Pola súa banda, os encontros teatrais son pezas dunha hora de duración pensadas para cativos de 0 a 3 anos, participativas e con moita presenza da música e o xogo. Así, os membros máis novos da familia dos Axóuxeres, Xan, Iria e Pelouro, xunto co seu amigo marciano R01, cantarán e xogarán nun espectáculo chego de diversión para toda a familia.

Os encontros están a viaxar por Galicia nas fins de semana para seren acollidas no marco das entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A entrada é de balde, pero cómpre reservar praza no teléfono 637 179 304. Este número está aberto ás reservas de cada localidade unha semana antes da celebración de cada encontro.

A estes encontros teatrais súmanse os dixitais, sesións de cine dixital pensadas para nenos de 3 a 6 anos acompañados de seus pais. Nestas actividades foméntase a participación do público con xogos e cancións para desenvolver durante a celebración. A entrada tamén é de balde, ata completar o aforo, e non require inscrición previa telefónica.

Tamén na TVG2

Nesta nova etapa, Os Axóuxeres adquiren unha nova dimensión televisiva para chegar a todos os fogares de Galicia, grazas ao novo espazo do mesmo nome, que se está a emitir dende o 22 de outubro na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2) en horario de luns a venres, ás 7.30, 13.00 e 17.00 horas, no marco da súa programación infantil e do coñecido Xabarín Club.

Este espazo de televisión, baseado no xogo e no fomento da creatividade, está pensado para ver en familia e, sobre todo, para que os adultos poidan extraer ideas para xogar despois coas crianzas e estimular a súa creatividade en galego.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística dálle así continuidade á aposta pola TVG como espazo de promoción da lingua galega, aposta da que tamén forman parte os microespazos sobre o idioma Ben falado!, o programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! (que permitiu emitir curtas de animación en galego elaboradas por nenos) ou a serie Os Bolechas. Deste xeito, poténciase a existencia dunha oferta ampla e variada de programas infantís en galego que contribuirá á aprendizaxe e á valoración da lingua propia de Galicia para os máis pequenos.

Por outra banda, amais dos Axóuxeres, a Consellería de Cultura e Educación segue a despregar outros programas de dinamización lingüística por medio das entidades da RDL. As actividades de FalaRedes (www.xunta.es/linguagalega/falaredes) seguen o seu percorrido durante coas actividades Titerehop e O Señor das dunas. As pezas gravadas de hip hop con monicreques creadas polos adolescentes participantes en Titerehop pódense ver en titerehop.wordpress.com.

O público de todas as idades tamén ten acceso en internet aos Contos arredor do microondas, para darlle continuidade no fogar á dinamización do galego por medio das contadas do Señor das dunas, en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf.