Eduardo Blanco-Amor faleceu na cidade de Vigo o día 1 de decembro do ano 1979. Dende aquela data téñense organizado diversas actividades para promover a súa obra e para dar a coñecer a súa figura de intelectual comprometido con Galicia e coa súa lingua.

Entre moitas iniciativas, cómpre salientar a creación, en 1981, do Premio de novela longa que leva o seu nome e que organizan conxuntamente 52 concellos galegos. A organización da 30ª edición correspóndelle nesta ocasión ao Concello de Fene (A Coruña). O xurado cualificador fallará hoxe este galardón que está dotado con 12.000 euros sendo un dos de maior tradición e prestixio no panorama literario galego. Entregarase na gala que se celebrará ás 21.00 horas na sede da Sociedade Cultural, Recreativa e Deportiva (SCDR) Agarimo de Sillobre.

Pola súa parte, o Centro PEN-Galicia, cuxa creación impulsou o propio Blanco-Amor en 1977 a raíz da súa pertenza ao PEN arxentino e mais á SADE (Sociedade Arxentina de Escritores), celebrará tamén hoxe en Ourense -en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia e coa Deputación ourensá- a IX Xornada en Lembranza de Eduardo Blanco Amor, no 33º aniversario do seu pasamento. Será ás 17.00 horas no cemiterio de San Francisco (diante da campá do escritor).

O acto contará coa presenza de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en funcións; Luís González Tosar, escritor e presidente do Centro PEN-Galicia; Marta Pérez Pereiro, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e Víctor Freixanes, escritor e director da Editorial Galaxia.

Este tributo anual que o PEN-Galicia lle rende ao escritor vense celebrando dende o ano 2003, no que se cumpriron 25 anos da morte do que foi autor de "A Esmorga".