O vindeiro 5 de xaneiro cúmprese un ano do pasamento de Isaac Díaz Pardo, e a súa figura segue a ser lembrada coma un dos grandes baluartes da cultura galega. A súa plural actividade como intelectual, pintor, ceramista, deseñador e editor promoveu a rexeneración do eido cultural galego a partir da segunda metade do século pasado, cando concibiu proxectos tan senlleiros como o Laboratorio de Formas, o Complexo Industrial Sargadelos ou Ediciós do Castro, editorial que celebra o vindeiro ano o seu primeiro medio século de vida.

Nado en 1920 en Santiago de Compostela, a educación de Díaz Pardo estivo marcada pola estreita relación que seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, mantiña con intelectuais galeguistas tan sobranceiros como Otero Pedrayo, Castelao, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco. O seu compromiso coa patria comezou en 1936, cando participou activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia. Tres anos máis tarde accedería a unha bolsa de Artes Plásticas na Deputación da Coruña, e estudaría despois Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid.

Tras unha etapa dedicada á pintura, en 1948 entregouse por completo á posta en marcha da fábrica de Cerámicas do Castro. Xa en 1963, constituiría na Arxentina, xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane, o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades industriais e culturais como o Complexo Industrial Sargadelos, a editorial Ediciós do Castro; o Museo Carlos Maside; o restaurado Seminario de Estudos Galegos; ou o Instituto Galego de Información.

Emotivo acto

Para honrar a memoria de Díaz Pardo, o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid (institución dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística e dirixida por Carmen Mejía Ruiz) celebrou o pasado 26 de novembro un emotivo acto de homenaxe que congregou a un monllo de persoas achegadas á obra e vida do artista.

O encontro, que tivo lugar no Ateneo de Madrid, foi promovido ademais pola Cátedra de Estudios Gallegos do Ateneo, dirixida por Miguel Losada, e coordinado por Ricardo Pichel Gotérrez, profesor-lector da Universidade Complutense.

O acto deu comezo co testemuño persoal de tres mulleres moi achegadas a Díaz Pardo: María Victoria Villaverde, viúva de Ramón de Valenzuela; Inés Canosa, a alma do Sargadelos de Madrid; e mais Constanza Tobío, filla de Lois Tobío.

Para lembrar o inxente labor cultural e humano do homenaxeado, participaron tamén un grupo de profesores e alumnos de galego en Madrid, que lle puxeron voz a Isaac coa lectura de dous dos seus textos poéticos: "Cacheno" e "A unha rapaza de Fontán que me pousa de modelo", ámbolos dous publicados na revista Aturuxo nos anos cincuenta.

De seguido chegou o momento de escoitar a Xesús Alonso Montero, emblemático profesor e académico da lingua galega, que falou aos presentes da vida oficial e a obra subversiva de Díaz Pardo, tanto antes como despois da morte de Franco.

Clausuraron o acto Fermín Bouza, Manuel Pereira, Luz Pichel e Rafa Yáñez, destacados poetas 'madrigalegos'; e Amancio Prada, quen deleitou ao público con dúas pezas poéticas musicadas de Celso Emilio Ferreiro e Federico García Lorca, esta última aínda inédita.

>>

Cincuenta anos de quefacer editorial

O vindeiro ano celébrase o quincuaxésimo aniversario de Ediciós do Castro, a vertente editorial do Grupo Sargadelos. Fundada en 1963, naceu co propósito de recuperar a memoria histórica de Galicia, estudar a súa realidade actual, e espallar as nosas bases económicas e formas culturais.

Dentro do seu catálogo, que se espalla dende a poesía ata a etnografía, pasando polo ensaio, a narrativa, a economía ou a historia, destácanse a colección dedicada ás publicacións do Seminario de Estudos Galegos, a serie Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia, ou os Cadernos do Seminario de Sargadelos e do Laboratorio de Formas.

Os dous primeiros títulos publicados por Ediciós do Castro foron "El toro Júbilo", gravados de Luís Seoane, e "El ceramista Erranz y su escuela", monografía de Díaz Pardo. Logo seguiron libros de Curros Enríquez, Blanco Amor, Daniel Cortezón, ou Neira Vilas, que leva publicadas 25 edicións da súa famosa obra "Memorias dun neno labrego".